Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de abril de 2010

Sen TIC, CRACK


Aproveitar as vantaxes das TIC para fomentar o uso do galego nos centros educativos. Este é un dos principais obxectivos do V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida ao profesorado que comezou onte nas cidades da Coruña, de Vigo e mais de Lugo.
Unha boa iniciativa. Se pode promoverse o uso do galego no ensino, que está por ver que se poida facer pois anda por aí o decreto a punto de se aprobar, vai ter que ser da man das TIC.
Dito de forma máis sonora: se non é usando as TIC, CRACK.
O que segue sendo curiosa é a política da SXPL. Por unha banda traen esta medida, positiva de fomento do galego mediante as TIC nos centros educativos, e pola outra, non permitirán aplicala na práctica mediante a aprobación do decreto que reducirá de facto o uso do galego nas aulas.
Dito de forma máis sonora: se vén o CRAKC, para que as TIC?

Aparte disto, a SXPL tivo outras dúas iniciativas pola que a temos que felicitar. A primeira, reunirse coa Deputación da Coruña (por fin!, despois de facelo reiteradamente coa de Pontevedra e coa de Ourense). A segunda, a edición do Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha publicación que recolle por vez primeira modelos de documentación xurídica en galego para facilitar e promover o labor dos profesionais da Administración de Xustiza nesta lingua. A ver se damos algún paso real na extensión do galego no ámbito xurídico, que ten uns níveis de uso escandalosos polo pequenos que son, con menos dun 3% de sentenzas na nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario