Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 23 de abril de 2010

Menos complexos (III)

por Xosé Graña Núñez, en Galicia Hoxe, e de momento van 3. Ata onde chegará?

Esta é a crúa realidade, a marca "galego" non vende entre os propios galegos, e un sente certa envexa doutras latitudes do Estado. Pero xa se sabe... "Galicia non é Cataluña", como insisten en recordarnos dirixentes do PP dende hai anos.

Se ben isto ten bastante de falacia, e as comparacións son sempre odiosas, tampouco imos negar que algo hai de verdade. Dende hai séculos o catalán en Cataluña vén sendo sinónimo de cultura, prestixio, aristocracia, burguesía...

En definitiva, poder económico e dende a democracia tamén poder político, poder eclesiástico, poder xudicial, poder mediático... con outras palabras, un selo de calidade, un "distintivo de clase".

En Galicia, e malia os incuestionables avances que a nosa lingua experimentou nas últimas tres décadas, soñar cunha situación así é, a día de hoxe, unha pura utopía. Con tódolos matices que se queiran (esta non é a década dos corenta) seguen sendo por desgraza moitos os cidadáns autoacomplexados que acabaron por interiorizar os prexuízos espallados sibilinamente polos grupos dominantes que, destilando autoodio polos catro costados, entenden o galego como un "distintivo de clase", pero da outra clase; desa que teñen en mente persoas tan desprezables como a (señora?) Rosa Díez.

Esta é a nosa traxedia e o gran fracaso dun pobo que non soubo, ou non lle deixaron, soltar un lastre que xeración tras xeración veu estigmatizando o máis sagrado da súa alma galega: a lingua. Cantas xeracións terán que pasar para que algún día poidamos pasear polo mundo, sen complexos, con orgullo e dignidade a marca "galego"? Posiblemente demasiadas, tantas que nos fagan perder o último tren...

Ningún comentario:

Publicar un comentario