Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de decembro de 2014

MATEO

por Andrés Coruñago, nas Voces de Prolingua:


A prezada e querida Malores Villanueva invítame a que conte para os amigos de ProLingua como un neno de sete anos, Mateo, xa é dono dun ben inmoble de carácter etnográfico, un monumento da nosa arquitectura popular, unha obra de arte, un símbolo da fartura: un canastro, que noutras partes do dominio lingüístico galego ten denominaciónse como cabazo, piorno ou hórreo. Unha herdanza que o seu avó recibiu en 1983 do tío-avó Anxo Couñago Pousada. Recentemente foi restaurado e posto en pé no eido ''O Cudomouro'' para doarllo o día 30 de novembro perante corenta persoas que foron convidadas e testemuñas do cumprimento e da promesa feita.

Mateo, a pesar da súa curta idade xa conta con algunhas vivencias que creo han ir deixando nel un ''pouso'' que lle terán que axudar a conformar, chegado o tempo, as súas ''raíces e ás'', a súa personalidade. Está en segundo curso de ensinanza primaria, fala correctamente galego e castelán e recibe clases particulares de inglés e italiano; os seus pais saben que o coñecer outras linguas, desde o galego, é bo para a saúde mental e penso que tamén para a da alma.Nas catro ou cinco horas que pasa tódolos días co seu avó, dedícanse a coñecer o territorio e os lugares máxicos do Concello, a distinguir a árbores do monte e as froiteiras, a viaxar en tren e a botarlle carreiras cando inicia a marcha na estación de Redondela; a coleccionar maquetas de trens e de barcos (son dúas das súas afeccións), unha delas un exemplar grandísimo do Titanic; a andar en barco pola ría, desde Ponte Sampaio ata a ponte de Rande, pasando pola illa de San Simón e saudando sempre o Capitán Nemo; a ler contos dos Bolechas, de Kalandraka, de Xerais..., a escoitar as músicas de ''Mamá Cabra'', da Asociación de Gaiteiros, os audicontos de Galaxia..., a ver o ''Xabarín Club'' e películas na TVG, e todas as que había con audio en galego no Corte Inglés e no Media Markt de Vigo, de Doraemon, de Sinchán , de Pinocho...unhas corenta, todo o que había.Non volveron a repoñelas (unha miseria) e agora hai que pedilas directamente á distribuidora (Luk Internacional) que está en Barcelona. Nunha ocasión, despois de adquirir unha película no Media Markt, por erro da vendedora, mercámola con audio en castelán e catalán. Ao día seguinte fomos cambiala. Cando nos pediron explicacións polo cambio (xa estaba desprecintada) o Mateo contestoulle: porque non fala coma nós. A pesar da súa pouca idade eu creo que o Mateo xa percibe os ''conflitos'' e a discriminación que sofre unha das súas linguas, a dos seus devanceiros, a propia de Galicia. Outras veces ten preguntado por que tódolos nenos do colexio falan en castelán; inténtase contestarlle da maneira máis apropiada: Mateo, os nenos que falan galego e castelán saben máis, non te preocupes.Como doe escoitar estas cousas. Como doe saber que somos capaces de admirar obras de arte coma a que acabamos de regalarlle ou calquera outra construción histórica do noso país e non acabamos de ver e, polo tanto, de valorar que a maior de tódalas obras de arte é esta lingua que nos habita, a nosa lingua propia, unha lingua que nunca foi nin será de ocupación nin de dominio, nunca de imposición. Como nos doe escoitar dicir que a lingua de aquí é imposta aquí. Que pasa no resto do mundo, tamén están impostas? Como nos doe tanta mentira sen motivo nin razón. Hoxe na saída do colexio comentou: avó, a profe preguntou quen sabía o que era unha miñoca e só souben eu. Feliciteino e lamenteime amargamente en silencio. A conclusión que se extrae da recente estatística publicada polo IGE, tres de cada catro menores de quince anos non falan nunca ou case nunca en galego, dá cando menos para unha reflexión se non queremos que no futuro esta sexa unha xeración de analfabetos do seu propio idioma.
Con todo, eu creo que Mateo ha de querer e sentir afecto, cariño e apego pola doazón que lle fixemos, por tratarse dunha obra de arte, polo que significa, polo que é e pola carga sentimental que simboliza. Nun dos cadros pintados por Castelao, representa un canastro con dous cativos, unha rapaza que le e un neno que, deitado á sombra, escoita. O cadro ten un pé : ''fartura para o corpo e fartura para o espírito'', ideas que simbolizan o canastro ateigado de millo e os nenos a leren. Este foi o legado que recibiu Mateo o pasado 30 de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario