Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de abril de 2010

Sandar a tempo

por Eladio Cabanelas Fernández, en Terra e Tempo

Cómpre que mestres, mestras e profesorado en xeral, cumpran escrupulosamente co decreto que o Partido Popular pretende derrogar
Para unha lingua ameazada e sen protección real como como a nosa a morte dun falante de vello, é dicir dun galego ou galega cuxo nacemento se producise na primeira metade do século pasado, supón de facto a morte agónica da propia lingua. Canto vocabulario se perde coa desaparición dun vello mariñeiro ou dunha labrega de calquera das nosas aldeas? Cantas lendas, cantigas, refráns, adiviñas ou microtopónimos desaparecen irrecuperábeis cando das nosas aldeas, barrios e lugares se van os seus derradeiros moradores?Lembrando estes días de choiva incesante e teimuda aos xa finados de meus pais, pensei no dominio que, sen que nin eles nin nós os fillos percibiramos, tiñan da súa lingua. Esa lingua que, por suposto, xa tiña arraigados castelanismos ou expresións froito do colonialismo idiomático, mais conservaba pureza e espontaneidade no uso e unha riqueza digna do mellor dos dicionarios en canto a substantivos, verbos ou fraseoloxía.Pensemos tan só en exemplos sinxelos de palabras como as que definen as ferramentas do agro, do mar ou do tempo climático e as ducias de variantes segundo a zona do país onde nomeemos o mesmo obxecto ou concepto. Quen emprega hoxe o termo serodio en ven de tardío? Quen fala de raro ou rarear cando a influenza do castelán nos incrustou separado ou separar? Cantos galegofalantes de hoxe usan enxoito e cantos seco? Porque dicimos é de día ou é de noite cando até a cantiga nos di que o galo cando canta é día? Cantos diferenciamos o imos e o vamos, o encetar e o comezar ou urna e furna?E que podemos comentar de palabras castelás tan fortemente cravadas na nosa fala que até empregar as patrimoniais dun xeito cotián fai que remates traducindo ou dando toda clase de explicacións? Probastes a pedir un xeado de tona? E de amorodo? Se tendes cativos, fostes algunha vez mercar unha xeonlleira? No inverno regalastes algunha vez unhas luvas? Nas ferraxarías xa non venden billas?Sei que non falo de nada novo, que estes síntomas de enfermidade están nas mans da medicina e que tamén sabemos da menciña, mais cando imos comezar co tratamento, coa medicación? Temos que ser conscientes de que o corpo está enfermo e feble, e ataques como os que está a sufrir por parte dos sectores reaccionarios da sociedade poden acabar cunha defunción demasiado temperá. Probas de forza, de reacción como as masivas manifestacións de amor pola lingua que encheron Compostela, ou o concerto que fixo pequeno o Recinto Feiral de Pontevedra, fan pensar que este enfermo pode reanimar, mais aínda e así, aínda que logremos vencer na batalla contra os políticos taciturnos e desleigados, fica vencer na batalla da recuperación total.Cómpren máis estudos serios no campo da lingüística capaces de, non só recuperar o fermoso patrimonio da nosa lingua en libros ou dicionarios senón, difundiren este para que volva ter o seu lugar de uso. Cómpre, antes de que o abandono rural sexa total, ter elaborado o mapa microtoponímico do país, xunto con lendas, adiviñas, contos ou refráns asociados a milleiros destes lugares.Cómpre que mestres, mestras e profesorado en xeral, cumpran escrupulosamente co decreto que o Partido Popular pretende derrogar, sen manobras desleais e propias de malos ensinantes como a de teren os manuais en galego e daren aulas en castelán (para isto pais, nais e compañeiros de profesión han de dar o paso da denuncia, da non conformidade diante da trampa). Cómpren verdadeiras políticas normalizadoras capaces de recuperar ou, nalgúns casos, instaurar prestixio na lingua propia. Capaces de que as novas xeracións, as mozas e mozos sexan quen de fachendear co propio e non co mimetismo do alleo.Os apuntamentos que veño de receitar son pequenos remedios, non son suficientes para a curación total. Como dicía, sabemos da menciña que pode sandar este enfermo. Está probado nas mellores boticas da lingüística mundial e ten un nome moi concreto: Inmersión Lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario