No desenvolvemento do aínda vixente decreto 124/2007 de normalización do galego no ensino, fixérase unha campaña promovida pola Universidade de Vigo e varios concellos para explicar o, daquela, novo decreto.
O lema que usaban era: "Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis"
Destacamos as seguintes palabras da presentación desta campaña:
En xullo de 2007 entrou en vigor a nova normativa sobre a regulación do uso e a promoción da lingua galega no sistema educativo (Decreto 124/2007). Este decreto reforza o programa de educación bilingüe que se vén ofrecendo en Galicia dende 1995. A principal diferenza é que o actual programa marca nun mínimo do 50 % as materias que deben ensinarse en galego, fronte ao teórico e nunca cumprido 33 % do programa anterior. Este cambio é moi necesario unha vez feito o diagnóstico da aplicación do programa durante os últimos 12 anos, que deu uns resultados moi insatisfactorios na adquisición ou reforzamento de competencias lingüísticas do alumnado galego.
Os datos demostraron que co anterior programa os únicos alumnos con alta competencia bilingüe oral e escrita eran aqueles de lingua inicial ou ambiental galega, mentres que os alumnos de lingua inicial ou ambiental castelá non conseguían ser bilingües ao se detectaren neles graves eivas e insuficiente formación lingüística.
O termo educación bilingüe ou plurilingüe refírese ao uso de dúas ou máis linguas de instrución durante algún momento do proceso educativo da poboación en idade escolar. A gran maioría dos estados do mundo ofrece algunha modalidade de educación plurilingüe. O obxectivo de todo modelo de educación plurilingüe é posibilitar o dominio efectivo dunha ou máis linguas que o alumnado non ten no seu medio social e/ou familiar.
Así, en ámbitos de predominio escolar castelán-falante como os espazos urbanos, onde a presenza social do castelán é alta, os criterios académico-pedagóxicos aconsellan un tipo de actuación diferente á que se dá en ámbitos onde o galego ten unha maior visibilidade social. Nestes eidos é aconsellable aumentar a presenza do galego como lingua de ensino para que o alumnado acade así a mesma competencia lingüística en galego e en castelán. E todo coa mesma finalidade: contribuír a que a lingua galega, patrimonio de todos os galegos e patrimonio da humanidade, acade o prestixio e a presenza social abondas que conduzan á súa transmisión normal de xeración en xeración.O actual modelo educativo plurilingüe parte da consideración real do desequilibrio en se atopan actualmente galego e castelán. Calquera persoa coincide en que o prestixio social do castelán está fóra de toda dúbida e que este prestixio proporciona vantaxes notables. Pola súa parte, o galego, debido a unha serie de procesos históricos de desprestixio que se agudizaron durante o século XX, sobre todo durante o franquismo, atópase nunha situación moi sensible de infravaloración social que require unha intervención urxente para garantir a súa viabilidade como lingua normal de comunicación na complexa sociedade do século XXI.
Por iso, o modelo de educación lingüística que promove o Decreto 124/2007 é un modelo de mantemento de linguas, isto é, un bilingüismo aditivo que, sen prexudicar o castelán, promove o bilingüismo entre o alumnado e garante (1) que o galego aumente o seu uso e prestixio social, (2) que o galego recupere funcionalidade na familia, (3) que a poboación poida elixir libremente a lingua de uso na comunicación debido a que coñece e pode usar correctamente as dúas e (4) mediante a introdución dunha lingua estranxeira como lingua vehicular, o seu dominio digno e efectivo e non só teórico como ata agora.
Isto último só se pode garantir se a poboación adquire durante a etapa escolar un domi- nio semellante nas dúas linguas cooficiais, independentemente da súa lingua familiar. E isto, en contextos socialmente diglósicos e desequilibrados coma o galego, en que un dos idiomas –o autóctono– é desfavorecido e precisa unha atención especial, isto só se poderá conseguir regulando positivamente ao seu favor, facendo que co galego adquirido na escola se recupere o galego non adquirido no eido social ou familiar.
Sabemos que o goberno galego vai gastar un millon de euros en publicitar un novo decreto (de plurilingüismo) contra o galego. Cal será o lema que van usar? Nós propoñémoslle un: "Europa é plurilingüe. Quen non sabe galego, sabe menos"
Ningún comentario:
Publicar un comentario