editorial de El Correo Galego
DICIR QUE AGONIZA aos poucos -ou aos moitos, tal como imos- a lingua galega non é practicar catastrofismo, nin querer resucitar o informe dramático do profesor Alonso Montero; é un exercicio de responsabilidade crítica, do que esta Casa -que mantivo con vida durante case dúas décadas, contra vento e marea, a fermosa aventura de sacar á rúa todos os días un periódico en galego- non pode nin quere abdicar. Por se alguén quere ver victimismo utópico, escribimos en base a datos oficiais do Instituto Galego de Estatística, que confirman que a folla de ruta do plurilingüismo está a matar o idioma propio deste sufrido país noso. A todos debería preocuparnos, comezando pola Xunta, que só un de cada catro menores de quince anos fale galego habitualmente. A todos debería preocuparnos, comezando pola Xunta, que o 31% de persoas que fala só en galego estea doce puntos por debaixo da taxa rexistrada hai dez anos. A todos debería preocuparnos, comezando pola Xunta, que a porcentaxe de poboación que fala máis en galego que en castelán caese seis puntos sobre 2008, para quedar nun modesto 20%, superada polos que falan máis castelán que galego (22%), logo de dispararse seis puntos nestes seis anos últimos. A radiografía que onte deu a coñecer o IGE tamén deixa moi claro que o uso do galego é desigual, dependendo da idade da poboación. De feito, é tramposa esa media que apunta que un 51% fala máis galego que castelán. A realidade mostra que en todas as franxas até os 50 anos, o uso do galego está moi por debaixo do 50%, escandalosamente nalgúns casos: nos menores de 15 anos non pasa do 25%, entre os 15 e os 29 anos queda nun escaso 37%, e entre os 30 e os 49 anos chega ao 44%; é a partir dos 50 cando a taxa se dispara con afouteza por enriba do 60%. En resumo, a política de normalización é un absoluto fracaso nas idades escolares e canto máis novos, maior é a desfeita para o idioma de Rosalía e de Curros, de Castelao e de Otero Pedrayo; do pobo, en definitiva. Non se trata de demonizar o plurilingüismo, todo o contrario, pero o Goberno de Feijóo e todos os que veñan detrás deben saber que se deixan morrer a lingua matria -un tesouro sen o que non teriamos historia, nin cultura, nin seriamos o que somos- para que aprendamos inglés -por que non chinés, ou alemán, xa postos?-, estarán matando o país. O informe do IGE debería poñernos as pilas a todos, que asistimos, pasmados, á agonía do galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario