Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de abril de 2010

A hostias co galego

Antes de nada, perdón polo título. Pero non podo poñer outro tal e como andan as cousas. Vexamos.
Anxo Lorenzo reúnese moi cordialmente co presidente da deputación de Pontevedra, o Sr. Louzán, o mesmo que lle regala subvencións aos zunantes, os peores enemigos do galego.
Anxo Lorenzo reúnese moi amigablemente co director territorial de Telefónica, unha empresa que nunca destacou polo uso do galego nin nas facturas, nin na atención ao cliente, nin nas súas campañas,...
Anxo Lorenzo reúnese con Julián Barrio, arcebispo de Compostela, o máximo representante da Igrexa en Galicia, unha Igrexa que no que respecta á lingua xogou un papel nefasto pois foi un dos axentes castelanizadores máis influíntes e dinámicos na sociedade galega. E continúa a selo.
O caso é que Anxo Lorenzo non se reúne cos impulsores da revista galeguista cristiá, Irimia, nin cos de Encrucillada.
O asunto é que Anxo Lorenzo non se reúne con Queremos Galego, nin coa Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
O problema é que Anxo Lorenzo non se reúne cos sindicatos, nin con Prolingua, nin con Galego Patrimonio da Humanidade, nin con ninguén que defenda e use o galego. O problema é que só se reúne cos que minimizan, desprezan e tratan con desleixo a nosa lingua.
O problema é que Anxo Lorenzo é o alter ego de Jesús Vázquez, o conselleiro de educación, quen está empeñado en asociar o uso do galego coa violencia e os actos vandálicos.
O problema é que Anxo Lorenzo participa nun goberno cun partido político que di defender o plurilingüismo para reducir a presenza do galego no ensino, e a un tempo ataca o plurilingüismo para impedir o uso do galego no senado.
E así andamos. A hostias co galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario