Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 20 de abril de 2010

Os afogados na praia.


Achégannos o seguinte conto verdadeiro.
Leo Caldas convertiuse no detective máis famoso dos últimos anos da man do seu creador, Domingo Villar, en dous relatos de agradable lectura: Ollos de auga e A praia dos afogados.
Dentro dun plan de fomento da lectura e de divulgación desta segunda obra, a editorial Galaxia elaborou un roteiro polos escenarios nos ue se desenvolve esta novela policíaca. O roteiro desenvólvese polas terras de Monteferro e está dirixido aos centros de ensino que recomendan como lectura A praia dos afogados.
Formando parte deste programa, hai poucos días encontráronse alumnos de distintos centros na praia da Madorra. Xosé Lois Vilar, o presidente do Insituto de Estudos Miñoranos explicoulles as artes de pesca e a ofografía da ría, "alí está unha pedra quelle chaman A Negra, e máis á dereita están As Fillas da Negra.. por alá están os Cons Robaliceiros, mirade ben que ás veces vese a espuma das ondas rompendo nas pedras..." Así continuou a súa exposición comentando toda a toponimia e a microtoponimia dos baixos da ría. O día era ideal para o roteiro, o sol estaba presente pero non queimaba. Tratábase dunha obra en galego que todos leran, os rapaces ían acompañados dos profesores de lingua galega, Xosé Lois Vilar, investido de toda a autoridade do coñecemento daba as súas excelentes explicacións nun galego de excelente calidade, e para implicar ao alumnado no tema, fixo varias preguntas. "E ti, se tiraras aquí mesmo unha nasa, como marcarías o lugar?, e ti, moza, a das bailarinas, a que dirías que se lle parece aquel grupo de rochas que vemos cara alí?..."
Todos os rapaces contestaron en castelán. En contra da autoridade do conferenciante, en contra da lingua do libro, en contra da lingua da materia, en contra de todo o ambiente.
Isto debe ser o bilingüismo amable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario