Rescatamos esta nova da Nosa Terra. Non aparece noutros medios. Francisco Cidrás, director do Departamento de Galego, da USC, fixo duras críticas á política lingüística e arremeteu contra o ataque que está a sofrir a lingua galega. Do outro bando Anxo Lorenzo, co seu habitual cinismo, actuou como se a cousa non fose con el. Na foto, os protragonistas do caso. Vexamos:
Anxo Lorenzo tivo que escoitar durísimas críticas á política lingüística da Xunta do PP durante a presentación da versión galega de Euro Com Rom, un método que pode revolucionar a aprendizaxe de linguas similares.
"Hai quen reclama o dereito a ignorancia como un exercicio de liberdade (...), a estupidez pode ser infinita pero hai reclamacións que un político responsábel non pode atender nin sequera facendo exercicios de equidistancia". Esta é unha das frases que tivo que escoitar o secretario xeral de Política Lingüística onte na presentación 'Eurocom: Intercomprensión de Linguas Europeas" na Universidade de Santiago.
Francisco Cidrás, director do Departamento de Galego da Facultade de Filoloxía, non se amedrentou pola presencia de Anxo Lorenzo na mesa de inauguración. Sen nomealas directamente, Cidrás arremeteu contra as políticas lingüísticas da Xunta que coordina Lorenzo. "No ámbito galego asistimos a certo rearme ideolóxico dun españolismo militante e excluínte (...) artellado sobre a falacia da imposición do galego", dixo o profesor.
Cidrás continou criticando que este "complexo urdido con mentiras" recibe "un eco mediático e un apoio político desconcertante". Para o mestre, a suposta imposición do galego, que explotou o PPdeG de Alberte Nuñez Feixóo. é unha mentira que busca situar ao galego como unha lingua "atávica, ensimismada, que nos pecha".
Lorenzo falou a continuación de Cidrás pero evitou comprometerse na polémica. Así, o secretario centrouse en gabar a utilidade do Euro Com Rom e dixo que “a sociedade galega debe contribuír con esa convivencia lingüística co principal elemento que nos define como pobo, a lingua galega. E, ao mesmo tempo, co esforzo e co compromiso que require achegármonos ás realidades lingüísticas e culturais do espazo internacional”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario