Un non quere pecar dun pesimismo tremendista, pero a Educación, o único tren que nos podería levar á estación da Autoestima, acaba de ser torpedeado. Feijóo é unha pedra, unha enorme e absurda pedra, unha máis nese camiño sinuoso e empinado polo que a nosa lingua, chea de lacerantes feridas, tivo que arrastrarse durante séculos nun penoso camiñar.... E a sangría continúa, menos visible pero máis daniña ca nunca, facendo estragos nas xeracións máis novas, para as que a escola, lonxe de ser unha ferramenta normalizadora, leva anos actuando como axente desgaleguizador...¡Por iso era tan urxente liquidar as galescolas! Esta é a crúa e incuestionable realidade, e o sr. Feijóo sábeo. Só tiña que ver o Mapa sociolingüístico de Galicia (2004) pero, obviando as propias directrices do Parlamento Europeo, mirou para o outro lado e sacou da manga esa pantomima da enquisa paterna... ¡¡ Menos mal que nos queda o valedor!!
Malia todo, e ante un panorama tan desacougante, a considerable mobilización cidadá antóllaseme como unha gran xanela aberta á esperanza. O futuro da lingua e o noso futuro como pobo diferenciado está nas nosas mans e ante a historia responderemos. Por outro lado, non hai mal que cen anos dure. Como xa dicía Otero Pedrayo en 1949 nunha velada alusión ao Réxime : "Moitas cousas, aínda as máis solidamente afincadas, pasan e desaparecen co tempo; pero a poesía galega vive e perdura a través dos vates que lle deron valor universal á lírica da nosa terra" .
Sesenta anos despois, non podemos conformarnos con que a nosa lingua sobreviva axeonllada. Esiximos para ela unha vida digna e en pé de igualdade coa lingua allea. Se pasamos por menos, todos seremos cómplices de quen se atreve con cualificativos como aquel que tanto nos ofendeu : "Gallego en el peor sentido de la palabra".
Ningún comentario:
Publicar un comentario