Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de abril de 2010

Educación e patriotismo

por M. de Bran, en Galicia Hoxe

Por gobernar Catalunya case todo o tempo da súa autonomía os nacionalistas, esta nacionalidade histórica ten un sistema educativo patriótico, que ensina a coñecela e amala, a usar a súa lingua propia, a defender os seus intereses e riqueza, a fomentar o seu progreso, e a impedir que ince nela o españolismo colonizador, a pesar da moita leria e argumentos que os políticos españolistas empregan para llo infundir.

Galicia, en cambio, nacionalidade histórica e con lingua propia coma Catalunya, por gobernala case sempre desde que é autónoma os españolistas, nunca chegou a ter un sistema educativo patriótico, que lles ensinase ós nosos alumnos canto dixemos que lles ensina o catalán ós seus. E debido a isto, hai moitos galegos españolizados. Ata tal punto, que hoxe a nosa terra é o máis grande viveiro do españolismo en España, cuns cen mil afiliados e unhas cen sedes do PPdeG. Fraga, un franquista directo, que gobernou a nosa autonomía de 1989 a 2005, foi un dos grandes responsables da españolización de Galicia. Hai tempo que nós escribimos que se perdeu máis o galego en dezaseis anos de fraguismo ca en corenta de franquismo. Realmente, xa non viñera a Galicia para fortalecerlle os seus atributos de nacionalidade histórica, dos que o principal é o idioma, senón para impedir que callase nela o nacionalismo galego de dereitas. Polo tanto, cando se facía pasar por galeguista e camaradeaba cos nosos campesiños, era para que o votasen. E estes votárono tan devotamente que cando viñan as eleccións autonómicas dicíanlles uns ós outros: "¡Hai que votar a Fraga!".

Cara ó final do seu cuarto mandato, precisando obter para o quinto votos noutros ambientes porque os campesiños ían morrendo, Fraga dixo cousas que parecían dun galeguista, das que chegou noticia ós españolistas de Madrid, que se puxeron auribus a rectis, "coas orellas ergueitas", estrañados. E foi entón cando Carlos Luis Rodríguez, analista político de El Correo Gallego, escribiu un artigo en El Mundo (22-11-2003) intitulado El Fraga anómalo, para tranquilizalos e dicirlles o que escribimos antes, que Fraga viñera a Galicia só coa intención de que non callase nela un nacionalismo de dereitas, obxectivo que lograra facéndose o galeguista. E que nisto consistira a "gran astucia de don Manuel".

Agora volve gobernar Galicia outro españolista, Núñez Feijóo, un clon político de Aznar e de Rajoy. Os tres, e moitos máis, están obsesionados con implantar nas comunidades autónomas con lingua propia un sistema educativo sen patriotismo, para eliminárllela. E confabulados para levar a cabo esta política, Feijóo xa a iniciou na súa campaña electoral, coa vil intención de sacar votos á conta dela. O que, por certo, non fixo Fraga nas súas campañas, nas que nunca dixo nada contra o galego. Feijóo, na súa, anunciou que derrogaría o decreto sobre o uso do galego do goberno anterior, que pouco máis o favorecía có de Fraga de 1995. E xa gobernando, presentou o seu maquiavélico Decreto do plurilingüismo, rexeitado por todos menos polos españolistas, que agora estuda o Consello Consultivo de Galicia, do que esperamos que tamén o rexeite. Galicia é a cobaia do PP para experimentar nela a súa política lingüística, que non é outra cá de querer a imposición do castelán en toda España, e a de debilitar e aniquilar, para o conseguir, as outras linguas dela. O que o PP fai en Galicia non o pode facer en Catalunya nin en Euskadi, onde non pinta nada. Por iso en Catalunya, en todo o ensino non universitario, hai inmersión lingüística en catalán, co castelán só como disciplina. E en Euskadi segue en vigor cos socialistas o marco educativo do PNV, sustentado en catro modelos, dos que o D (ensino en éuscaro, co castelán só como disciplina) leva moitos anos sendo o de maior implantación en todo o ensino non universitario. Como a Catalunya é imposible cambiarlle o seu sistema educativo, Feijóo ándalle facendo as beiras ó lehendakari Patxi López para que cambie o de Euskadi. Pero este, de momento, non lle fixo caso.

Con Franco, o galego estivo prohibido no ensino; con Fraga, tivo pouca presenza nel, case ningunha no ensino infantil e primeiro ciclo de primaria (dos 0 ós 8 anos), que é cando se adquiren as linguas, pois pasada esta etapa non se adquiren senón que se aprenden, e as aprendidas normalmente non se usan; e co decreto de Feijóo aínda empeora o galego porque reduce o seu uso a un terzo das materias, e no ensino infantil, coma Fraga, impón a lingua predominante entre o alumnado, que nas vilas e cidades, despois de tantos ataques ó noso idioma e de tantas omisións del, é o castelán. E por riba de que os nosos nenos non están adquirindo o galego como lingua propia, aínda os malvados españolistas andan coa farsa de estrañarse de que a nosa xente nova non fale o galego.

A Galicia autónoma gobernárona e séguena gobernando os españolistas, que non promoveron nin promoven a nosa lingua e cultura, aínda que eles din que si, co seu cinismo patolóxico. A Constitución non prohibe que unha lingua propia poida ser vehicular, no seu territorio, na maioría das materias do ensino non universitario. Por iso a regulación do uso do galego en Galicia tiña que basearse no que a Constitución non prohibe, aproveitando isto ó máximo, e no que o Estatuto manda, e non no ideario dos españolistas. É o que fan os cataláns e os vascos.

Coa imposición do seu decreto, único en España, que ten que ver coa realidade de Galicia tanto coma o touciño coa velocidade, Feijóo vai crear moitos conflitos e discordias, converténdose nun gobernante que divide. E non hai cousa peor dun gobernante ca dividir os gobernados. Só en Galicia vai haber, se o noso pobo non o impide, un experimento lingüístico tan antigalego coma o decreto de Feijóo, ó que para máis inri lle vai facer propaganda por un millón de euros. Así actúa o austero Feijóo. Un home que desde os vinte e nove anos xanta e cea fóra, segundo el mesmo dixo (El Mundo, 7-2-2009), e que case non deixa día de "percorrer España de plató en plató", segundo dixo Manuel Vázquez e sabemos todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario