Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 13 de abril de 2010

Queremos Galego en Bruxelas

A plataforma Queremos Galego presentou as actividades a realizar por unha súa delegación composta por Carlos Callón (Presidente da Mesa), Anxo Louzao (Secretario Nacional da CIG-Ensino), Bieito Lobeira (Deputado do BNG no Parlamento de Galiza) e mais a actriz Isabel Risco, en representación do ámbito da cultura.
Comenzaron ás 17.30 cunha entrevista con Jonathan Hill, responsábel do Gabinete da Comisaria de Educación, Cultura e Multilingüismo da UE Androulla Vassilliou.
Xa o mércores 14, a delegación da plataforma cidadá presentará diante da sede da UNESCO en Bruxelas un demorado relatorio sobre o ataque sistemático aos dereitos lingüísticos da comunidade galega e o severo retroceso que en Galiza se está a vivir canto á aplicación de políticas activas dirixidas a favorecer a plena normalización da súa lingua propia. Neste sentido, Bieito Lobeira subliñou a enorme importancia do punto de vista simbólico así como o tristemente actual paralelismo coa delegación galega que, desde o exilio, tamén se vira forzada a denunciar perante a UNESCO hai medio século a situación a que o idioma e a cultura galegas eran sometidos no período franquista.
A programación de actos e xestións inclúe tamén a celebración dunha conferencia de imprensa en sede parlamentaria e un encontro aberto coa comunidade galega residente en Bruxelas, entrevistas con deputadas e deputados de diferentes grupos políticos e nacións con situacións de linguas non normalizadas para reforzar a información e solidariedade recíproca entre as distintas realidades e unha reunión especial do Intergrupo do Parlamento europeo para as Minorías, Comunidades Nacionais e Linguas sobre a situación do galego, con participación da delegación da plataforma. Esta sesión será presentada polo Copresidente do Intergrupo, o eurodeputado do Grupo Liberal e Demócrata Carl Hanglund.

Ningún comentario:

Publicar un comentario