Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 15 de abril de 2010

Redúcese o número de galegofalantes

Na Nosa Terra fan unha valoración dos datos publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística no día de hoxe a respecto do uso do galego.
O número de falantes habituais de galego baixou 13 puntos en 5 anos. Así se desprende da Enquisa de Condicións de Vida das Familias, publicada polo IGE esta mañá. Os datos, correspondentes ao 2008, non son nada alentadores para o futuro da nosa lingua. Segundo estas cifras, só un 30 por cento da sociedade se expresa sempre en galego, o que supón unha diminución de 13 puntos respecto ao 2003.
E isto a pesar de incrementarse neste período o uso do galego na escola:
Os malos datos xerais para a lingua contrastan con grande incremento da presenza do galego nas aulas. No 2008 un 71,9 por cento dos menores de 16 anos recibían a maior parte das súas aulas en galego, mentres en 2003 só o facía un 48,92 por cento. Cómpre lembrar que no 2007, o Parlamento aprobou por unanimidade o decreto 124/2007 que instaba a impartir como mínimo o 50 por cento das aulas en galego.

Vieiros tamén bota contas: A porcentaxe de nenos castelánfalentes case duplica aos de galego.

Se xa é preocupante a caída de uso do galego en termos xerais, particularmente dramático é o emprego da lingua entre a xente máis nova. O 29,6% dos rapaces entre 5 e 14 anos empregan só o castelán, fronte a pouco máis dun 15% que o fan en galego. Tan só entre os maiores de 50 anos hai máis galegofalantes habituais que castelánfalantes.

Outro dato que revela a escasa normalización da nosa lingua é que só o 15% dos cidadáns escriben habitualmente en galego, fronte a case un 83% que o fai case sempre en castelán.

As familias galegofalantes case marxinais nas áreas urbanas

Nas grandes cidades a porcentaxe de galegofalantes habituais é moi minoritaria. Así en Ferrol só o 3,93% dos fogares ten como lingua habitual de todos os seus membros o galego; en Vigo, o 3,96%; na Coruña, o 5,34%; en Pontevedra, un 6,74%; en Lugo, un 10,45%; en Compostela, un 10,62%; e en Ourense un 13,59%.

As comarcas onde o galego é lingua habitual hexemónica son Costa da Morte, Bergantiños, Ordes, Arzúa, Melide, O Carballiño, O Ribeiro, Terra de Celanova, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana.

Para consultarmos os datos do IGE, preme aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario