Sacamos do Xornal de Galicia:Na xornada de onte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo participou nun programa de Correo TV chamado Feijóo responde no que unha serie de persoas preguntaron ao dirixente galego sobre asuntos de actualidade. Por suposto, entre as demandas que se lle fixeron ao popular estaba o tema da lingua.
Feijóo dixo que a discusión sobre o tema lingüístico estaba en se sabemos inglés, e que nese sentido non se priorizará saber galego nas oposicións ao ensino, o importante será saber inglés. Este goberno, nas oposicións á administración retirou as probas de coñecemento de galego. Agora imporán o inglés, o galego non lles importa.
Feijóo meteu bastante a pata ao responder a unha das preguntas pois dixo que se procuraría o ensino bilingüe en referencia á aprendizaxe do inglés. Se é bilingüe, e unha lingua é o inglés, en que outra lingua estaba pensando?
Deixamos aquí o vídeo da primeira parte do programa. Podedes comprobar, que sendo Feijóo o protagonista do programa, non usa esta situación de poder para facer visible o galego, pois tan pronto como alguén lle fai unha pregunta en castelán, el non dubida en facelo tamén nesa lingua. Moito non contribúe con este tipo de actitudes á normalización do galego, que, lembremos é a lingua desprotexida e desfavorecida na nosa sociedade. Se en conta ademais que Correo TV é unha televisión de ámbito local, destápase claramente o desprezo pola nosa lingua que profesa Feijóo.
Parabéns a Correo TV porque fixeron un programa dinámico, non o tostón de entrevista que nos deixaron os da TVG hai uns días.
As preguntas sobre o decreto e o ensino están a partir do minuto 49 de programa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario