Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 8 de abril de 2010

Atopamos a materia escura


Un dos maiores enigmas da astronomía moderna é que máis do 90% do Universo é invisible para a actual tecnoloxía telescópica. Ata o ano 2006, o único que sabían con certeza os científicos é que esta materia escura existe e que non pode detectarse directamente porque non emite luz ou radiación
Pero resulta que acabamos de atopar a materia escura, e no lugar máis insospeitado. Para entender este novelo encerellado cómpre saber algo de física básica. Anunciamos tamén que unha ampliación deste artigo pronto se publicará no Astrophisical Journal, pero para aqueles que queiran ter as liñas principais deste descubrimento basta con que consulten este pequeno avance.

En primero lugar lembraremos un resultado que ata o momento se creía certo e que foi o que levou a centos de físicos e astrónomos a ir na dirección equivocada ata o día de hoxe. Trátase do principio de Pascal, que como todo o mundo sabe di, en liñas xerais, que o incremento de presión aplicado á superficie dun líquido incomprensible dentro dun recipiente indeformable, transmítese co mesmo valor a todos os puntos dese líquido.
Pois resulta que o principio é falso. Pódese dar o caso de que presionando nas dúas superficies A e B da figura, consigamos, a un tempo, e sen deformar o recipiente, baixar os niveis do líquido nos dous lados, A e B. Isto é posible grazas a que se produce unha presión negativa en infinidade de puntos do líquido que xenera noutras partes do Universo unha candidade de nova materia proporcional á suma da presión exercida nas superficies A e B. E non é que o digamos nós, os do taboleirodocolmeiro, é que o descubriu unha autoridade versada na materia, o señor secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo.
Efectivamente, na entrevista de máis abaixo, á pregunta de que se o decreto non rebaixaría a presenza do galego, Anxo Lorenzo, con gran clarividencia, responde: "Este decreto rebaixa a presenza do galego pero tamén rebaixa a presenza do castelán".
Como pode ser que ninguén se decatara antes! Ten toda a razón do mundo. A implantación do decreto vai xenerar enormes cantidades de materia escura. Non hai dúbida ningunha!
Eu vou tirar da cadea, (por eliminar algo desa materia, non sexa que me caiga algunha enriba)

Ningún comentario:

Publicar un comentario