Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de abril de 2010

Queremos Galego o 17 de maio

e tamén Queremos Galego o 18, e o 19, e o 20, e 0 21, e o 22, e o 23, e o 24, e o 25, e o 26, e o 27, e o 28, e o 29, e o 3o, e o 31, e o 1 de abril, e o 2, o 3,...


... e o 20 de setembro, e o 21, e o 22, e o 23, e o 24, e o 25, e o 26, e o 27, e o 28, ...
Continuará.

Un sociolingüista menos


Estamos a fin de mes. Revisando rascuños que tiña perdidos polo ordenador atopei un artigo moi recomendábel de principios de mes (1/4/2010).
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia

Entre ser un nacionalista emboscado nun goberno da dereita e ser un españolista furibundo aliado na destrución do galego (sic, ou case), Anxo Lorenzo prefire ser todo o contrario. Cando se lle pregunta se o decreto do bipartito “impoñía” o galego, contesta cun siloxismo que xa nos resulta familiar: a sociedade galega así o interpretou, e por iso lle deu a presidencia da Xunta a un partido que vai derrogar esa norma diabólica. Calquera cousa menos a súa propia opinión. Se un lle fai ver que ten a metade do Parlamento en contra, comenta a cor das paredes. Cando se lle recorda que unha enquisa ás familias non é unha consulta a toda a sociedade galega, confesa que non toma café. Un amigo con moitas horas de barra clavouno o outro día: desconfía dos que beben os gintonics en silencio.

A conversa con Anxo Lorenzo recordoume outra que tivemos na redacción con Gloria Lago. Equiparar o ex asesor do PSOE e a activista de Galicia Bilingüe sería cientificamente temerario, pero hai que recoñecer que a súa retórica empeza a parecerse demasiado. E en Xornal, dende logo, ambos foron igual de evasivos. Técnicas diferentes, si, pero análogas. Ela procede por redución. Elude as contradicións máis obscenas con anécdotas igual de obscenas: se un intenta falar do Estatuto de Autonomía, ela rescata algún rarísimo caso de intolerancia, como o desa presunta profesora que deixaba que os cativos se mexasen por riba se non pedían permiso para ir ao baño en correcto catalán. Xa sabemos como funciona. A consigna é converter a excepción nun síntoma.

Anxo Lorenzo fai todo o contrario. El opera por elevación. De nada serve a teima do catedrático Fermín Bouza por demostrar, dende a ciencia política, que a cousa da lingua nada tivo que ver cos resultados electorais de hai un ano. Anxo Lorenzo non empregou un só dato ao longo da hora e media que pasou no Café de Redacción de Xornal. Ningún. Non os necesita, ao que parece, para saber o que pensa a militancia socialista, que non é o que os seus líderes expresan. Tampouco para estar na cabeza dos traballadores do ensino, malia ás posicións dos sindicatos. Nin para interpretar a vontade dos pais, diferente da que esgrimen as anpas. Só eles –Anxo Lorenzo non está só– saben o que queren as masas. Son o termómetro do respaldo social e o seu diagnóstico é claro: non o hai arredor do galego, así que non se pode lexislar a favor da lingua propia de Galicia.

Por se había dúbidas, Anxo Lorenzo aclaróunolo: “Xa non son un sociolingüista”. Alguén con moita máis experiencia ca min díxome que nacera un político. Discrepo. A min paréceme que é precisamente todo o contrario: a negación da política. A renuncia a consensuar un modelo de convivencia e articular as ferramentas para construílo. Barra libre nas escolas, que no resto da cousa pública xa hai tempo que funciona a rapina. De feito, creo que habería que rebautizar o seu departamento. A súa, en diante, debería chamarse Secretaría Xeral de Autoservizo Lingüístico. E de Adivinación, claro.

Educación e patriotismo

por M. de Bran, en Galicia Hoxe

Por gobernar Catalunya case todo o tempo da súa autonomía os nacionalistas, esta nacionalidade histórica ten un sistema educativo patriótico, que ensina a coñecela e amala, a usar a súa lingua propia, a defender os seus intereses e riqueza, a fomentar o seu progreso, e a impedir que ince nela o españolismo colonizador, a pesar da moita leria e argumentos que os políticos españolistas empregan para llo infundir.

Galicia, en cambio, nacionalidade histórica e con lingua propia coma Catalunya, por gobernala case sempre desde que é autónoma os españolistas, nunca chegou a ter un sistema educativo patriótico, que lles ensinase ós nosos alumnos canto dixemos que lles ensina o catalán ós seus. E debido a isto, hai moitos galegos españolizados. Ata tal punto, que hoxe a nosa terra é o máis grande viveiro do españolismo en España, cuns cen mil afiliados e unhas cen sedes do PPdeG. Fraga, un franquista directo, que gobernou a nosa autonomía de 1989 a 2005, foi un dos grandes responsables da españolización de Galicia. Hai tempo que nós escribimos que se perdeu máis o galego en dezaseis anos de fraguismo ca en corenta de franquismo. Realmente, xa non viñera a Galicia para fortalecerlle os seus atributos de nacionalidade histórica, dos que o principal é o idioma, senón para impedir que callase nela o nacionalismo galego de dereitas. Polo tanto, cando se facía pasar por galeguista e camaradeaba cos nosos campesiños, era para que o votasen. E estes votárono tan devotamente que cando viñan as eleccións autonómicas dicíanlles uns ós outros: "¡Hai que votar a Fraga!".

Cara ó final do seu cuarto mandato, precisando obter para o quinto votos noutros ambientes porque os campesiños ían morrendo, Fraga dixo cousas que parecían dun galeguista, das que chegou noticia ós españolistas de Madrid, que se puxeron auribus a rectis, "coas orellas ergueitas", estrañados. E foi entón cando Carlos Luis Rodríguez, analista político de El Correo Gallego, escribiu un artigo en El Mundo (22-11-2003) intitulado El Fraga anómalo, para tranquilizalos e dicirlles o que escribimos antes, que Fraga viñera a Galicia só coa intención de que non callase nela un nacionalismo de dereitas, obxectivo que lograra facéndose o galeguista. E que nisto consistira a "gran astucia de don Manuel".

Agora volve gobernar Galicia outro españolista, Núñez Feijóo, un clon político de Aznar e de Rajoy. Os tres, e moitos máis, están obsesionados con implantar nas comunidades autónomas con lingua propia un sistema educativo sen patriotismo, para eliminárllela. E confabulados para levar a cabo esta política, Feijóo xa a iniciou na súa campaña electoral, coa vil intención de sacar votos á conta dela. O que, por certo, non fixo Fraga nas súas campañas, nas que nunca dixo nada contra o galego. Feijóo, na súa, anunciou que derrogaría o decreto sobre o uso do galego do goberno anterior, que pouco máis o favorecía có de Fraga de 1995. E xa gobernando, presentou o seu maquiavélico Decreto do plurilingüismo, rexeitado por todos menos polos españolistas, que agora estuda o Consello Consultivo de Galicia, do que esperamos que tamén o rexeite. Galicia é a cobaia do PP para experimentar nela a súa política lingüística, que non é outra cá de querer a imposición do castelán en toda España, e a de debilitar e aniquilar, para o conseguir, as outras linguas dela. O que o PP fai en Galicia non o pode facer en Catalunya nin en Euskadi, onde non pinta nada. Por iso en Catalunya, en todo o ensino non universitario, hai inmersión lingüística en catalán, co castelán só como disciplina. E en Euskadi segue en vigor cos socialistas o marco educativo do PNV, sustentado en catro modelos, dos que o D (ensino en éuscaro, co castelán só como disciplina) leva moitos anos sendo o de maior implantación en todo o ensino non universitario. Como a Catalunya é imposible cambiarlle o seu sistema educativo, Feijóo ándalle facendo as beiras ó lehendakari Patxi López para que cambie o de Euskadi. Pero este, de momento, non lle fixo caso.

Con Franco, o galego estivo prohibido no ensino; con Fraga, tivo pouca presenza nel, case ningunha no ensino infantil e primeiro ciclo de primaria (dos 0 ós 8 anos), que é cando se adquiren as linguas, pois pasada esta etapa non se adquiren senón que se aprenden, e as aprendidas normalmente non se usan; e co decreto de Feijóo aínda empeora o galego porque reduce o seu uso a un terzo das materias, e no ensino infantil, coma Fraga, impón a lingua predominante entre o alumnado, que nas vilas e cidades, despois de tantos ataques ó noso idioma e de tantas omisións del, é o castelán. E por riba de que os nosos nenos non están adquirindo o galego como lingua propia, aínda os malvados españolistas andan coa farsa de estrañarse de que a nosa xente nova non fale o galego.

A Galicia autónoma gobernárona e séguena gobernando os españolistas, que non promoveron nin promoven a nosa lingua e cultura, aínda que eles din que si, co seu cinismo patolóxico. A Constitución non prohibe que unha lingua propia poida ser vehicular, no seu territorio, na maioría das materias do ensino non universitario. Por iso a regulación do uso do galego en Galicia tiña que basearse no que a Constitución non prohibe, aproveitando isto ó máximo, e no que o Estatuto manda, e non no ideario dos españolistas. É o que fan os cataláns e os vascos.

Coa imposición do seu decreto, único en España, que ten que ver coa realidade de Galicia tanto coma o touciño coa velocidade, Feijóo vai crear moitos conflitos e discordias, converténdose nun gobernante que divide. E non hai cousa peor dun gobernante ca dividir os gobernados. Só en Galicia vai haber, se o noso pobo non o impide, un experimento lingüístico tan antigalego coma o decreto de Feijóo, ó que para máis inri lle vai facer propaganda por un millón de euros. Así actúa o austero Feijóo. Un home que desde os vinte e nove anos xanta e cea fóra, segundo el mesmo dixo (El Mundo, 7-2-2009), e que case non deixa día de "percorrer España de plató en plató", segundo dixo Manuel Vázquez e sabemos todos.

Suso de Toro contra Andrés Dobarro

Hai algúns días que Suso de Toro anunciou que deixaba de escribir para volver á docencia. Debe estar tolo o home, volver á docencia tal e como están as cousas! Que mire antes se non o van a poñer a dar clase en español... Si xa sei que é profesor de lingua e literatura galega, pero cos recortes de personal seguramente lle toque impartir algunha afín... entón xa falaremos.
Que Suso de Toro non rexía moi ben xa o sabíamos desde hai ben de anos, pois, a quen co sentido completo se lle ocorrería hai 16 anos deixar a docencia para dedicarse ao oficio de escritor?
De todas formas, podemos comprobar que se deixa de escribir literatura non será porque non sexa quen de establecer reflexións moi acertadas sobre a situación social de hoxe en comparación coa de hai algúns anos, vaivos aquí un anaco do artigo de hoxe de Suso de Toro no xornal El País.
E sorte na túa volta ao ensino.

[...]o escritor interioriza o seu país, víveo dentro súa mental e emocionalmente até un punto no que chega a sentir afogamento: de aí unha necesidade de fuxir ou romper que leva a escritores a pór terra ou océano de por medio, sequera unha tempada. Ou a quitarse do escenario como se poida.
Naturalmente trátase do éxito dun fracaso e do fracaso dun éxito. Ser escritor profesional para min foi un ensaio persoal e da literatura galega: ese desexo de escritores anteriores era posíbel naquel contexto histórico? A democracia na España estabase a consolidar e transformar a sociedade, dunha banda. Da outra, o autogoberno, logo da promulgación do Estatuto de Autonomía, parecía abrir a posibilidade de normalizar a lingua, crear unha cultura descolonizada e autocentrada. Nin os medios de comunicación nin o poder político galego axudaron, a atención e o respecto que se lle dea hoxe aquí á nosa cultura é mérito exclusivo da cidadanía. E a España democrática reconfigurouse sobre o mesmo nacionalismo españolista, o integrismo identitario: os españois son os que falan castelán.
A consecuencia é que un escritor mexicano ou peruano é considerado como propio, porén quen escriba en galego é outra cousa, categoría a parte. Dannos un trato extraño: non nos recoñecen nacionalidade española, tampouco a galega, e trátannos como a estranxeiros. A xenofobia explícita e implícita dos media madrileños é un escándalo: hoxe o éxito de Andrés Dobarro sería absolutamente imposíbel.
Chegado aquí pode ter aparecido o comentario, "e que nos importa o que diga España de nós, que somos galegos?!". Non entro a discutir iso no plano ideolóxico e político, só constato que para que un escritor poida vivir da súa obra ten que estar traducido a outras linguas. O castelán é a primeira lingua á que desexo que se traduza a miña obra. Agora ben, a realidade das relacións de poder fai que o que sería un desexo limpo constitúa unha obriga: dada a nosa debilidade política, para chegar a outras linguas do mundo hai que pasar obrigadamente polo ámbito castelán español, unha verdadeira alfándega que empece a difusión de autores e libros.

O conflito lingüístico no Val do Ellas.


Hai un par de días comentamos que se estaban a celebrar no Val do Ellas, en Estremadura, as xornadas de Lingua e Diversidade, na que participan, entre outros, Xosé Henrique Costas, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG.
No Val do Ellas hai aproximadamente 5000 habitantes que teñen como lingua de seu o galego.
Galicia Hoxe faille unha entrevista a Domingo Frades natural de San Martín de Trevello, un dos tres concellos no que este técnico agrícola promoveu o Manifesto dos tres alcaldes en defensa das falas deste val cacereño, un lugar que sofre a ferida dunha brutal emigración.
Algunhas frases deste cacereño e membro da RAG:
"en tempos, a fala se considerase vulgar, xa que o que tiña diñeiro ía estudar a Salamanca ou Madrid e usaba sempre o castelán". "Non se dá un paso máis para apoiar que se escriban publicacións, ou se fomente a aprendizaxe da Fala" "Métense coa RAG e coa Universidade de Vigo, din que o galego nos quere colonizar... Unha antipatía que para min non ten sentido porque as linguas serven para comunicarse, non para enfrontarse" "O que deberían de facer os galegos, os cataláns e os vascos é falar a súa lingua no Senado e os demais, que os entendan se queren. Todos somos españois e todas as linguas deben ter o mesmo prestixio",

xoves, 29 de abril de 2010

Fogar

O meu Fogar é o de Breogán.
Así me sinto eu no meu Fogar.

Pechándolle portas ao galego


Onte o Senado abríalle a porta á posibilidade de oirmos falar en galego nesa cámara.
Hoxe, Feijóo rexeita o uso indiscriminado do galego no senado. Lembremos que Feijóo é o presidente da Xunta de Galicia, quen con máis forza debería defender, onde fose, a presencia, o orgullo e a dignidade dos galegos e da súa lingua. No entanto considera "razoable" que "moitos cidadáns se pregunten" a razón de que haxa "custes de tradución" na Cámara Alta cando existe "unha lingua común"."É unha pregunta -afirma- que moitísima xente en España, e tamén moitos galegos, se están a facer".
Nós preguntámonos por que sempre é o galego o que custa cartos. Será consubstancial ao español o ser gratuito? Deixamos este novo campo aberto para que o estuden os lingüistas e os econolingüistas.
Cal será o presuposto do Instituto Cervantes, ese organismo adicado á difusión do español? 105 millóns de €? Pois en tempos de crise, hai moita xente en Galicia, e tamén moitos españois que se están a facer a razoable pregunta de se é necesario tal gasto para unha lingua tan difundida. Non deberían gastarse eses cartos en difundir aquelas linguas que non están difundidas?
Cal será o presuposto das televisións públicas en español? 1.100 millóns de € para TVE, 133 millóns de € para TRVM, a televisión madrileña, 240 millóns de € para a tele andaluza, ...
E as 500 leis que obrigan ao uso do castelán nos distintos ámbitos sociais, non teñen custo ningún?
Unha última cuestión: canto custa que apareza a palabra normalización no decreto das linguas no ensino non universitario. Din por aí que un millón de €.
Se fose por cartos!

E despois do "decretazo", que?

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo

Todo o mundo (sensato, enténdase) concorda en que o denominado 'Decreto do plurilingüismo' representa un ataque frontal contra o galego dun alcance inaudito desde a fin do réxime de Franco (de estirpe tan galega como os proxenitores do actual decreto). O aberrante e falso discurso da 'liberdade' dos pais e das nais a exerceren o 'dereito' á ignorancia no nome da súa prole dentro do sistema escolar vai da man do -igualmente falso- discurso da 'imposición'. Destaca a utilización perversa e trampulleira do termo 'imposición', que se aplica alegremente ao decreto anterior, froito do consenso entre todas as partes (até a retirada do PP movido polos ditames da Calle Génova no último momento, iso si), mais non á continuada tentativa de imposición real do novo Decretazo por parte do Partido Popular, pese ao rexeitamento máis explícito de institucións tan representativas como a Mesa Sectorial, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e, xa máis recentemente, do Consello Escolar. Todo un paroxismo surrealista que só ten parangón no feito de as/os médicas/os galegas/os traballaren en Portugal, mentres as/os doentes portuguesas/es son tratadas/os na Galiza, mais iso é xa fariña doutro fol...

Por falta de espazo suficiente para describir este rancio despropósito, limitareime a remitir as/os lectoras/es ao Dicionario Xerais de Sinónimos e Antónimos (véxase a entrada 'burrada' na páxina 108...).

Certamente, un dos aspectos máis preocupantes radica en que, ao lexislar os usos da lingua no ensino obrigatorio, o Decretazo afecta toda a poboación escolar, converténdose efectivamente nunha cuestión que, á súa vez, atinxe a sociedade galega no seu conxunto -teñan ou non fillas/os en idade escolar-, ao recaer o futuro da lingua (entre outras moitas cousas) sobre as súas costas.

Tal vez por iso se ten prestado menor atención fóra dos ámbitos propiamente académicos ao lugar que ocupa a nosa lingua nas universidades galegas: ao non ser o ensino universitario obrigatorio, non afecta todo o mundo na mesma medida. Agora ben, malia non xerar tanta preocupación social, si cumpre lembrar que as universidades non son torres de marfil afastadas da vida do resto da poboación. Sirva de ilustración o feito de a poboación estudantil da capital compostelá representar 32% da poboación residente na cidade (menos altas mais aínda significativas son as cifras de 9% para A Coruña e 7% para Vigo), polo que non se debería subestimar o seu impacto.

A interacción dos usos lingüísticos entre a sociedade xeral e o estudantado e, asemade, a influencia que exerce a práctica lingüística fomentada (ou non) na propia universidade sobre a sociedade en xeral non deixan de ser de interese, sobre todo ao representaren as/os estudantes un grupo socialmente prestixiado, polo que os usos que do galego se fagan servirán quer para consolidar quer para botar abaixo os estereotipos que leva parella a situación de diglosia secular que padece o país: a mesma percepción do galego que tenta consolidar e fomentar a actual Xunta co seu decreto, que sacralizaría o español como lingua propia das ciencias e das matemáticas (materias serias...) mentres o galego fica relegado aos ámbitos considerados de menor importancia.

Cal é, pois, a situación real do galego na Universidade?

Non é a miña intención entrar nunha descrición pormenorizada da situación en cada materia e en cada universidade, para iso están os informes varios que se poden consultar (véxase as notas a rodapé). Abondará cun par de exemplos para termos unha idea desgrazadamente moi clara do lugar que se reserva ao galego nas máis altas institucións académicas do país.

Se, como afirma Narciso de Gabriel (en Lingua e futuro, páx. 113), a situación é un auténtico desastre na Universidade da Coruña, onde, segundo confirman as cifras da Análise sociolingüística da Universidade da Coruña (2005), as materias impartidas na lingua do país non pasan de 9%, as cifras correspondentes á Universidade santiaguesa, ese notorio niño de activismo lingüístico, tampouco son exactamente motivo de celebración: en termos xerais, o galego non excede 27,50% da docencia en 1º e 2º ciclo (algo menos nos mestrados); en 28 titulacións, o español representa entre 80-100%; mentres que estas taxas só as alcanzan 8 titulacións no caso do galego (incluída a propia filoloxía galega).

Todos os datos obxectivos desmenten a falacia (por non dicir 'caroca') da 'imposición' do galego na educación, desta vez no ámbito universitario, proclamada reiteradamente por persoeiros como Roberto Blanco Valdés (La Voz de Galicia, 11/05/2008 e do 05/08/2009), catedrático de dereito constitucional -departamento onde, segundo as cifras oficiais, 83,61% das aulas se dan en español-, ou a estrafalaria declaración dun estudante de dereito da Coruña segundo o cal "nos hemos cansado de la imposición del gallego" (La Voz Libre; 30/09/09). É que para un rapaz de Lugo como el debe cansar moito ter que aturar tantas as aulas (na Facultade de dereito da Coruña, de veras?) na lingua natural do país onde estuda...

Moito se fala de "liberdade" e do "dereito a escoller", mais u-la liberade do estudantado universitario galego de recibir aulas na lingua da súa elección? A liberdade das e dos estudantes está coutada, ostensibelmente, polo dereito do profesorado a optar masivamente por impartir tan só unha mínima parte da súa docencia na lingua propia da Galiza. A este respecto, o seguinte comentario de Goretti Sanmartín (en Lingua e futuro, páx. 80) dá que pensar: "E que maior preconcepto existe que ignorar e mesmo gabarse -como acontece, por exemplo, no ámbito universitario- de descoñecer a lingua propia do lugar onde resides, onde traballas, onde xogas, onde amas?".

É certo que cada Universidade ten aprobada a súa normativa lingüística interna, mais tamén é certo que, na maioría dos casos, os tépedos dereitos que nelas se contemplan non van moito máis alá dos dereitos lingüísticos básicos enunciados no propio Estatuto da Galiza, sendo por tanto, en calquera caso, de obrigado cumprimento tanto dentro das universidades como fóra delas. Ao careceren de mecanismos sancionadores reais en casos de incumprimento, estas normativas non son na práctica máis que un brinde ao sol, demostrándose claramente insuficientes e ineficaces, á luz dos feitos, para garantiren ao estudantado a posibilidade de exercer o dereito a recibir unha educación integral en galego de ser esta a lingua da súa elección (a elección neste caso sería libre e informada, independentemente das preferencias dos seus pais e das súas nais), para así gozaren da mesma 'liberdade' que se reclama machuconamente para aquelas persoas que non queren estudar na lingua propia da Galiza, fronte á imaxinaria imposición do galego na educación a todos os niveis.

De saír adiante (polo método da apisoadora), disque o decreto "garante o equilibrio entre as linguas oficiais" (Xesús Vázquez dixit), mais, aínda que iso for certo (cousa que todo indica non ser o caso), de que serve poder aprender o galego no colexio se logo non se pode practicar de xeito normal máis adiante na educación superior? Por iso, a cuestión que me fago é: despois do Decretazo, que?

mércores, 28 de abril de 2010

A hostias co galego

Antes de nada, perdón polo título. Pero non podo poñer outro tal e como andan as cousas. Vexamos.
Anxo Lorenzo reúnese moi cordialmente co presidente da deputación de Pontevedra, o Sr. Louzán, o mesmo que lle regala subvencións aos zunantes, os peores enemigos do galego.
Anxo Lorenzo reúnese moi amigablemente co director territorial de Telefónica, unha empresa que nunca destacou polo uso do galego nin nas facturas, nin na atención ao cliente, nin nas súas campañas,...
Anxo Lorenzo reúnese con Julián Barrio, arcebispo de Compostela, o máximo representante da Igrexa en Galicia, unha Igrexa que no que respecta á lingua xogou un papel nefasto pois foi un dos axentes castelanizadores máis influíntes e dinámicos na sociedade galega. E continúa a selo.
O caso é que Anxo Lorenzo non se reúne cos impulsores da revista galeguista cristiá, Irimia, nin cos de Encrucillada.
O asunto é que Anxo Lorenzo non se reúne con Queremos Galego, nin coa Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
O problema é que Anxo Lorenzo non se reúne cos sindicatos, nin con Prolingua, nin con Galego Patrimonio da Humanidade, nin con ninguén que defenda e use o galego. O problema é que só se reúne cos que minimizan, desprezan e tratan con desleixo a nosa lingua.
O problema é que Anxo Lorenzo é o alter ego de Jesús Vázquez, o conselleiro de educación, quen está empeñado en asociar o uso do galego coa violencia e os actos vandálicos.
O problema é que Anxo Lorenzo participa nun goberno cun partido político que di defender o plurilingüismo para reducir a presenza do galego no ensino, e a un tempo ataca o plurilingüismo para impedir o uso do galego no senado.
E así andamos. A hostias co galego.

É delito defender a lingua?


Gustounos tanto o titular de Galicia Hoxe que o reproducimos aquí.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acaba de multar con 500 euros a Queremos Galego por unha concentración que tivo lugar o pasado mes de marzo contra o decreto que prepara a Xunta. "É delituoso defender a lingua?", pregúntase Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización e voceiro da plataforma, que anunciou que recorrerán contra esta sanción "excesiva".
Moi recomendable o artigo de Galicia Hoxe.
E que son 500 €? Unhas 50.000 pesetas?. A historia repítese:
Augusto Assía escribiu un artigo sobre o idioma galego que se publicou en La Voz de Galicia o 26/07/1967, aludíase a que o idioma galego non pode ser usado como un ferro candente para marcar a servidume e outro -o castellano- como unha plumaxe co que abonar falsas pretensións e superioridades. Non cre que lle ocorra ao galego "non só na igrexa, senón na Universidade, nos estratos e nas oficinas públicas o que non fai máis que vinte anos lle ocorría aos negros nos Estados Unidos, onde non se lles deixaba entrar máis que pola escaleira de servizo". Tras o correspondente expediente, o director do citado xomal, Pillado Rivadulla, foi penalizado, con ocasión do citado artigo de Fernández Armesto, Augusto Assía, cunha multa de 50.000 ptas. polo entón Ministro de Información e Turismo, señor Fraga Iribarne.

História duma fraude: O espanhol na Galiza

por Arturo de Nieves, estudante, en Vieiros

Decorria uma gélida jeira do Janeiro de 1949 na aldeia de Trás-Murães, paróquia da Capelada, na Galiza mais Atlântica, quando nela nascera José Ferreira.

Nascera na corte da casa da Cunqueira e, daí, passara ao zuleiro, como sempre se fizera não só na sua casa, senão em toda a contorna conhecida. Mais tarde, aos dezaoito anos, José seria rebaptizado como O Moucho da Cunqueira por um seu compadre na noite grande das festas do Santo André, milagreiro patrão paroquial. O alcume ganhara-o polo seu particular jeito, algum desinformado diria que compulsivo, de enfitar as moças da vizinha paróquia da Gesteira. Ai, Maria da Breia! -suspirava secretamente o Moucho-. Aqueles olhares passionais remataram por dar pé à que seria recordada como maior liorta da história das festas do Santo André, que enfrontara por um lado o Moucho e os seus companheiros de canfurnada e, polo outro, os moços da Gesteira comandados polo irmão mesmo da Maria. A bulha fora tal que tivera que intervir a Guardia Civil e tanto José como o Manuel da Breia, irmão da Maria, acabaram por ter de passar noite nas dependências dos de verde. Não sabendo-se mui bem por que, talvez polo medo que ali passaram, o José e o Manuel abandonaram o quartel sendo bons amigos e por fim ao Moucho se lhe abriram as portas para conhecer a Maria, com quem, um ano mais tarde, acabaria casando.

Passou o tempo e as cousas na aldeia não acabavam de ir bem, até que José Ferreira, o Moucho da Cunqueira, propôs abertamente à sua dona uma ideia que levava já tempo a dar voltas na cabeça da parelha: emigrarem à Crunha. E lá foram, com a promessa de, chegada a hora, desfrutar da vida vindoura deitados no campo-santo sito ao carão da igreja de Santo André da Capelada.

Nem a casa da Cunqueira nem a da Breia eram casas fortes e o matrimónio tivera que chegar à Crunha com os poucos quartos que tiraram de malvender algumas leiras nem muito grandes nem muito fecundas. Deu-lhes, isso sim, para uma pequena vivenda no bairro de Monte-Alto, compartindo portal com um outro matrimónio chegado da aldeia; conhecidos da família da Maria. Ao pouco tempo, o José encontrou choio como peão da construção e, pouco mais tarde, Maria começou a trabalhar realizando as tarefas domésticas na casa do Sr. Antonio Ontúñez, um conhecido construtor, bom amigo do patrão de José. Maria esforçava-se por trabalhar bem, pois sentia-se em déveda com o empregador do seu homem, e tão bem trabalhava que chegou a sentir-se mui querida pola família Ontúñez, encantada não só com as suas boas maneiras na cozinha e com a vassoira e os farrapos, mas também com o apreço e bom trato que Maria demonstrava com os dous cativos da casa: Álvaro, de oito anos, e Azucena, de nove.

O incidente acontecera um domingo à manhã. Se Maria pudesse possuir um relógio que marcasse os segundos, como o que amiúde luzia Dom Antonio, poderia relembrar o intre exato do acontecido ainda hoje. Bom, na realidade, já lembrava esse intre bem amiúde; ao princípio, durante os primeiros anos, vinha-lhe todos os dias à memória. Com o andar do tempo, a lembrança tinha uma frequência mais bem semanal ou, quiçá, aparecia a cada três ou quatro dias; tudo dependia do nível de stress que afetara a Maria em cada época da sua vida.

Aquela manhã de domingo havia visita na casa dos Ontúñez. Esperavam a chegada do Sr. Esteban Mellado, prestigioso arquiteto, que viria acompanhado da sua mulher e mais dos três filhos do casal. Maria fora à porta para recebê-los e, nada mais abri-la, os três cativos entrarom em debandada em busca dos pequenos Ontúñez, Alvarito e Azucena, que aguardavam impacientes no hall, perfeitamente vestidos ao jeito de miniaturas de príncipe e princesa, respetivamente. As duas famílias foram para o espaçoso salão da vivenda e sentaram nos cómodos sofás estofados; detrás ia Maria, leda por saber-se guapa e muito elegante com aquele uniforme negro e branco, acompanhando gente de tanta classe. Uma vez que as duas famílias sentaram, o Sr. Antonio encomendou à Maria que trouxesse o seu melhor whiskey junto com um par de copos. Assim pois, mentres Maria, obediente, abandonava a sala, escutou como as duas mulheres começavam a falar duma nova joalharia que abrira nesses dias perto dos Cantões. De caminho à licoreira, Maria não podia deixar de pensar em como seria vestir algumas das joias que centravam a conversa das duas mulheres. Pegou a bandeja de prata, onde foi pousando devagar o whiskey e os dous copos. As joias a ocuparem a sua mente. Ergueu-se para se dirigir novamente ao salão, onde entrou como numa nuvem, obnubilada sem poder eliminar as alfaias já não da sua mente, mas da sua alma. Talvez por isso, foi que tardou em ver a face vermelha de vergonha da mulher do Sr. Antonio, a cara de ira deste, e a expressão de pavor de Alvarito. De súpeto, o Sr. Antonio cravou a sua mirada diretamente nos olhos de Maria e, quase entre dentes, enunciou um seco: María, acompáñame a la cocina. Maria, morta de medo, seguiu as indicações do homem da casa que só logrou conter as ganas de berrar e malhar nela por medo a que a vergonha familiar ainda pudesse ir a mais. Ao cabo duns minutos Maria compreendeu o acontecido. Um dos filhos de Dom Esteban pisara, disque sem querer, o pé do pequeno Álvaro, ao que este respondera com um sonoro "Me cagho no demo!". Maria estava despedida: -Com razão, -pensou ela no fundo-, mira que me advertiram de não falar galego diante dos nenos.

Passaram os anos. Maria trabalhava agora de peixeira no mercado da praça de Lugo e José, o Moucho da Cunqueira, progredira no grémio da construção. Tiveram um filho, Diego, que agora, em 2010, tinha trinta e dous anos. Diego trabalhava de empregado de mesa num dos melhores restaurantes da Crunha. Vivia com a sua moça desde havia uns poucos anos e estavam a pensar em casar. Um dia o chefe de Diego encarregara-lhe atender uma mesa de gente importante, gente importante da Universidade, pensava Diego. Levou-lhes a ementa e marchou para deixar que escolhessem. Passado um tempo prudencial, Diego achegou-se de novo à mesa para tomar nota do menu. Cada uma daquelas elegantes pessoas ia enunciando, passeninho, seguindo uma ordem quase ritual, o prato da sua eleição até que, de sócato, uma delas, com um falar pausado e diáfano, pediu "pescada à grelha"; e Diego não entendeu. Duvidou se perguntar, mas... não foi quem de juntar as forças. Finalmente optou por tomar nota literal daquele exótico pedido e perguntar a algum companheiro. Andavam todos com muito trabalho e Diego não teve mais remédio senão dirigir-se ao seu chefe, Agustín. Achegou-se a ele e disse: "Oístes Agustín, mira que te voy dicir. Que el chorvo, bueno... el... cliente de la mesa ocho va y me pide pescada à grelha y yo... buah, no sé que dicirles en cocina ¿mintiendes?". Agustín lamentou-se momentaneamente de ter contratado aquele moço, não suportava ouvi-lo falar, não suportava o timbre da sua voz, pensava que era uma vergonha ter um empregado que falasse assim num restaurante da sua categoria; esclareceu-lhe a dúvida e citou-no à saída para lhe dar o cheque com que costumava pagar-lhe. Agustín aproveitou a ocasião para recordar-lhe, mais uma vez, que tentasse refinar o seu falar, ainda que sabia que continuaria sem ter êxito nessa pretensão.

Esse dia Diego marchou para a casa com a sensação de ter sido estafado. Revisava compulsivamente o cheque em busca dalgum erro na quantia recebida, mas, uma e outra vez, comprovava que tudo estava em ordem. Sentia-se estafado, profundamente burlado e, sem saber mui bem por que, dirigiu-se à casa de seus pais. Ali estavam os dous, coma sempre. Sua mãe mui contenta pola visita do filho, pois estas eram cada vez mais infrequentes. Seu pai, após saudá-lo, continuou a ler o jornal. Mas Diego estava algo ido, não podia desfazer-se dessa ideia de sentir-se estafado e foi então, abruptamente, que perguntou: "Mamá ¿por qué me educasteis en español?". A mãe não esperava essa pergunta e o pai ergueu desconcertado a vista do jornal, só durante um segundo. Estava lendo uma reportagem a fundo na que expertos sociolinguistas debatiam os novos dados publicados polo IGE. A mãe não sabia o que responder, a pergunta colhera-a desprevenida. José continuava a navegar com a sua vista polo jornal; o debate dos sociolinguistas centrava-se agora na presença do galego na escola. Por fim, Maria, Maria da Breia, a mãe do Diego, disse-lhe ao filho: "Fue mejor para ti". Diego calou, agora sentia-se perplexo para além de estafado. Transcorreram uns poucos segundos, sem dúvida longos para todos os presentes naquela pequena sala. José Ferreira, o Moucho da Cunqueira, estava a cada vez mais inquieto. Sentia-se incómodo por momentos e finalmente optou por sentir-se realmente molesto. Não, não era exatamente molesto como se sentia. Não dava acougado e uma sensação estranha acabou por apoderar-se do seu ser, era como quando aquele distribuidor lhe fornecera maus materiais a preço de ouro. Ciscou o jornal no chão, ergueu-se notavelmente afetado, e tão só foi capaz de dizer: Maria, roubarom-nos.

O mundo ao revés

Ignacio López-Cháves distínguese por ser un dos maiores zunantes do reino. Nunca emprega o galego, e arma unhas leas tremendas cando alguén pon isto en evidencia.
Como a a súa actitude non ten xustificación non lle queda outra que revirar o mundo e poñer o dereito do revés. Sempre intenta identificar galego con imposición e castelán con libertade. Curioso.

Do Xornal de Galicia:

Ignacio López-Chaves acusou eno día de onte (27/4/2010) ao BNG de "coaccionar" e "impedir dereitos lingüísticos" aos galegos durante a súa etapa no Goberno da Xunta. No marco dunha intervención na que o conservador empregou en todo momento a lingua castelá para posicionar ao seu grupo a respecto dunha proposta nacionalista de Lei de Bibliotecas, López-Chaves asegurou que dende o cambio de Goberno "en Galicia hai máis luz" porque agora "hai máis PP".

Neste contexto, López-Chaves rexeitou apoiar a proposición de lei dos nacionalistas xustificándose no feito de que as bibliotecas "implican liberdade para pensar ou para falar nunha ou noutra lingua". "Por iso -afirmou- sería unha contradición que a lei viñese de mans do BNG, porque as bibliotecas implican liberdade".

Curioso que o único parlamento do mundo no que se pode empregar o galego sexa precisamente no que López-Chaves ten o seu escano. Curioso que el empregue exclusivamente o castelán, cando sabe que hai moitos outros parlamentos nos que se pode facer, como no de Cantabria ou no de Arxentina. Curioso que el mesmo votara hai un par de meses unha resolución na que se instaba a que os cargos da Xunta, no desenvolvemento das súas funcións públicas, empregaran o galego.

Curioso que López-Chaves sexa o responsable de cultura do PP.

martes, 27 de abril de 2010

Plurilingüismo contra plurilingüismo.2


No desenvolvemento do aínda vixente decreto 124/2007 de normalización do galego no ensino, fixérase unha campaña promovida pola Universidade de Vigo e varios concellos para explicar o, daquela, novo decreto.
O lema que usaban era: "Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis"

Destacamos as seguintes palabras da presentación desta campaña:

En xullo de 2007 entrou en vigor a nova normativa sobre a regulación do uso e a promoción da lingua galega no sistema educativo (Decreto 124/2007). Este decreto reforza o programa de educación bilingüe que se vén ofrecendo en Galicia dende 1995. A principal diferenza é que o actual programa marca nun mínimo do 50 % as materias que deben ensinarse en galego, fronte ao teórico e nunca cumprido 33 % do programa anterior. Este cambio é moi necesario unha vez feito o diagnóstico da aplicación do programa durante os últimos 12 anos, que deu uns resultados moi insatisfactorios na adquisición ou reforzamento de competencias lingüísticas do alumnado galego.

Os datos demostraron que co anterior programa os únicos alumnos con alta competencia bilingüe oral e escrita eran aqueles de lingua inicial ou ambiental galega, mentres que os alumnos de lingua inicial ou ambiental castelá non conseguían ser bilingües ao se detectaren neles graves eivas e insuficiente formación lingüística.

O termo educación bilingüe ou plurilingüe refírese ao uso de dúas ou máis linguas de instrución durante algún momento do proceso educativo da poboación en idade escolar. A gran maioría dos estados do mundo ofrece algunha modalidade de educación plurilingüe. O obxectivo de todo modelo de educación plurilingüe é posibilitar o dominio efectivo dunha ou máis linguas que o alumnado non ten no seu medio social e/ou familiar.

Así, en ámbitos de predominio escolar castelán-falante como os espazos urbanos, onde a presenza social do castelán é alta, os criterios académico-pedagóxicos aconsellan un tipo de actuación diferente á que se dá en ámbitos onde o galego ten unha maior visibilidade social. Nestes eidos é aconsellable aumentar a presenza do galego como lingua de ensino para que o alumnado acade así a mesma competencia lingüística en galego e en castelán. E todo coa mesma finalidade: contribuír a que a lingua galega, patrimonio de todos os galegos e patrimonio da humanidade, acade o prestixio e a presenza social abondas que conduzan á súa transmisión normal de xeración en xeración.

O actual modelo educativo plurilingüe parte da consideración real do desequilibrio en se atopan actualmente galego e castelán. Calquera persoa coincide en que o prestixio social do castelán está fóra de toda dúbida e que este prestixio proporciona vantaxes notables. Pola súa parte, o galego, debido a unha serie de procesos históricos de desprestixio que se agudizaron durante o século XX, sobre todo durante o franquismo, atópase nunha situación moi sensible de infravaloración social que require unha intervención urxente para garantir a súa viabilidade como lingua normal de comunicación na complexa sociedade do século XXI.

Por iso, o modelo de educación lingüística que promove o Decreto 124/2007 é un modelo de mantemento de linguas, isto é, un bilingüismo aditivo que, sen prexudicar o castelán, promove o bilingüismo entre o alumnado e garante (1) que o galego aumente o seu uso e prestixio social, (2) que o galego recupere funcionalidade na familia, (3) que a poboación poida elixir libremente a lingua de uso na comunicación debido a que coñece e pode usar correctamente as dúas e (4) mediante a introdución dunha lingua estranxeira como lingua vehicular, o seu dominio digno e efectivo e non só teórico como ata agora.

Isto último só se pode garantir se a poboación adquire durante a etapa escolar un domi- nio semellante nas dúas linguas cooficiais, independentemente da súa lingua familiar. E isto, en contextos socialmente diglósicos e desequilibrados coma o galego, en que un dos idiomas –o autóctono– é desfavorecido e precisa unha atención especial, isto só se poderá conseguir regulando positivamente ao seu favor, facendo que co galego adquirido na escola se recupere o galego non adquirido no eido social ou familiar.

Sabemos que o goberno galego vai gastar un millon de euros en publicitar un novo decreto (de plurilingüismo) contra o galego. Cal será o lema que van usar? Nós propoñémoslle un: "Europa é plurilingüe. Quen non sabe galego, sabe menos"

En Estremadura, en galego.

No Val do Ellas , en Estremadura hai uns 5.000 falantes dunha variante do galego-portugués, ademais como consecuencia da emigración hai uns 3.000 nados no val que viven fóra e que manteñen un uso familiar da fala reforzado por pasar o período estival do val moitos deles. A fala é a lingua habitual da poboación de tres concellos, San Martín de trebello, Valverde do Fresno e As Ellas. Non hai perda lingüística entre as xeracións máis novas, aínda que Valverde amósase como o concello máis castelanizado. Nos últimos trinta anos produciuse unha entrada brutal de castelanismos na fala dos máis novos, debido sobre todo á escolarización obrigatoria (en castelán), o incremento de relacións comerciais pola mellora das comunicacións, a administración, a igrexa... Os máis novos son descoñecedores parciais dos traballos e oficios tradicionais, do léxico da flora e da fauna... A escola en castelán varre as peculiaridades lingüísticas das falas autóctonas e uniformiza pouco a pouco en castelán.
Galicia Hoxe informa que a partir de mañán nese val desenvolveranse as xornadas de Lingua e Diversidade. Val das Ellas: a lingua que nos une é e nas que participarán, entre outros, o catedrático de Filoloxía Galega, Xosé Henrique Costas ou o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Fenosa contra o galego


Desde setembro do 2009 a compañía eléctrica de orixe galega, Fenosa, forma parte de Gas Natural. Naquel mesmo mes, Vieiros publicaba que, paradoxicamente, a adquisición podía acabar abríndolle espazos ao galego. Dende a nova sede central da Barcelona aseguraban que Gas Natural estudaría a posibilidade de normalizar o uso do galego, debido a que sempre tiveran en conta a pluralidade cultural do Estado. Porén, sete meses despois non hai ningún cambio positivo. Un exemplo é a páxina web de Gas Natural Fenosa (novo nome do grupo) que ofrece tres posibilidades de navegación (castelán, catalán e inglés).
Mirade a vosa factura da luz ou do gas e comprobade que o que contamos é certo. Velaí a imposición... do castelán, sempre do castelán. Velaí a situación real da normalización lingüística.
E así andamos.

luns, 26 de abril de 2010

Plurilingüismo contra plurilingüismo


O plurilingüismo no ensino.
O decreto contra o galego titúlase como "Decreto de plurilingüismo", e segundo os seus valedores ten como fundamento a inmersión da sociedade galega no plurilingüismo mediante o ensino de varias linguas. En realidade trátase de diminuir o uso do galego no ensino, non de incorporar unha mellora no ensino doutras linguas, e así se demostrou tanto na redacción das Bases do decreto como no Anteproxecto do mesmo.
O plurilingüismo no senado.
Segundo infofrma A Nosa Terra, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza,
reclamoulles hoxe aos senadores do PP que representan a Galiza un 'exercicio de galeguidade' para que o vindeiro mércores apoien a iniciativa de reforma do regulamento do Senado que permita usar as distintas linguas cooficiais do Estado en calquera actuación da Cámara Alta. 'Sería un exercicio de galeguidade, pero teño poucas esperanzas de que o fagan', recoñeceu.
Pérez Bouza tamén lamentou que, segundo os contacto previos apuntan, os populares vaian votar en contra desta iniciativa e reprochou o "pouco respecto polo plurilingüismo" que mostran con esta actitude. No caso concreto dos senadores galegos do PP, lamentou o seu "pouco respecto" pola comunidade á que representan e recordou que son nove representantes elixidos directamente polos cidadáns máis un polo Parlamento, Manuel Fraga, que ademais foi "presidente da Xunta durante 16 anos".
Para o senador nacionalista, o voto en contra dos senadores populares é comparábel a que representantes españois na Unión Europea votasen en contra de usar o castelán nas súas intervencións nos organismos europeos. "Sería escandaloso", asegurou en relación a esta posibilidade Pérez Bouza, quen asegurou que existen senadores doutras comunidades autónomas pertencentes ao PP que se mostraron receptivos á proposta, aínda que votarán en contra.


Agora, que o plurilingüismo é unha arma de promoción do galego, os mesmos que defenden o nomeado decreto (de plurilingüismo), parece que van manifestarse en contra do mesmo. Curiosamente argumentos contrarios, uns de defensa do plurilingüismo, e outros en contra do mesmo, serven para un mesmo fin: coutar, reducir, restrinxir, prohibir o uso do galego. Parece ser que o de menos é o plurilingüismo e que do que se trata é de atacar á nosa lingua.
Pois nesas andamos.

O grito de Ipiranga


por Pablo Vaamonde García, médico, en Galicia Hoxe

O venres pasado presentouse en Coruña a novela de Luís García Mañá O grito de Ipiranga. Numerosos amigos, achegados e lectores acompañaron o autor neste día festivo. É a terceira entrega dunha serie de narrativa policial protagonizada polo detective Nemesio Castro. O novelista ensambla nesta obra tres elementos que coñece de primeira man: a actividade policial (pola profesión), o mundo da emigración (por biografía) e o século XIX (por erudición). O grito de Ipiranga figura na historia como o momento iniciático da liberación do Brasil. O 7 de setembro de 1822, ante as abusivas esixencias feitas desde Portugal, o príncipe rexente don Pedro proclamou, na beira do río Ipiranga: "Brasileiros, de hoxe en adiante a nosa proclama será: ¡Independencia ou morte!". Tendo como referencia este feito histórico o autor constrúe unha trama moi ben acaída darredor do seu personaxe principal.

Pero non vou facer unha recención crítica do libro. Hai xente máis cualificada para ese labor. Mais quero destacar neste artigo que este home, que se declara agradecido á vida por permitirlle dedicarse a xuntar palabras e a inventar historias no seu tempo de lecer, ademais de excelente escritor, é o xefe superior da Policía de Galicia. É de agradecer que unha persoa que desempeña un cargo de tan elevadas esixencias saque tempo para escribir e que o faga en galego. Porque García Mañá, xunto con Carlos Varela, o fiscal superior de Galicia, son as dúas personaxes de maior relevancia pública neste eido que amosan un compromiso firme e continuado coa cultura e a lingua do país. Hai persoas que teñen valor por si mesmas, máis alá do cargo que desem- peñen nun momento dado. Este é o caso. Para o noso idioma é imprescindible, neste tempo de dificultade, que existan ámbitos do poder donde se utilice de xeito natural, para fuxir da imaxe de idioma rústico e residual que algúns lle queren asociar.

Neste momento en que o galego perde falantes entre a poboación máis nova e cando as autoridades políticas están a elaborar normas que dificultan a súa supervivencia, cómpre perseverar na defensa do idioma coma quen defende unha especie en perigo de extinción. O presidente da RAG, Méndez Ferrín, dicía hai poucos días que vivimos, no que respecta á lingua, nun estado de excepción e o que cómpre neste punto é resistir. Tamén teremos que dar aquí o noso grito de Ipiranga: "¡Lingua e vida!". A ver se conseguimos mil primaveras máis para o noso idioma.

Lingua, educación e desigualdades


por Xosé A. Gaciño,xornalista, en Galicia Hoxe

Hai uns anos que a dereita estadounidense, asustada polo crecemento demográfico (e cultural, que todo hai que dicilo) da minoría hispana, empezou a promover, nos estados nos que tiña maioría, a declaración do inglés como lingua oficial. Ata entón, non fora necesario. Estados Unidos, de feito, non ten un idioma oficial, co conseguinte deber constitucional de coñecelo, e non parece que lles vaia tan mal, pese a esas angustias que algúns sectores sociais máis retrógrados experimentan ante os diferentes, por moi minoría que sexan. A hispanofobia, de todos os xeitos, callou en 23 estados, antes de que os dous candidatos a presidente no 2000 (Bush junior e Al Gore) salpicasen os seus discursos de frases en español, conscientes da forza electoral que empezaban a significar os hispanos.

En España, a dereita centralista, con tal de cerrarlles o paso aos idiomas teoricamente cooficiais en determinadas comunidades autónomas como a nosa, pode chegar a declarar oficial o idioma inglés en calquera momento. Os actuais gobernos valenciano e galego xa ensaiaron manobras de achegamento, o primeiro nada menos que co experimento de ensinar valores cidadáns e constitucionais nese idioma e o de Núñez Feijóo colocándoo ao mesmo nivel que o castelán e o galego á hora de repartir de xeito proporcional as materias que deben impartirse en cada lingua.

A obsesión por defender o castelán de asedios inexistentes acaba de converterse nun dos pretextos clave do PP para rexeitar a proposta de pacto pola educación presentada polo Goberno, nun intento por achegar un equilibrio entre concepcións ideolóxicas contrapostas para dotar dun mínimo de estabilidade un sistema educativo que a cidadanía percibe como sometido a continuos cambios. O ensino do castelán, ou en castelán, non está en perigo nin posto en cuestión en ningunha parte de España, pero estes profesionais da crispación consideran rendíbel manipular certos receos tradicionais con respecto aos cataláns, por exemplo, ou certos complexos de inferioridade que aínda persisten entre nós para acadar rendibilidades electorais na España profunda e mesmo nalgunhas zonas da España periférica.

En materia de educación, como en tantas outras (e a pesar de que moitos pensan, como Mariano Rajoy cando citaba ao Fernández de la Mora do crepúsculo das ideoloxías, que xa non hai dereitas nin esquerdas), hai quen quere uniformar idiomas e materias, podar canto antes as malas herbas e subvencionar a conta do Estado unha educación selecta, en centros concertados de adoutrinamento decente, para os que non queren mesturarse con inmigrantes, xitanos e marxinados en xeral, dos que pensan que non paga a pena intentar redimilos. En definitiva, marcar camiños e metas, e o que non sexa capaz de seguilos, porque parte dunha situación desfavorábel, que quede fóra. Total, pensan, somos moitos e non fai falta molestarse en aproveitar talentos hipotéticos.

Claro que hai quen defende a igualdade de oportunidades de maneira que se intente compensar, cunha maior dedicación e con apoios específicos, aqueles que parten de situacións familiares ou sociais negativas, para tratar de que poidan chegar ao nivel que o seu talento natural, e non a súa condición social, lles permita. Que a educación contribúa a diminuír as desi- gualdades e non a aumentalas.

Como non hai modelos perfectos e a nosa sociedade é o suficientemente diversa para aceptar consensos razoábeis, non debería haber problemas para chegar a puntos de acordo que faciliten unha estabilidade básica. De feito, entre os diversos sectores da comunidade educativa, incluídos os empresarios de centros concertados, hai posibilidades de consenso, porque hai vontade de todos para acadalo. Noutros niveis, xa hai tempo que a vontade de diálogo non é a lingua oficial.

Unha ferramenta


por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe

Esta pasada fin de semana, A Mesa pola Normalización Lingüística realizou en Santiago de Compostela a súa asemblea xeral ordinaria. A próxima vez que se volvan reunir os socios e socias desta que é a maior organización cultural galega terán tamén que inflar os pulmóns para sopraren as 25 candeas da entidade. Un cuarto de século de actividade ininterrompida na defensa do noso idioma. Un cuarto de século ao servizo de Galiza.

Nunca antes na súa existencia esta organización tivera que afrontar unha Xunta cunha política tan decidida de desmantelamento da oficialidade do galego e, ademais, cuns ataques feroces para destruír a propia Mesa; moléstalles que haxa unha ferramenta social que actúe e defenda a lingua. A asemblea de socias e socios da entidade considerou que aínda que sempre haxa erros para recoñecer e corrixir, a organización soubo e sabe estar á altura das circunstancias.

Xusto despois de que o PP de Núñez Feijóo conseguise a maioría absoluta por un deputado e anunciase unha política implacábel contra o galego, A Mesa convocou unha manifestación nacional para o Día das Letras. Cumpría plantar cara e lembrarlle ao novo goberno que gañar as eleccións non daba licenza para destruír unha cultura. Seiscentos colectivos da máis diversa natureza responderon á chamada da Mesa e converteron o 17 de maio de 2009 nunha data para a lembranza. Até ese momento, foi a maior manifestación da historia que tivo como única bandeira a defensa da lingua. A praza da Quintana abarrotouse dúas veces e moita xente nin tan sequera deu entrado.

Desde A Mesa considerouse de grande importancia soldar a lograda unanimidade social en defensa da lingua, para o cal o seguinte paso foi promover a creación dunha plataforma unitaria. O seu nome, Queremos Galego, recolle as ideas de amor polo noso e da necesidade de o demandarmos activamente para que viva e perviva.

A maioría dos esforzos nacionais e comarcais da Mesa centráronse nos últimos meses en que frutificase ese movemento que impulsou. Para a avaliación desta táctica, os datos falan por si sós. En cinco meses, bateuse unha nova marca de participación nunha manifestación en defensa do galego. O 18 de outubro de 2009 case se duplicaron os asistentes á anterior mobilización, de xeito que algunhas alarmas comezaron a saltar no PP. Como podía ser que a sociedade galega se mobilizase masivamente pola súa lingua? No entanto, a mensaxe dos seus dirixentes foi -e é- continuar coa desprotección do galego, aplicando os plans deseñados na rúa Génova sen lles importar a opinión da nosa sociedade, nin tan sequera dos electores galegos do seu partido.

As respostas ao decretazo caracterizáronse pola súa axilidade e pola notábel participación. No Goberno galego quixo evitar a réplica e a contestación, sabedores do rexeitamento que teñen as súas imposicións unilaterais contra a nosa lingua. Convocatorias aos medios con marxe de horas, presentacións en períodos non lectivos (mesmo na véspera de fin de ano), mudanza a última hora de lugares para evitar as mobilizacións... No entanto, logrouse desenmascarar a prepotencia deste goberno e impediuse que as medidas máis lesivas puidesen venderse co sabor hiperazucarado da propaganda oficial.

O 21 de xaneiro deste ano foi unha nova data para a historia. Aseguran as organizacións do sector que non se recorda nestes trinta anos un paro tan masivo do ensino non universitario. As impresionantes fotografías da praza do Obradoiro derramando xente polos catro cantos son bo testemuño do clamor social contra o decretazo. A última grande mobilización con ese motivo foi a do sábado 17 de abril en Pontevedra, cun macrofestival histórico (non queda outra que redundar con este adxectivo!).

O outro eixo da acción de Queremos Galego é a recollida de sinaturas para unha lei de garantía dos nosos dereitos lingüísticos. Trátase de reforzar xuridicamente o noso idioma nos espazos básicos que están a ser máis agredidos pola presidencia de Núñez Feijóo. Para evitaren a campaña social, rexeitaron desde a Mesa do Parlamento que este texto puidese ser tramitado como iniciativa lexislativa popular. Mais o plenario da plataforma decidiu que, do mesmo xeito, se debería executar a acción para recabar adhesións individuais a unha proposta de lei que amose unha alternativa clara a estes ataques.

Aínda que nestas cuestións se estivo e está a centrar o labor dos grupos de zona da Mesa, tentouse non descoidar o traballo propio da asociación no que ten a ver coa súa dimensión territorial. Neste período, por exemplo, a Xunta Directiva, o máximo órgano de dirección entre asembleas, aprobou un novo regulamento de zonas, instrumento básico para unha mellor coordinación e ensamblaxe nacional. Ao tempo que se manteñen no actual mapa da asociación as 18 zonas xa existentes, realizáronse asembleas dirixidas a aumentar a estrutura organizativa noutros lugares.

Ademais de territorialmente, A Mesa conta no seu seo ou impulsou outras estruturas de actuación, como a Fundación Via Galego, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, a Mocidade pola Normalización Lingüística e Familias polo Galego / Nais e Pais polo Ensino en Galego. Con certeza, o maior salto interno organizativo produciuse na sección xuvenil, cunha presenza notábel nas mobilizacións destes meses e cun proceso de creación dunha estrutura territorial, xa concretado nalgunhas zonas.

A Fundación conta co seu propio órgano de goberno, o Padroado, cuxos membros designa de forma maioritaria A Mesa. Desde a última asemblea da asociación, Via Galego ampliou as súas relacións con outras institucións de Galiza, do Val das Ellas (onde organizou un concerto de música infantil) e comezou a tender pontes de contactos no Brasil a través dunha exposición plástica; ademais, é un laboratorio de ideas para mellorar o relacionamento cos outros territorios do noso sistema lingüístico.

A negativa desta Xunta a conceder axudas públicas á Mesa fixo que se reducise á mínima expresión e se acabase fechando o Voluntariado de Activación Lingüística, que tivera mesmo un recoñecemento da Unión Europea. Logramos manter -e agardamos consolidar- o servizo da Liña do Galego e, en próximos días, presentaranse novos proxectos que estaban planificados desde hai algún tempo, mais que houbo que reformular debido á política de inanición á cultura galega que practica o goberno de Núñez Feijóo. Pola súa banda, vai sumando convocatorias e éxitos o Correlingua, que A Mesa promove xunto coa AS-PG, a CIG-Ensino e varias institucións.

No referido á situación da afiliación, A Mesa mantense como a organización cultural galega con máis socias e socios, con 433 novas altas entre 2009 e os primeiros meses de 2010. A entidade roza xa os 4.000 membros reais, nunha base de datos permanentemente saneada e que é o alicerce económico e de incidencia social. Para que aínda haxa máis patas na Mesa, presentarase dentro de pouco unha nova campaña de afiliación.

Dentro de doce meses, esta ferramenta en defensa do galego fará 25 anos. Nestes tempos, máis que nunca, fai moita falta que exista e actúe con forza. Adiante!.

domingo, 25 de abril de 2010

Unha doenza sen cura


por Marcos Seixo, profesor de lingua e literatura galega, en Vieiros.

Dicía Camilo José Cela que o nacionalismo é unha doenza que se cura viaxando; afirmación que non é certa nen sequera no que atinxe á súa propia persoa, pois o seu ultranacionalismo español non se chegou a curar nunca, por moitas viaxes que fixera ao longo da súa vida.

A falsidade desta torpe declaración materialízase do mesmo xeito no meu caso, pois aínda que non viaxo excesivamente, cando o fago non consigo máis que reforzar o meu patriotismo (galego, por suposto). Cheguei xa á conclusión de que esta enfermidade non ten cura, mais non me preocupa demasiado, pois en vista da lonxevidade que acadou o chocalleiro escritor padronés, á que eu tamén aspiro, este andazo non debe revestir tanta gravidade.

Recentemente tiven á oportunidade de visitar o Magreb e de reflexionar, desde unha perspectiva nova para min, sobre as grandes falacias do españolismo organizado en torno ao PP, Falanxe Española, UPD e outras forzas (nas que tamén habería que incluír importantes sectores do PSOE). Que é o que pretenden realmente cando aseguran que no noso país a lingua española está en perigo pola imposición do galego?

Resulta curioso que non se inmuten perante o retroceso do idioma cervantino en antigas colonias españolas (ou protectorados ou como os queiran chamar). Non hai máis que achegarse polo Rif ou por cidades como Tetuán, Larache ou Tánxer para comprobar como as persoas de máis de cincuenta ou sesenta anos saben falar perfectamente o español e que, no entanto, a mocidade aprende como segunda lingua o francés e non coñece xa o español, debido á política uniformizadora de Marrocos. Algo similar ocorre co Sáhara Occidental, e é previsíbel que algún día esta situación acabe estendéndose a Ceuta e Melilla.

O que non acaban de entender os españolistas é que é precisamente nestas terras onde retrocedeu de xeito significativo o coñecemento e uso do español, cuestión que a min non me preocupa demasiado. Con todo o que non acabo de comprender é como eles a obvian por completo. Realmente do único que se preocuparon no seu momento foi de demonizar todo o que supuxera un intento de liberación nacional, como o que protagonizaron os rifeños con Abd el-Krim á cabeza, ou o Frente Polisario no caso do Sáhara Occidental (quizais por estaren infectados tamén polo virus nacionalista).

No Rif e no Sáhara o problema básico foi a incapacidade dos españois para levar a cabo un proceso de descolonización minimamente digno, intelixente e responsábel, deixando as antigas colonias completamente desprotexidas, a expensas da vontade dos marroquinos, sen establecer ningún tipo de garantías no que atinxe á consecución da súa lexítima soberanía.

Algunha semellanza con este caso preséntaa a situación de Puerto Rico, onde o inglés gáñalle terreo ao español sen que a RAE nin os nosos españolísimos políticos mostren unha grande preocupación.

Intúo que a cuestión radica en que é máis doado humillar aos galegos (no peor sentido do termo) que importunar aos franceses ou aos ianquis, a pesar de que saben que unicamente nos casos que estaba comentando, o idioma español perde terreno frente a outras linguas.
En Galiza a única lingua en retroceso é precisamente o noso idioma nacional, até o punto de que xa vai camiño da desaparición en poucas décadas de continuar con esta falaz política de desprezo, humillación e sometimento.

Mais non sexamos totalmente pesimistas e agardemos que cando chegue o proceso descolonizador de Galiza, os españois xa se topen coa suficiente experiencia como para comezar a facer as cousas cun pouco de sentidiño, e non dese xeito desleal e chapuceiro co que sempre actuaron ao longo da súa historia.

Lingua e ideoloxía dominante


por Manuel Mera, en Galicia Hoxe.

Non hai dúbidas de que a cultura dominante no mundo, e en cada país, é a das clases hexemónicas neses respectivos ámbitos, entón ¿por que non se ía impoñer tamén este criterio a respecto da lingua? A esta altura non existe razón ningunha para que o noso país se teña que excluír desta análise, xa que non existen, como no pasado, grandes áreas marxinadas das regras de xogo capitalistas. A dedicación dunha parte considerábel da poboación á agricultura de subsistencia é unha fotografía do pasado, que ademais os medios de comunicación de masas axudaron a borrar do imaxinario colectivo, malia que aínda teña vixencia en moitas aldeas e sexa parte da identidade da maioría da xente do país.

Se albiscamos o futuro temos que comprender que, de non existir vontades que o impidan, a lingua galega só será sustentada por aqueles que coidan que Galiza é unha nación e reivindican o dereito á autodeterminación. Neste intre aínda non é así, porque moitos dos dirixentes e simpatizantes de partidos de ámbito estatal naceron e criáronse nunha sociedade illada, galego falante, da que son herdeiros malia que a neguen acotío politicamente. Esta contradición irá desaparecendo a medida que pase o tempo. Isto sábeno os ideólogos da dereita que iniciaron unha enxurrada contra os sinais de identidade da nación galega, aínda que se cadra adiantáronse por prexuízos e soberbia (e a colonización ten resistencias máis fortes das que pensan) e atópanse fronte a sectores que, malia non utilizaren decote a lingua patria, séntense máis achegados daqueles que reivindican o idioma propio e aprecian singularmente a cultura galega.

A lingua, como todo o referente á identidade nacional galega, nesta etapa histórica está unida ao debate político, é dicir: á loita de clases. Fuxir desta realidade é un erro, e todos e cada un dos intentos de afastar o problema lingüístico da confrontación política e social só axudou a debilitar ás clases subordinadas. Nas últimas décadas o recuar do idioma é paralelo á permeabilidade ideolóxica do nacionalismo, e da esquerda en xeral, ás ideas das clases dominantes. Evidentemente non son eivas que se poidan solucionar con criterios organizativos e disciplinarios, aínda que haxa que tomalos, senón que esixen respostas axeitadas na confrontación no eido das ideas, da caracterización da realidade, das propostas organizativas e dos obxectivos tácticos e estratéxicos, e en concreto, a todo o relativo ao que no marxismo se denomina a praxe .

Por sorte unhas veces, e mágoa outras, estamos inseridos nunha realidade máis ampla na que o proceso de globalización neoliberal (e de auxe dos imperialismos, das economías de escada, do pensamento único e das linguas e culturas hexemónicas) está cada día máis cuestionado, tanto porque xorden novas potencias, como porque ademais hai países dependentes nos que se están consolidando vías alternativas (por exemplo o ALBA). O esgotamento do petróleo (dunha enerxía barata) tamén favorece unha visión máis achegada ao territorio. Semella que estamos diante dun punto de inflexión no mundo, aínda que as resistencias sexan moi fortes e podan existir momentos de grandes retrocesos conxunturais e localizados. Aproveitarémolo acaidamente?...

Menos complexos (e IV)

por Xosé Graña Núñez, en Galicia Hoxe. E por fin remata.

Un non quere pecar dun pesimismo tremendista, pero a Educación, o único tren que nos podería levar á estación da Autoestima, acaba de ser torpedeado. Feijóo é unha pedra, unha enorme e absurda pedra, unha máis nese camiño sinuoso e empinado polo que a nosa lingua, chea de lacerantes feridas, tivo que arrastrarse durante séculos nun penoso camiñar.... E a sangría continúa, menos visible pero máis daniña ca nunca, facendo estragos nas xeracións máis novas, para as que a escola, lonxe de ser unha ferramenta normalizadora, leva anos actuando como axente desgaleguizador...¡Por iso era tan urxente liquidar as galescolas! Esta é a crúa e incuestionable realidade, e o sr. Feijóo sábeo. Só tiña que ver o Mapa sociolingüístico de Galicia (2004) pero, obviando as propias directrices do Parlamento Europeo, mirou para o outro lado e sacou da manga esa pantomima da enquisa paterna... ¡¡ Menos mal que nos queda o valedor!!

Malia todo, e ante un panorama tan desacougante, a considerable mobilización cidadá antóllaseme como unha gran xanela aberta á esperanza. O futuro da lingua e o noso futuro como pobo diferenciado está nas nosas mans e ante a historia responderemos. Por outro lado, non hai mal que cen anos dure. Como xa dicía Otero Pedrayo en 1949 nunha velada alusión ao Réxime : "Moitas cousas, aínda as máis solidamente afincadas, pasan e desaparecen co tempo; pero a poesía galega vive e perdura a través dos vates que lle deron valor universal á lírica da nosa terra" .

Sesenta anos despois, non podemos conformarnos con que a nosa lingua sobreviva axeonllada. Esiximos para ela unha vida digna e en pé de igualdade coa lingua allea. Se pasamos por menos, todos seremos cómplices de quen se atreve con cualificativos como aquel que tanto nos ofendeu : "Gallego en el peor sentido de la palabra".

'Na lingua o Estatuto obriga ao goberno'


Jesús Palmou, foi secretario xeral do PPdeG despois de Cuíña e conselleiro no último goberno Fraga. Aínda que agora se encontra temporalmente sen militancia por mor do seu cargo de Conselleiro de Contas, Xesús Palmou (Rodeiro, 1949) non elude ningunha cuestión política e é un defensor firme da normalización do galego . Responde a unha pregunta que lle fan os da Nosa Terra:

O galego retrocede segundo as últimas estatísticas.
Iso lévanos a pensar que haberá que redobrar o impulso porque senón o galego será unha lingua morta e os galegos non podemos permitilo. Iso debíao ter presente o goberno e todas as institucións galegas. A partir diso poñernos de acordo. Primeiramente na educación, para que o equilibrio se produza, non só na teoría tamén no uso do galego. Porque se resulta que o alumno pode falar o idioma que queira é posíbel que en moitos sitios remate o ensino obrigatorio sen ter usado algún dos idiomas, que seguramente será o galego.

A SXPL, os números e a FP.

Un total de 54 empregados de telefónica anotáronse ao curso de galego que a compañía de telecomunicacións puxo en marcha en internet.
Como interpreta esta noticia a Secretaría Xeral de Política Lingüística?
Os máis de 200.ooo empregados de Telefónica en todo o mundopoderán aprender galego a través de cursos en liña.
Pois así nos vai.

Máis da SXPL, outro titular sacado da web da secretaría:
Anxo Lorenzo participa na presentación de diversos manuais en galego dirixidos ao alumnado de formación profesional.
No desenvolvemento da noticia lemos:
Durante a súa intervención, o secretario xeral referiuse a Academia Postal Editores como un exemplo do bo facer empresarial no impulso e na promoción da lingua galega; como “unha empresa que concibe o uso cotián do galego na súa andaina empresarial como un activo, como unha oportunidade e como unha forma de estar no mercado acorde co contorno social no que se sitúa”.
E Anxo Lorenzo, na súa liña de facer o contrario do que di, promoverá que se reduza uso do galego na formación profesional mediante o decreto, lembremos o que di o decreto vixente que quere derrogar este Anxo Lorenzo a respecto da Formación Profesional:

Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, oídos os departamentos correspondentes que deberán supoñer o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto, para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.

Lembremos que o Plan xeral aseguraba polo menos un 50% de ensino en galego. Que é o que propón o decreto de Anxo Lorenzo?
Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e en castelán que asegure que o alumnado acade a capacitación lingüística propia do nivel nas dúas linguasoficiais.

O polo menos fica en como moito.
Boa forma de fomentar e promover, garantir,... o uso do castelán, que debe ser a lingua maltratada, e minusvalorada.
Boa forma de continuar coa progresividade da normalización lingüística, de introducir o galego en ámbitos onde foi e contirnúa a ser excluído.
Boa forma de rachar con forma de actuación enquistadas.
Adiantamos a seguinte nova da SXPL: "200.000 alumnos de FP poderán aprender as materias en galego". A realidade confirmaranos que 54 así o fixeron.

Porcentaxes

Este artigo de Iván Méndez López, normalizador (curiosa profesión cos tempos que corren), foi publicado polo Xornal de Galicia o 9/01/2010.

Na escola aprendes que a lingua é un sistema de signos lingüísticos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade. Signos como sons, acenos ou símbolos escritos. En ningures se fala de porcentaxes. Mais o galego, de porcentaxes, ten millenta.
As mais significativas apareceron nos 90. O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presentou por entregas o Mapa Sociolingüístico de Galicia. Porcentaxes para todos os gustos: lingua inicial, competencia lecto-escritora, lingua coa familia, coas amizades, cos e coas colegas da aula, lingua no traballo e lingua de copas. Porcentaxes rigorosas: éche o que hai e é así.

As porcentaxes non mentían (ou iso dicían) e renováronse co tempo, moitas á baixa. A lingua viviu o seu propio crash bolsista: derrubamento para uns, decrecemento para outros, desaceleración para os que tiñan que intervir. Solución: inxectemos cartos. Mais, como na actualidade, había un problema de fondo: non había nada planificado e os cartos ían tarde ou non ían onde tiñan que ir. Falouse de baixa intensidade. Hoxe, cun 20% menos do orzamento para o “responsábel da lingua”, en plena crise, e baixando chanzos cualitativos, intensidade baixo mínimos.

Con todo, nun par de anos a esta parte, a porcentaxe no centro de todas as miradas é unha outra: o 50%, como mínimo. Unha porcentaxe que sae do 100% do Parlamento galego en 2004, o Plan Xeral de Normalización. Mais desta última non se fala, só do 50%. Fifty-fifty. A lei da botella, segundo se mire.

Por unha banda, os pesimistas, os que pensaban que si, que estaba ben, que era un avance, mais xa veríamos cal era a súa aplicación. E non lles faltou razón. Para outros, o 50% era abondo, mesmo de máis, de sobra. Tanto, que con menos chega. Disque un 33% e con iso até segue estando a botella non só medio chea, senón chea a rebordar. Con iso, o 100% da rapazada falará polos cóbados, como loros, bilingüe e trilingüe se fai falta.

Feijóo non será estadista, mais domina as porcentaxes máis que o propio Fisher. Gábase de que a máis importante, a porcentaxe suma, está ao seu favor: a do 51% , a que ten no Parlamento. A botella, máis unha vez, a rebordar. A porcentaxe que lle dá as chaves para facer o que lle veña en gana e consensuar consigo mesmo, iso si, para o beneficio do 100%, de todos e todas, segundo di.

Porén, nunca terá da súa man unha outra porcentaxe, esta en crecemento sustentábel: a de galegos e de galegas que, cada vez con máis forza, e con máis presenza, manifestamos que a lingua non só é unha cifra, senón o cerne da nosa identidade.

Progresividade

Hai algúns días deixáramos constancia no taboleiro un artigo do normalizador Iván Méndez López. Isto fíxonos lembrar outras aportacións do mesmo autor a respecto da lingua galega e que nos agradaran especialmente pola súa claridade. Por esta razón imos recuperalos. O primeiro destes artigos foi publicado polo Xornal de Galicia un día ben triste para a nosa lingua, o 31/12/2009. Estas palabras aparecían no xornal algunhas horas antes de que se deran a coñecer as bases para o decreto chamado de plurilingüismo.

Comecemos polo obvio: os pais e as nais carecen do dereito a elixiren a lingua en que se lles ensina aos seus fillos. E digo obvio porque o Tribunal Constitucional negou este suposto dereito con rotundidade: para mostra, a sentenza 337/1994.

Quen di o contrario, mente. A suposta liberdade de elección prometida polo PPdG e ansiada polos sectores galegófobos non aparece por ningures. Nin na Constitución, nin no Estatuto nin na xurisprudencia. Feijóo sábeo. Sabíao antes das eleccións e sábeo hoxe. Por algo é funcionario do corpo superior da Xunta e licenciado en Dereito. Sabe tamén que a educación é unha actividade regulada pola Comunidade Autónoma dentro das súas competencias, e entre elas, entra determinar o emprego das linguas no ensino. É o mandato constitucional. Feijóo coñece, ademais, que o galego ten de ser ensinado con tal intensidade que se permita o seu dominio ao rematar a educación obrigatoria. Aparece na Lei Orgánica de Educación, na xurisprudencia do Constitucional, na Lei de Normalización. Tamén, e para conseguir unha competencia oral e escrita en igualdade das dúas linguas, a implantación do galego do ensino ten de ser, necesariamente, progresiva. De aí os chanzos que dende 1983 temos subido: o Decreto 247/1995 e o Decreto 124 / 2007. A progresividade: con este fin naceu o Decreto 124/2007, un decreto apoiado nun amplo consenso, social e político. O consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, apoiado por unanimidade na época da Xunta fraguista, con Feijóo de segundo de abordo. Mais tamén o consenso do bipartito. Os tres partidos políticos principais traballaron na súa elaboración. As hemerotecas están aí para o corroboraren: o decreto “garante a competencia lingüística nas dúas linguas ”, dixo unha deputada popular aos medios días antes de se levar á cámara.

O consenso do 50 %, como mínimo. Nin unha vírgula modificada a respecto do PXNLG. Menos sería retroceder, e por iso Feijóo é consciente de que está a mentir cando di que quere recuperar o consenso, ese que o decreto “rompeu de forma unilateral”. A unilateralidade foi a súa, a que lle ditaron en Madrid. Agora, unilateralmente, saca un decreto co único consenso na galegofobia. Esa que nestes días anda a facer un aviso para navegantes.

Nun político agárdase a mentira. Entra no xogo. Nun especialista, nun investigador, nun experto, non. Os silencios e as complicidades, ás veces, son peores que as mentiras.

venres, 23 de abril de 2010

Menos complexos (III)

por Xosé Graña Núñez, en Galicia Hoxe, e de momento van 3. Ata onde chegará?

Esta é a crúa realidade, a marca "galego" non vende entre os propios galegos, e un sente certa envexa doutras latitudes do Estado. Pero xa se sabe... "Galicia non é Cataluña", como insisten en recordarnos dirixentes do PP dende hai anos.

Se ben isto ten bastante de falacia, e as comparacións son sempre odiosas, tampouco imos negar que algo hai de verdade. Dende hai séculos o catalán en Cataluña vén sendo sinónimo de cultura, prestixio, aristocracia, burguesía...

En definitiva, poder económico e dende a democracia tamén poder político, poder eclesiástico, poder xudicial, poder mediático... con outras palabras, un selo de calidade, un "distintivo de clase".

En Galicia, e malia os incuestionables avances que a nosa lingua experimentou nas últimas tres décadas, soñar cunha situación así é, a día de hoxe, unha pura utopía. Con tódolos matices que se queiran (esta non é a década dos corenta) seguen sendo por desgraza moitos os cidadáns autoacomplexados que acabaron por interiorizar os prexuízos espallados sibilinamente polos grupos dominantes que, destilando autoodio polos catro costados, entenden o galego como un "distintivo de clase", pero da outra clase; desa que teñen en mente persoas tan desprezables como a (señora?) Rosa Díez.

Esta é a nosa traxedia e o gran fracaso dun pobo que non soubo, ou non lle deixaron, soltar un lastre que xeración tras xeración veu estigmatizando o máis sagrado da súa alma galega: a lingua. Cantas xeracións terán que pasar para que algún día poidamos pasear polo mundo, sen complexos, con orgullo e dignidade a marca "galego"? Posiblemente demasiadas, tantas que nos fagan perder o último tren...

Outro conflito lingüístico

Imaxe: bandeira de Valonia (esquerda) e bandeira de Flandres (dereita)
Despois de ler en Vieiros o titular que nos informaba de que o conflito lingüístico entre flamengos e francófonos tomba o goberno belga, consideramos oportuno deixar aquí un artigo do mesmo medio publicado o ano pasado no que se explica a situación lingüística en Bélxica. Debemos insistir, unha vez máis, que o raro é que haxa só unha lingua en cada estado e que a coexistencia de varias linguas é a norma xeral no mundo. Os problemas xurden cando se minusvalora unha lingua e se espallan prexuízos contra ela.
O artigo que reproducimos titulábase Flamengos e valóns, 179 anos de enfrontamentos.

Durante a Idade Media, Flandres era un centro neurálxico de comercio e referente en Europa no sector téxtil -as primeiras fábricas de tecidos de Galiza fundáronas flamengos exiliados. Porén, durante o S.XIX perdeu importancia económica en favor da máis industrializada veciña do sur, Valonia.

Un século despois, os flamengos volven ter unha economía puxante. Flandres concentra a maior parte da riqueza do Estado, baseada principalmente nas exportacións. De feito, ten a maior taxa de exportación per cápita no mundo.

Mentres, o tecido fabril dos valóns decae. Esta situación axuda a incrementar as tensións entre Flandres, "a rica", e Valonia, "a pobre", que xa dende a fundación do Estado belga en 1830, nunca foron amigábeis.

Conflito lingüístico

O francés, lingua das elites herdeiras da Ilustración, procurou asentarse durante todo este tempo alí onde o flamengo era a lingua popular, nun territorio cunha identidade propia que chegou a ser o equivalente ao que agora coñecemos como Estado independente. Porén, as clases máis desfavorecidas na actualidade, isto é, os inmigrantes de orixe africana, falan principalmente francés.

Os valóns consideran que existe un plan para eliminar o uso do francés en Flandres fronte ás medidas de protección do idioma flamengo, considerado tradicionalmente como "lingua B" fronte ao francés.

Algunhas destas políticas de protección inclúen estabelecer o requisito de coñecer o flamengo para acceder a traballar nas gardarías públicas de Flandres, ou a exixirlles aos comerciantes que coloquen os prezos na lingua propia do país.

Mais a resistencia dos francófonos que viven en Flandres a aprender e utilizar o flamengo é teimuda. O neerlandés non se aprende nos centros de ensinanza de Valonia. Neste territorio, cada alumno ten que estudar dúas linguas estranxeiras, mais a maioría elixe o inglés como segunda lingua.

En troques, a maioría dos estudantes en Flandres aprenden un mínimo de tres linguas estranxeiras: francés, inglés e alemán, situación que se reflicte periodicamente nas estatísticas do informe PISA, onde os cativos flamengos ocupan sempre as primeiras posicións a nivel de toda Europa.

Correntes políticas
en Flandres
Politicamente, os principais partidos flamengos coinciden na necesidade de avanzar no autogoberno. As correntes políticas van dende o independentismo, isto é, a defensa da formación dun Estado flamengo; ao federalismo, que non renuncia ao Estado belga, mais avoga por mellorar o funcionamento das súas institucións; pasando polo confederalismo, que considera que son flamengos e valóns -e non o Estado por eles- os que deben decidir que competencias han de ter.

No primeiro grupo estarían os conservadores do N-VA e os ultradereitistas, sinalados como xenófobos, do Vlaams Belang ("Interese Flamengo"), que se converteron na segunda forza política nas últimas eleccións ao Parlamento flamengo. Ademais, unha pequena parte deste partido arela a unificación con Holanda para formar a coñecida como Grande Holanda ou Dietsland.

O segundo grupo, o dos federalistas, estaría integrado polo SP.a e, tamén en parte, polo CD&V e o Open Vld (e polos principais sindicatos). Por último, a camiño entre os primeiros e os segundos, situaríanse os que defende un Estado belga confederado, co SLP e os liberais de List Dedecker, á cabeza, mais que apoian tamén certos sectores do CD&V (demócrata-cristiáns), do VLD e mesmo do SP.a.

Os comicios de 2004, que son cada cinco anos, coincidindo coas europeas ao igual ca en Valonia, deixaron o seguinte reparto de escanos no Parlamento flamengo: CD&V/N-VA: 35 deputados; Vlaams Blok (actual Vlaams Belang): 32 deputados; VLD-Vivant: 25; Spirit (actual SLP)-SP.A: 25; Groen! (Os Verdes): 6; UF (Unión de Francófono de Flandres): 1.