Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 16 de abril de 2010

Un proceso inacabado

por Xabier Queipo, escritor, na Nosa Terra

Levo anos escribindo e opinando. Raramente recomendo un libro, consciente como son das múltiplas voltas que cada un de nós ten como lector. Amais, a vida nin sempre é un proceso lineal –case nunca o é– de xeito que o que hoxe parece marabilla, ao cabo dos anos non sabemos como chegamos a ler semellante ladrillo, ou o contrario, algo que un día de outono e pouco ánimo se nos cae das mans, xa logo pasadas as primaveras se converte nun dos nosos libros preferidos. Xaora e cos tempos de mudanza que corren, se cadra ir falando mellor de lecturas que de libros, de fragmentos encontrados aquí e alá que de totalidades.

Todo este introito un pouco longo para lles falar dun libro De Fala a lingua: un proceso inacabado, da profesora Pilar García Negro, que comecei a ler no verán, o día mesmo en que tiven que o presentar accidentalmente –collido con lazada no medio e medio do Festigal– e ao que regresei hai pouco para confirmación do gusto.

En momentos tan cruciais para a nosa lingua agredida polos tecnócratas e os traidores, polos renegados e os ignorantes, resulta máis necesario que nunca fortalecer as posicións, dotarse dun acervo de argumentos, de armas e coirazas para se defender das medias verdades e das mentiras insidiosas, dos monicreques absurdos que só repiten consignas e dos mequetrefes que renegan do legado dos seus.

García Negro ofrécenos un manual académico e militante inzado de alfaias discursivas e documentos esencias. Configura así un magnífico argumentario a prol da lingua de noso e axuda na tarefa cotiá de resistir coa forza da razón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario