Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de abril de 2010

Menos complexos (I)

por Xosé Graña Núñez, en Galicia Hoxe.

Cando ás poucas horas de gañar as eleccións, o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo se reafirmou en que ía cumprir coa tan polémica como funesta promesa de derrogar o Decreto 124/2007 do bipartito mediante o que se desenvolvía o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no 2004 polo Parlamento Galego, había no seo da sociedade galega así como en boa parte das súas institucións unha convición, unha cándida esperanza (ou tal vez fose un desexo) de que finalmente o presidente recuaría. Isto pode explicar algúns significativos silencios ou certas reaccións verdadeiramente liviás que por aquel entón se produciron.

Mais, Feijóo non rectificou. Prisioneiro da súa desleal promesa, e movido por un resentimento e unha animadversión difíciles de entender, decidiu atizar o lume dun conflito lingüístico que levaba anos aletargado. Co anteproxecto do decreto do plurilingüismo para o ensino, Feijóo iniciou un camiño sen retorno, pavimentado sobre un discurso absolutamente falso, perverso, delirante e ateigado de maldade como é o da "imposición del gallego", ignorando ditames tan demoledores como os da RAG e o do Consello da Cultura Galega, por non mencionar as opinións en contra de universidades, institutos, equipos de normalización (perdón, de "dinamización"), ANPAs, profesores, alumnos, partidos, sindicatos (mesmo algún próximo ó PP), patronal do ensino, intelectuais, artistas, sectores galeguistas do PP, o clamor popular que se deixou sentir nas rúas... E por se isto non abondara, o Consello Escolar de Galicia que representa a toda a comunidade educativa do país acaba de rexeitalo, cunha emenda á totalidade. En fin, unha actitude de soberbia sen precedentes entre os gobernantes desta terra. Pero xa se sabe, xordeira e cegueira van da man da prepotencia...

A estas alturas descoñecemos con que méritos ou deméritos pasará o señor Feijóo á posteridade, pero unha certeza parece evidente: vai levar a triste honra de ser o autor do ataque máis brutal e incomprensible en contra da nosa lingua na historia da democracia, coa agravante engadida de que por razóns do cargo tería que ser o primeiro e máximo defensor desta lingua á que menospreza. O conflito lingüístico e social está servido e vai transcender con moito a vida académica e ninguén sabe como acabará... Ante semellante despropósito, só se me ocorre unha pregunta . Por que?

Ningún comentario:

Publicar un comentario