Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 18 de abril de 2010

"Moitos profesores faranse obxectores ao decreto"

Entrevista a Manuel Núñez Singala, director da área de Normalización Lingüística da USC, na Nosa Terra

Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963) dirixe a área de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Publica 'En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega' (Galaxia), manual didáctico pensado para crianzas e adultos.

O seu libro parece unha refutación aos tópicos contra o galego de Galicia Bilingüe e outros.

Pois en realidade está construído moito antes. Hai máis de dez anos empecei a dar charlas sobre normalización e recoñezo que aburrín moito os rapaces que me ían escoitar. Así que construín as charlas como un xogo de lóxica. Eu expúñalles situacións que requirían da súa atención para que se desen de conta de que incluso nas cousas máis obvias poden enganarnos, facernos crer o que non é certo. O libro é froito daquel traballo.

Os adultos tamén caemos nos enganos.

Cos anos non nos facemos inmunes a iso. Coido que os preconceptos poden funcionar cos adultos e polo tanto tamén os argumentos para corrixilos. A miña experiencia indícame que funcionan os xogos incluídos no libro tan ben con profesores ou pais que con alumnos, sexan cativos ou maiores.

Duns anos para aquí semella que se desatou unha guerra contra o galego, que agora parece total ao asumir a Xunta os ataques. Ten defensa posíbel a lingua?

Persoalmente, a min non me gustaba a situación anterior. Socialmente había “paz” pero na realidade o galego estaba a morrer en silencio. A perda de falantes desde a chegada da autonomía foi constante e non lle importaba a ninguén. Galicia Bilingüe e outros fixeron de altofalantes para grupos xa existentes que antes calaban porque era politicamente incorrecto ir contra a lingua. Ao “saíren do armario” tamén espertaron unha forte reacción dos que consideramos que a lingua é un símbolo básico de Galiza. Isto paréceme moi positivo porque sen unha concienciación colectiva de que para salvagardar o patrimonio do idioma hai que comprometerse, non hai futuro.

O decreto do Plurilingüismo aplicarase finalmente?

Até o momento non se aplicou ningún decreto. Os cambios de usos lingüísticos son moi complexos e lentos. Eu teño unha irmá que dá clases de Matemáticas e sempre as impartiu en galego. Vai mudar agora porque llo mande a consellaría? Coido que non. Sancionarana ou a inspección mirará para outro lado, como fixo con normas anteriores. É moi difícil que os profesores cambien os seus usos dun día para outro. Moitos faranse obxectores ao decreto e o Goberno terá que decidir entre incomodar os docentes ou contentarse cunha aplicación parcial do decreto.

Os ataques ao galego poden frear que moitos rapaces de contornos castelanfalantes se pasen ao noso idioma?

É necesaria masa crítica para un cambio dese tipo, claro está. Se o ambiente está en contra, poucos se van cambiar. Pero na miña experiencia como sociolingüista sei que todas as medidas poden acabar dando os seus froitos, pasado o tempo. E moitos falantes poden asumir o galego como medio de reacción contra os maiores ou contra un contorno que non lles gusta. Igual que se visten e se peitean conscientes de que incomodan, talvez agora falen en galego porque “non está ben visto”.

Vostede coñece a Anxo Lorenzo. Que opina do seu labor?

Alegreime sinceramente cando o nomearon secretario xeral de Política Lingüística porque é unha persoa formada e capaz de facelo ben. Pero hoxe recoñezo que non entendo o seu xeito de traballar nin de pensar.

Faga un balanzo do proceso de normalización destes anos

Está claro que fracasou. Mentres en Catalunya e Euskadi a autonomía parou a perda de falantes das linguas vernáculas, no noso caso non foi así. Penso que non se investiu o diñeiro necesario e que houbo poucas medidas nas que os dirixentes políticos cresen firmemente. O peor é que chegou a haber consenso político sobre o idioma e non se fixo nada. Agora que non o hai, todo é ben máis complicado. No caso concreto da Universidade de Santiago, hoxe dáse en galego o 30% das clases. Hai 20 anos a cifra era do 20%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario