Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 29 de abril de 2010

Pechándolle portas ao galego


Onte o Senado abríalle a porta á posibilidade de oirmos falar en galego nesa cámara.
Hoxe, Feijóo rexeita o uso indiscriminado do galego no senado. Lembremos que Feijóo é o presidente da Xunta de Galicia, quen con máis forza debería defender, onde fose, a presencia, o orgullo e a dignidade dos galegos e da súa lingua. No entanto considera "razoable" que "moitos cidadáns se pregunten" a razón de que haxa "custes de tradución" na Cámara Alta cando existe "unha lingua común"."É unha pregunta -afirma- que moitísima xente en España, e tamén moitos galegos, se están a facer".
Nós preguntámonos por que sempre é o galego o que custa cartos. Será consubstancial ao español o ser gratuito? Deixamos este novo campo aberto para que o estuden os lingüistas e os econolingüistas.
Cal será o presuposto do Instituto Cervantes, ese organismo adicado á difusión do español? 105 millóns de €? Pois en tempos de crise, hai moita xente en Galicia, e tamén moitos españois que se están a facer a razoable pregunta de se é necesario tal gasto para unha lingua tan difundida. Non deberían gastarse eses cartos en difundir aquelas linguas que non están difundidas?
Cal será o presuposto das televisións públicas en español? 1.100 millóns de € para TVE, 133 millóns de € para TRVM, a televisión madrileña, 240 millóns de € para a tele andaluza, ...
E as 500 leis que obrigan ao uso do castelán nos distintos ámbitos sociais, non teñen custo ningún?
Unha última cuestión: canto custa que apareza a palabra normalización no decreto das linguas no ensino non universitario. Din por aí que un millón de €.
Se fose por cartos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario