Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 15 de decembro de 2014

Galego a flor de pel

por Goretti Sanmartín Rei en ideas.gal:

Se falamos de facer contas a respecto dos anos de réxime autonómico, é obrigado situármonos, tamén persoalmente, case 35 anos atrás. No curso 1980-1981 eu estaba en 3º de BUP (o primeiro de Bacharelato da actualidade). Tiña aulas de latín e grego en galego. Tamén de Historia, estas impartidas por unha profesora que xa nos dera clase o ano anterior, nese caso de Xeografía, en español. Custounos entender a súa mudanza. Pasamos unhas cantas semanas amargándolle a vida por non entendermos a súa decisión. E iso que falabamos galego e que tiñamos moito profesorado a dar as aulas nese idioma. Non había aínda lingua e literatura galegas como materia. Viña xusto detrás de nós. Entendiamos que nos deran as aulas na nosa lingua quen sempre falara nela, ou quen nós pensabamos que sempre falara nela, pois o ano anterior non reparabamos en que tamén había docentes -como Silvia- que acababan de elixir o galego como lingua de ensino, unha boa parte (non a totalidade) xa para sempre. Viamos Mari Colino como unha muller da burguesía compostelá educada en español e xulgabamos que non existían razóns para ela mudar de lingua. Que pouca xenerosidade tiñamos!, canta paciencia connosco! Afortunadamente demos cunha excelente persoa, unha mestra que chegou a tempo a sentir o galego como propio, igual que o seu tan admirado Otero Pedraio, unha muller que faleceu poucos anos despois vítima dun cancro de mama, daquela con moitas menos posibilidades de curación que hoxe. Tamén esas son contas por botar.
Tiñamos aulas de literatura española en galego. O ano seguinte foron as de lingua española en galego. Nunca nos fartaremos de dicir o magnífico profesor que foi Paco Rodríguez. E sentimos o medo nas nosas calugas cando chegou o 23F e non veu a clase uns días, el e outros membros do profesorado.
Paco dicía que para descubrirmos o galego (unhas persoas un pouco, outras moito, a dependeren do seu contexto) só tiñamos que levantar un pouco a pel. Alí estaba, baixo a primeira capa, a asomar coa intención de se exhibir. Alí foi onde tantas alumnas e alumnos decidimos darnos unhas boas fregas e apañar caldeiros de palabras e expresións. A situación sociolingüística do noso país é diversa. Xa daquela o era. Pode ser que houbese lugares, sobre todo, persoas, onde este galego a flor de pel xa era estraño. Na Estrada, tanto nas aldeas como na vila non o era; o galego abrollaba directamente ou mantíñase a flor de pel, na maioría das vilas do país, mesmo nalgunhas cidades en amplos sectores da poboación. Ese foi un dos elementos que determinaba que apostásemos por modelos que fosen pouco a pouco ampliando a presenza do galego nas aulas, mais coa idea de ter que ser un criterio universal, para todo o mundo. Porque o galego estaba a flor de pel. O resto viría de seu.
A materia de Filosofía era a única que recibiamos en español, ese ano e o seguinte. O profesor de 3º era un cóengo a quen lle gustaba que o alumnado rise as súas bromas. E imos deixalo aí, que esas son outras contas.
Fagamos contas. Achégase o ano 2015. Estamos xa a piques de celebrarmos o centenario das Irmandades da Fala. E uso do galego descende non só polo asfalto cidadán, senón que tamén baixa a rolos polas herbeiras. Mais, con todo, existe un mantemento do uso do galego consciente que fai posíbel que revertamos a situación. Porque na decisión de Mari Colino en 1980 estaban presentes as Irmandades e ela impulsouse no seu labor para dar un salto que non caía no baleiro.
Ano 2015. A política lingüística do goberno actual está, máis que nunca, orientada a que non existan persoas que teñan a tentación de levantaren a pel e a que, en caso de o faceren, constaten que navegan no baleiro. Porén, hai sectores cun compromiso lingüístico radical e unha tal cantidade dignísima obra estética (literaria, musical, cultural) en galego que fan posíbel que sigamos aí, a aturar tempestades de sal. Porque, como ben dixo outro dos nosos mellores valores musicais, Caxade, na actuación nese espazo -o Culturgal- que demostra que aínda tempos país, o pasado non é importante só para o presente, senón que é imprescindíbel para nos apoiarnos nel e impulsármonos cara ao futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario