Noutro documento valorativo sobre o novo Borrador, O PERIGO DA CONFORMACIÓN DE DÚAS SOCIEDADES EN RAZÓN DE LINGUA, Nova Escola Galega analiza as liñas principais do ataque que supón esta farramalla lexislativa. Hai algúns días xa reproducimos aquí un artigo da presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo que apuntaba na mesma dirección que o comunicado que engadimos aquí abaixo: é fundamental abandonar a retórica deformadora e centrarse na realidade.
Varios medios destacan tamén os avances desta asociación pedagóxica: Nova Escola alerta do perigo de conformar dúas sociedades en razón de lingua
e Creando dúas Galicias son os titulares de Vieiros e Galicia Hoxe, respectivamente.Sobre a cuestión da imposición
En primeiro lugar NOVA ESCOLA GALEGA reitera a súa defensa da normativa actual en materia lingüística, a pesar de considerala en exceso limitada. E faino ante a intoxicación e a intención galegófoba desa minoría que, amparada e asumida polo actual goberno, pretende realmente a conformación de dúas sociedades diferenciadas en razón da lingua. De todos os “argumentos” que fornece o goberno sobre este anteproxecto, que pretende aprobar contra o parecer todas as demais forzas políticas galegas, institucións, organizacións e entidades de diferente tipo, o único que se sostén é precisamente o do compromiso electoral que adquiriu irresponsablemente o agora presidente na procura dunha puñada de votos.
Toda a armazón lexislativa en materia lingüística perseguiu ata o momento, en todos os casos, a protección do galego, a ampliación de espazos de uso e de falantes e a necesaria progresividade no camiño da súa plena normalización. Ata chegarmos a esta nova lexislatura na que, contrariamente aos datos empíricos, ás leis e á historia, por primeira vez se inicia un camiño regresivo e se desbota a propia esencia da normalización.
Que non había imposición do galego nin un conflito xeral por mor do idioma coa norma vixente no momento electoral -os ensinantes sabémolo de primeira man- demóstrao a simple observación a realidade e os propios datos. Na enquisa do CIS sobre as eleccións 2009, tocante á cualificación sobre o labor a respecto da lingua galega, os resultados foron estes: MB (0.8), B(34,6), R(31.0), M(17.4), MM(4.1). E ademais, dos que opinaban MB e B, o 28,3% eran votantes do PP. Estes datos debe coñecelos o goberno e non parece, polo tanto, que esa razón esgrimida sexa realmente a causa desta acción única contra o idioma propio. A razón da obsesión enfermiza contra o galego máis ben habería que atopala nun ensaio con vistas a unha política no estado que o leve a posicións sobre as linguas aparentemente superadas na época democrática. É dicir, Galicia como campo de probas, sen importar o noso futuro e o da nosa lingua.
Chama a atención que o PP renegue absolutamente das accións de goberno promovidas no seu día polo seu propio partido no goberno. A máis singular delas probablemente a constitúe a promoción dun grande acordo parlamentario que se deu no ano 2004 na forma dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente no Parlamento de Galicia. O actual presidente era daquela nada máis e nada menos ca vicepresidente do goberno promotor.
Por outra parte, as xustificacións mediáticas do Conselleiro, nas que afirmou sen arrubiar que “o 60% dos centros imparte máis da metade en galego e a sociedade recházao” e que “o 20% mparte máis do 80% en galego” (segundo a inspección), non fan máis ca afondar na enorme alsificación da realidade que está no substrato desta desfeita.
A propósito disto, o goberno galego, nin falou con todos, nin negociou con ninguén, e atópase absolutamente en solitario contra o mundo, unicamente soportado por unha exigua maioría parlamentaria. Se cadra o dato máis relevante da maldade da proposta de decreto é que a propia Galicia Bilingüe indica que “vai na dirección correcta”.
Sobre o anteproxecto presentado
A primeira conclusión que se tira da lectura da proposta é que, xustificándose nas propias leis que protexen a lingua, desenvolve groseiramente un articulado contrario ao espírito e á letra das mesmas. A segunda é que introduce elementos novos e de fondo calado na situación actual e no uturo do idioma no tocante ao sistema educativo. A terceira, que parte de criterios arbitrarios e alleos á educación. A cuarta conclusión atinxe á sorprendente ausencia de criterios pedagóxicos e mesmo sociolingüísticos no seu baseamento.
O establecemento por primeira vez dun tope para o uso do galego, sendo como é a lingua minorizada e necesitada de protección, constitúe un punto de inflexión moi negativo para a normalización da lingua. Cómpre lembrar que o galego, como lingua propia de Galicia e como variedade recesiva debe ser o idioma primeiro e principal do currículo, o centro de gravidade do sistema, tal e como reiteradamente recollen as leis, as sentenzas e a propia pedagoxía.
A proposta normativa non establece criterios nin procesos para a educación infantil e asegura, de facto, a perda do galego, especialmente no ámbito urbano, tratándose esta dunha etapa fundamental para a adquisición lingüística.
A falta de regulación precisa das áreas en que a lingua galega sexa vehicular e a introdución dunha consulta vinculante para a determinación da lingua a utilizar (só o profesorado) por parte das familias, ignorando radicalmente os órganos de goberno dos centros escolares, introduciría nestes un moi alto grao de conflitividade que non existe na actualidade.
E alí onde a administración se decide a regular, aplica novamente unha orientación diglósica formulando a docencia (só a docencia) en galego coa exclusión das áreas de bitocientíficotecnolóxico, que reservaría para o castelán. Outórgalle ao ensino un papel de brigada complicidade cos prexuízos sobre a lingua no canto de contribuír á súa superación.
Historicamente foi o traballo individual e colectivo do profesorado o que veu mantendo e incrementando a presenza do idioma nos centros. Coa nova normativa, o profesorado quedaría situado de novo fóra de xogo, coma en tempos pretéritos que cremos superados, xa que se despreza todo o traballo desenvolvido nestes anos. Mentres o PXNLG consideraba este aspecto n activo, unha fortaleza no camiño da normalización, esta proposta convérteo nunha carga, nun pasivo que habería que desactivar.
Como corolario desta situación, a liberdade proclamada para o alumnado, que pode usar a lingua da súa preferencia, deixa exclusivamente nas mans do profesorado, non do conxunto do sistema, a misión imposible de procurar a adquisición de competencias naquela lingua que, a xuízo dos estudantes, é prescindible. Pero é que a administración debe amparar o profesorado no cumprimento dos obxectivos que marca a lei para a adquisición das competencias, facilitando un traballo serio neste ámbito.
O anteproxecto no seu contexto
Se a proposta normativa que se pretende converter en decreto para o ensino encerra as medidas máis regresivas para a normalización do galego neste eido, o contexto gobernamental no que se insire non é menos preocupante. Así, nos últimos tempos podemos asistir, día si e día tamén, a auténticas provocacións contra o idioma. Dende as deturpacións toponímicas do conselleiro de Cultura (“Desván de los Monjes”), pasando pola ousadía sen límites do presidente Feijoo citando nin máis nin menos que a Castelao traducido ao castelán e nada máis e nada menos ca no Parlamento de Galicia, ou polas intolerables declaracións públicas do SXPL A. Lorenzo (“No se puede legislar a favor del gallego en la enseñanza”), ata as adoitadas arroutadas do Valedor do pobo, configuran, como dicimos, un contexto nada prometedor para o idioma.
A única solución factible para intentar amañar no que se poida este despropósito pasa pola retirada desta proposta de decreto e por retomar o consenso lingüístico no ámbito parlamentario, partindo do punto de encontro do 2004, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
E se cadra, por algunha dimisión que permita poñer á fronte deste proceso persoas que teñan a dignidade suficiente para levalo a cabo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario