Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 3 de decembro de 2014

Traballar para o inglés

por Robert Neal Baxter, no Terra e Tempo:


Volto a un tema sobre o cal xa escribín hai case dous anos mais que, infelizmente, segue a ser de actualidade: a imposición do inglés como suposto mérito universal e necesidade vital maquillada de ‘internacionalismo’ e ‘plurilingüismo’.

Persoalmente, por un lado, confeso ser un grande entusiasta do plurilingüismo, e actualmente estou a tentar aprender algo de finés e, por outro, sempre acreditei no internacionalismo como un dos alicerces do nacionalismo. Ora, que non nos tomen por parv@s: cando se fala de ‘plurilingüismo’, o que enmascara case sempre é o imperialismo lingüístico que se reduce ao monopolio exclusivo do inglés. E así o recoñece con total despudor o denominado Plan de Internacionalización Lingüística que a Universidade de Vigo acaba de pór en marcha: “[unha] oferta académica impartida en linguas estranxeiras, nomeadamente en inglés”. (sic!).
Por que soamente en inglés? Por que non tamén na lingua de Goethe para preparar tod@s @s cientistas, enxeñeir@s e técnic@s que formamos con este diñeiro galego que nos sobra para que vaian levantar a pobre Alemaña? Ou mesmo –deus nos libre!– na lingua de Camões, para tornar unha realidade a fantasmal Euro-rexión da Galiza-Norte Portugal, coa universidade de Vigo como un dos seus centros académicos de referencia neste seu entorno natural, a apenas uns 30 quilómetros da Raia?
Se ben, en termos xerais, os obxectivos expresos deste Plan poden parecer a priori moi loábeis, a pouco que rasquemos se descobre a farsa. Leamos: “O fomento do plurilingüismo dentro das súas liñas estratéxicas [...] ten como obxectivos principais incrementar o número de estudantes estranxeiros recibidos na nosa universidade [...]; promover o coñecemento e uso de idiomas por parte da comunidade universitaria; incrementar o número de materias impartidas noutras linguas [...]”.
Ao lermos entre liñas, a cousa revela ser bastante menos lisonxeira. Vaiamos por partes: en primeiro lugar, atraer estudantes estranxeir@s está moi ben e é moi enriquecedor para todo o mundo, mais a función principal dunha universidade pública galega, financiada co diñeiro das galegas e dos galegos, non pode ser outra que atender as necesidades do proprio país, proporcionando e fomentando a formación e investigación precisas para o desenvolvemento da Galiza, que boa falta lle fan. Da formación do seu estudantado que se preocupen os seus respectivos países. E, pergúntome, se é que o uso do galego como lingua vehicular nas aulas non sexa do agrado do estudantado estranxeiro, acaso habería que suprimilo tamén en prol da tan devecida ‘internacionalización’?

U-lo galego en todo isto? En canto o plano estabelece mecanismos para “o esforzo do profesorado que imparte docencia en inglés”, incluída a súa “inclusión como mérito específico no baremo dos procedementos de contratación de profesorado”, o Plan de Política Lingüística da mesma Universidade recoñece que “Non hai incentivos de ningún tipo para cambiar de lingua na docencia” no caso do galego... É de todo posíbel que haxa profesorado que actualmente ministra aulas en galego que o substituír polo inglés para poder seguir avanzando profisionalmente neste mundo tan complicado. E así nos vai: ao mesmo tempo que existe, por exemplo, un extenso Catálogo de materias con docencia en inglés (lingua allea) nos graos que oferta a Escola de Enxeñería Industrial, “No caso do profesorado, o 16,9% indicaba que usaba o galego sempre ou maioritariamente nas clases, o 16,6% afirmaba que a utilizaba na redacción de exames”. Ao tratarse dunha media global, a taxa sería previsibelmente moi inferior no caso das ciencias. E, con todo o cinismo do mundo a respeito da lingua propria da Galiza á que vira as costas, o mesmo Plan de ‘Internacionalización’ (máis correctamente de ‘anglicización’) recolle explicitamente que: “O idioma de docencia ten un impacto relevante nos resultados do proceso de aprendizaxe, xa que este contribúe de xeito determinante ao desenvolvemento cognitivo e cultural do estudantado”. Pois iso!
Por outra banda, permitide que teña as miñas dúbidas a respeito da eficacia da docencia nunha lingua que –moito me temo– non domina suficientemente nen a maioría do profesorado, nen a maioría do estudantado, por moito que o Plan contemple vías de ‘habilitación’ exprés. Se cadra me trabuco, mais sempre pensei que a razón de ser da docencia radicaba na transmisión de coñecementos e a capacidade analítica da materia en cuestión. Para a aprendizaxe das linguas xa están as Escolas Oficiais de Idiomas públicas e unha plétora de academias privadas que abrollan como cogomelos, nutríndose do absurdo frenesí de ter que certificar os coñecementos de inglés (que non é o mesmo que saber inglés). Pois, para quen non o saiba, na Universidade de Compostela entre outras: “Os estudantes das titulacións de grao para a obtención do seu título deben acreditar o nivel B1 de coñecemento dunha lingua estranxeira”. Onde pon ‘lingua estranxeira’ léase maioritaria (aínda que non exclusivamente) ‘inglés’.
É un paroxismo do absurdo máis proprio dunha obra de Kafka do que da universidade do século XXI pensar que se podería chegar a ensinar ‘Historia contemporánea da Galiza’ en Vigo, ‘Xeografía da Galiza’ en Compostela, ou ‘Constitución [española] e poder xudicial’ na University of La Coruña (sic.) en inglés. Resulta tan espantosamente carente de sentido como ensinar coñecemento do medio en inglés en primaria. Que medio? O noso? Quen sabe como se di aciñeira, sobreira, garduña, furafollas, arroaz ou escribenta en inglés? Diría máis: Que sentido ten que o saiba unha rapariga galega ou un rapaz galego de seis ou sete aniños?
Mais o sentido –ese sentidiño tan galego– é o que falta en todo isto, trocado por un rimbombante traxe de luces de pacotilla. A calidade do ensino é o de menos: o importante son as estatísticas de cara á galaría. Vai ser que, no papel, Vigo é a primeira universidade ‘española’ que imparte docencia en inglés, etc., etc., etc. Debe ser tamén unha das primeiras universidades europeas onde vai acabar habendo máis docencia en linguas alleas que na lingua propria! A fraude do ‘pluripaletismo’ para encubrir o rexeitamento do proprio é un auténtico delirio nascido do máis puro autoodio que inza na fértil bosta de séculos de colonización.
Xa basta de traballar para o inglés, que o digo eu! Xa é hora de pór as mans á obra e traballarmos para o noso. Ensino público, galego e de calidade!

Ningún comentario:

Publicar un comentario