Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 18 de decembro de 2014

Boletín para as familias en Silleda

Un dos compromisos que tiñamos pendente no ENDL do IES Pintor Colmeiro de Silleda era o de distribuir entre a comunidade educativa información sobre a situación social da lingua galega no noso entorno máis próximo. Tiñamos feito un estudo bastante completo ao respecto, pero que aínda que pode servir como base para o traballo normalizador non é operativo para a difusión pretendida.
Non foi elaborado con idea de aproveitar a repercusión que están a ter os datos do IGE pois, como se pode supoñer, a elaboración do boletín é previa a todo iso, pero si que se fai referencia aos resultados que o IGE distribuíra hai un par de meses.
Recolléronse os datos máis significativos do estudo sociolingüístico feito no centro e a un tempo na columna da dereita envíase información de corte sociolingüística de forma que sexa comprensible por todos facendo incidencia nun par des aspectos:

  • O galego é unha lingua de relevancia mundial (nun total de 5.000 linguas) o barómetro Calvet colócaa no posto 49, por riba de linguas europeas como o flamenco ou doutras que contan cun gran número de falantes como o xavanés (84 millóns)
  • A proximidade do galego co portugués é unha ventaxa permítenos establecer comunicación con 220 millóns de persoas. Ademais todos os galegofalantes desenvólvense ben en castelán (isto non se dá ao contrario) polo que podemos comunicarnos cun total de 600 millóns de habitantes do planeta cando o inglés é lingua de uso (primario ou secundario) de só 500 millóns.

Todos estes datos poden comprobarse no etnologue

Ningún comentario:

Publicar un comentario