Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de abril de 2010

Un sociolingüista menos


Estamos a fin de mes. Revisando rascuños que tiña perdidos polo ordenador atopei un artigo moi recomendábel de principios de mes (1/4/2010).
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia

Entre ser un nacionalista emboscado nun goberno da dereita e ser un españolista furibundo aliado na destrución do galego (sic, ou case), Anxo Lorenzo prefire ser todo o contrario. Cando se lle pregunta se o decreto do bipartito “impoñía” o galego, contesta cun siloxismo que xa nos resulta familiar: a sociedade galega así o interpretou, e por iso lle deu a presidencia da Xunta a un partido que vai derrogar esa norma diabólica. Calquera cousa menos a súa propia opinión. Se un lle fai ver que ten a metade do Parlamento en contra, comenta a cor das paredes. Cando se lle recorda que unha enquisa ás familias non é unha consulta a toda a sociedade galega, confesa que non toma café. Un amigo con moitas horas de barra clavouno o outro día: desconfía dos que beben os gintonics en silencio.

A conversa con Anxo Lorenzo recordoume outra que tivemos na redacción con Gloria Lago. Equiparar o ex asesor do PSOE e a activista de Galicia Bilingüe sería cientificamente temerario, pero hai que recoñecer que a súa retórica empeza a parecerse demasiado. E en Xornal, dende logo, ambos foron igual de evasivos. Técnicas diferentes, si, pero análogas. Ela procede por redución. Elude as contradicións máis obscenas con anécdotas igual de obscenas: se un intenta falar do Estatuto de Autonomía, ela rescata algún rarísimo caso de intolerancia, como o desa presunta profesora que deixaba que os cativos se mexasen por riba se non pedían permiso para ir ao baño en correcto catalán. Xa sabemos como funciona. A consigna é converter a excepción nun síntoma.

Anxo Lorenzo fai todo o contrario. El opera por elevación. De nada serve a teima do catedrático Fermín Bouza por demostrar, dende a ciencia política, que a cousa da lingua nada tivo que ver cos resultados electorais de hai un ano. Anxo Lorenzo non empregou un só dato ao longo da hora e media que pasou no Café de Redacción de Xornal. Ningún. Non os necesita, ao que parece, para saber o que pensa a militancia socialista, que non é o que os seus líderes expresan. Tampouco para estar na cabeza dos traballadores do ensino, malia ás posicións dos sindicatos. Nin para interpretar a vontade dos pais, diferente da que esgrimen as anpas. Só eles –Anxo Lorenzo non está só– saben o que queren as masas. Son o termómetro do respaldo social e o seu diagnóstico é claro: non o hai arredor do galego, así que non se pode lexislar a favor da lingua propia de Galicia.

Por se había dúbidas, Anxo Lorenzo aclaróunolo: “Xa non son un sociolingüista”. Alguén con moita máis experiencia ca min díxome que nacera un político. Discrepo. A min paréceme que é precisamente todo o contrario: a negación da política. A renuncia a consensuar un modelo de convivencia e articular as ferramentas para construílo. Barra libre nas escolas, que no resto da cousa pública xa hai tempo que funciona a rapina. De feito, creo que habería que rebautizar o seu departamento. A súa, en diante, debería chamarse Secretaría Xeral de Autoservizo Lingüístico. E de Adivinación, claro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario