Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de decembro de 2014

Un novo pulo para a lingua

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

Dicíamos a semana pasada que unha política lingüística eficaz habería apoiarse na complicidade social e mesmo ratificarse a medio dun referéndum ou consulta. Mais que é o que hai que mudar nesta nova política?
O Goberno Feijóo non é o único responsábel do devalo nos usos lingüísticos, mais si un dos principais. E non só polo dano inflinxido por algunhas das súas políticas, senón nomeadamente polo relato desenvolvido dende hai seis anos, como ven de sinalar o sociolingüista e secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Para desenvolver os usos dunha lingua minorizada fronte á privilexiada lingua castelá é preciso, mais non abonda, un relato de goberno a prol da lingua. E éste falta dende hai seis anos. O que latexa dende as políticas autonómicas desenvolvidas por Feijóo (supresión da obriga de coñecer a lingua para acceso á función pública, erradicación do galego como lingua vehicular para matemáticas e ciencias) é a idea da prescindibilidade do galego. Os efectos sociais deste relato gobernamental son letais.
Sen dúbida é urxente a remuda nas políticas da Xunta-e tamén nas dos gobernos locais da Coruña e Vigo-. Compre derrogar o Decreto de plurilingüismo do 2010 para garantir un coñecemento e uso da lingua tan fluídos como os do castelán. Mais tan importante será restaurarmos un consenso político e social sobre a lingua, coa finalidade de quitala fóra do debate político, de xeito que a conxuntura electoral non inflúa no rumo da política a seguer.
Han ser desenvolvidas novas políticas dende o consenso. Políticas radicalmente esixentes coas Administracións Públicas, concesionarios e contratistas das mesmas, pero moi abertas, amábeis e seductoras coas persoas e entidades privadas. Tentando gañar espazos para o uso da lingua alén dos mundos da educación e da cultura. Sanidade, xustiza ou empresa son sectores nos que a lingua ten moito por avanzar e nos que axentes sociais coma as Irmandades Xurídica e Sanitaria, Foro Peinador ou a Irmandade de Adegueiros están a desenvolver un traballo dende a base continuado e eficaz. Porque no mundo empresarial, profesional ou deportivo o uso da lingua amosa identidade e a identidade distingue o produto. Mágoa que moitos políticos non o dean entendido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario