Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 22 de abril de 2010

Menos complexos (II)

por Xosé Graña Núñez, en Galicia Hoxe

Se o presidente é un home con certa experiencia, intelixente e calculador como parece; se en política non se dan paus de cego, como é posible que embarcase nunha aventura que parte dunha premisa totalmente falsa? Como se pode presentar como vítima unha lingua que leva cincocentos anos exercendo de verdugo en Galicia e que segue a ter tódolos privilexios, ou o que é o mesmo, presentar o discriminado como discriminador...? Como se pode falar de imposición dun idioma que o Estatuto de Autonomía declara "lingua propia" de Galicia? Os conceptos propio e imposición malamente se poden asociar neste caso... Como se pode falar de equilibrio cando se lle poñen topes á normalización da lingua secularmente minorizada...

Poida que me equivoque, pero a resposta para min non ofrece ningunha dúbida : Feijoó e os seus asesores coñecen bastante ben a idiosincrasia deste pobo. Saben que é esta unha sociedade fraguada nunha cultura alienante que, no século XXI aínda non foi quen de superar moitos dos complexos e prexuízos ancestrais, gravados a ferro e lume, que lle deixaron no máis fondo da alma tantos séculos de colonización encuberta que nos marcaron coma un pobo cunha autoestima ben cativa. Tamén saben que a lingua é o primeiro e principal trazo da nosa identidade galega e que así o entende unha parte considerable, pero minoritaria, da sociedade que, actuando coherentemente con ese sentimento, non se vai resignar e vai loitar pola dignidade do idioma.

Pero son igualmente sabedores de que contan co apoio incondicional das oligarquías urbanas, das elites económicas e mediáticas e, lamentablemente, coas aínda moi numerosas "elites da ignorancia"... Pero saben sobre todo (e aquí está o miolo do asunto) que en amplos sectores da sociedade galega a cuestión idiomática non é unha prioridade. Son moitos os galegos instalados nunha inercia de resignación histórica, indiferentes, paralizados e autoacomplexados por uns prexuízos que o único que fan e manter a situación de privilexio do grupo dominante...

Ningún comentario:

Publicar un comentario