Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 15 de abril de 2010
Denuncia internacional
A plataforma Queremos Galego denunciou onte ante as institucións europeas a "cruzada" contra a lingua galega que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo está a facer e avanzou que levará o caso a outras instancias internacionais como o Consello de Europa e a Unesco.
Entre os membros da comisión que foi a Bruxelas estaba Bieito Lobeira, quen a respecto desta cuestión escribe o seguinte artigo na Nosa Terra
Hai 56 anos, en pleno franquismo, a VIII Conferencia Internacional da UNESCO recibía un informe-denuncia sobre a persecución da lingua galega no seu propio país. O documento era asinado por sete entidades galegas no exilio/emigración, e relataba a situación de exclusión que o noso idioma padecía en numerosos ámbitos da sociedade, así como a represión dos seus defensores.
56 anos despois, nunha conxuntura xurídico-política diferente, e mesmo cun marco legal mínimo, que cando menos recoñece o carácter oficial do galego, a Plataforma Queremos Galego viuse obrigada a trasladar a diversas instancias internacionais, novamente, que aquí, na Galiza, hai un Goberno do Partido Popular que conculca os tratados internacionais subscritos polo Estado español en materia de dereitos humanos, e que anula os dereitos democráticos (lingüísticos) do pobo galego. Máis aínda, alertando da posibilidade de represión os docentes que ousen impartir determinadas materias en galego.
Tiven a honra de participar na delegación que a Plataforma Queremos Galego desprazou a Bruxelas, a fin de formalizar diversas denuncias en institucións diferentes en relación coa situación da lingua galega. Á marxe do recoñecemento obtido en termos de visualización internacional da Galiza, da súa lingua e cultura propias, así como dos seus dereitos políticos, sempre desde unha perspectiva non alienada, folcklorizante ou submetida a España, foi posíbel comprobar como xoga, tamén nesa esfera, o Partido Popular.
Presións realizadas polo PP-español no Parlamento Europeo aos seus colegas do PP-europeo para non participaren en ningún contacto coa delegación galega non só non deron os seus froitos, senón que mesmo nos foron trasladadas, para o noso coñecemento, por parte de varios deputados desa formación política. Para todos eles é evidente, e eu tamén o creo, que o PP-español é o que mantén as maiores doses de intolerancia e combate á diversidade nacional e lingüística nesa institución comunitaria. Son os peores.
Así foi. Fóra do resultado concreto das reunións mantidas con membros da Comisión Europea, foi curioso comprobar como membros do PP-europeo, ou do Grupo Liberal, que manteñen teses similares (que eu desde logo non compartillo) no tocante ao modelo social e económico comunitario, si foron quen de nos mostrar a súa solidariedade e apoio á situación que estamos a padecer na Galiza do punto de vista lingüístico. Deputados desa adscrición ideolóxica pertencentes a diversas “minorías nacionais” con lingua propia diferente da oficial do Estado (en Lituania, Suecia ou Eslovaquia), non tiveron problemas en se desmarcaren dos seus colegas españois, e en coherencia coa súa procedencia, manifestarnos a súa fraternal adhesión. Mágoa que outros, algúns nados na Galiza, no actúen do mesmo xeito cando chegan a postos de responsabilidade institucional que lles permitiría defender a súa lingua. Como fan outros.
Conclusión práctica: É esta unha liña –a da denuncia internacional– que cumpre explorar en maior medida. O PP na Galiza está só na imposición da súa política lingüística (ou case só: UPyD, Galicia Bilingüe e similares), e é preciso que tamén fique só na esfera internacional. Evidentemente a batalla líbrase na Galiza e temos que gañala aquí, mais non é indiferente o apoio e a solidariedade que recibamos doutros países e institucións. Aínda que só sexa para que saiban na Europa e no mundo que o pobo galego existe por si mesmo e sabe loitar pola súa dignidade e liberdade, moi lonxe dese disfrace de pobo dócil, submiso, dependente e españolizante que nos queren impor.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario