Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, acaba de aterrar de Bruxelas. Non foi unha viaxe de pracer. Xunto con outros representes da plataforma, entrevistouse con deputados de todo o arco europarlamentario así como con membros do gabinete da Comisaria de Multilingüismo da UE. O obxectivo: denunciar a nivel europeo a situación de “minorización” que vive o galego respecto ao castelán.
Cal é o titular que trae Queremos Galego desta experiencia en Bruxelas?
A constatación de que este Goberno está a vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Iso é algo que quedou aínda máis patente do que está en todas as reunións que mantivemos con dirixentes e con grupos políticos da UE. A Xunta debería corrixir esta situación de inmediato porque os galegos temos dereitos lingüísticos, tamén a nivel internacional.
En 48 horas reuníronse con representantes de moitos dos grupos que conforman o arco parlamentario europeo así como con varias comisarias. Non botan en falla que tamén os reciba dunha vez Alberto Núñez Feijóo?
O ano pasado, A Mesa Pola Normalización Lingüística xa foi a primeira asociación galega que se reuniu co anterior comisario europeo de Multilingüismo, un home que para entendernos é como un ministro de Educación a nivel europeo. No entanto, o presidente da Xunta négase a recibir tanto á Mesa como a Queremos Galego. Este feito é un bo indicador do profundo sectarismo desta Xunta.
Mantiveron un encontro con altos cargos do gabinete da comisaria europea de Educación, Cultura e Multilingüismo, Androulla Vassilliou. Eran coñecedores da situación de Galicia?
O elemento común en todas as reunións é que a consideración de plurilingüismo que fai o Goberno galego, e na que basea o seu decretazo, é totalmente errada e non é recoñecida polas institucións comunitarias. Os altos cargos xa nos alertaron de que non eran indiferentes a esta situación. Dixeron algo moi importante, que o Goberno galego con este decretazo está a incumprir o propio Tratado de Lisboa no que a Carta de Linguas Minorizadas pasa a ter outro rango. Mesmo hai unha Carta de Dereitos que fala do dereito a poder vivir na lingua propia, que se está a vulnerar. Indicáronnos que deberiamos estudar a posibilidade de denunciar en tribunais internacionais este decretazo baseándonos no tratado.
E van seguir esa ruta?
Este é un capítulo máis dunha denuncia internacional que vai ter un camiño longo. Vai haber máis encontros e así nolo indicaron dende a comisaría de Multilingüismo. Non lles é indiferente o que está a pasar e queren ter máis reunións con nós. Tamén imos ir pola vía da denuncia internacional, temos que ir ante a Unesco e tamén ante o Consello de Europa. Este ano xa temos programado un encontro co Comité de Expertos do Consello de Europa onde estudaremos a vía da denuncia internacional.
Nunha das súas reunións entrevistáronse con eurodeputados fineses. Galicia Bilingüe sempre fala do modelo educativo deste país. Como foi o encontro?
Quedou moi sorprendido cando lle explicamos que determinadas asociacións, como Galicia Bilingüe, utilizaban o seu caso para xustificar unha redución da lingua propia de Galiza. El manifestou que, segundo a súa propia experiencia, o ensino en Galicia debería ser íntegro en galego.
Cal foi a tónica xeral cando lles amosaban as liñas básicas do anteproxecto do decreto do galego?
Quedaron moi sorprendidos de ver o que estaba a pasar en Galiza e cal era a súa realidade lingüística. A nivel internacional, en moitas ocasións o caso galego queda eclipsado por Cataluña e por Euskadi. Tamén é certo que o Estado español vende moitas veces unha realidade plurilingüe en Europa que logo non se corresponde co que estamos a vivir.
Hai 50 anos que unha representación de galeguistas no exilio denunciou ante a Unesco a persecución que o galego vivía no franquismo. Curioso paralelismo...
Por suposto a persecución que viviu o galego co franquismo non é comparabel pero hai un elemento común que hai que recoñecer. Este Goberno está tentando desmantelar o galego e tratando de desmantelar calquera tipo de defensa para o noso idioma. Isto fai que as situación poidan sen paralelas.
Todo isto, nunha semana na que as estatísticas da propia Xunta constatan que o galego segue a perder falantes...
Isto é algo que non lle pasa ao castelán, e non lle acontece ao catalán nin ao vasco. A situación social e política tamén ten moito que ver nesta perda de falantes Os nosos políticos tratan de sacarlle ao galego toda a protección social que poida ter e iso é moi perigoso. A verdade, é moi triste que teñamos a un presidente tan prepotente e tan chulo, porque atacar aos débiles é de prepotentes e de chulos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario