Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 28 de xullo de 2020

Na Coruña, en galego?



Neste programa de Nós TV tratan a idea de que na Coruña se usa pouco a nosa lingua, pero canto hai de certo e canto de mito? Marcos Maceira, presidente da Mesa, Xulia Regueiro, técnica do SNL da Coruña son o contrapunto científico aos prexuízos que transmiten algúns veciños da cidade.

venres, 24 de xullo de 2020

Xoaquín Monteagudo: "non existe institucionalmente unha política destinada a incorporar o galego como lingua xurídica"

Sonia Dapena entrevista a Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega en Nós Diario:
A Irmandade Xurídica Galega realizou onte un acto en Celanova para recordar a primeira vez que se empregou o galego no seu xulgado. En que consistiu?
O que conmemoramos foi que o xulgado de Celanova entregou unha sentenza en galego nun proceso xudicial por primeira vez hai 25 anos. Ademais, a Irmandade Xurídica Galega fundámola no ano 2008 en Celanova. Foi un acto singular porque o noso primeiro evento como colectivo de xuristas preocupados polo galego realizouse no Mosteiro de San Rosendo, en Celanova.

sábado, 18 de xullo de 2020

Como unha valenciá aprendeu galego


É de Valencia, vive en Alemaña, e nunca pisou terra galega. Con todo fala en galego e neste vídeo a youtubeira @laranxeta explica como o fixo.

venres, 17 de xullo de 2020

Da normalización sen conflito ao conflito sen normalización

por Henrique Monteagudo, en Tempos Dixital:

O pasado mes de maio cumpríronse dez anos da aprobación do “Decreto do plurilingüismo no ensino” (2010), que viña derrogar o “Decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo”, vixente durante tres cursos escasos. Ambos os dous decretos, cos correspondentes títulos, son pezas emblemáticas das políticas lingüísticas dos períodos anterior e posterior, respectivamente, ao ascenso do PP á Xunta: “o uso e promoción do galego” cedeu paso ao “plurilingüismo”. O decreto de 2007 significara o punto de chegada dun camiño iniciado en 1983 coa Lei de Normalización Lingüística, que, paseniñamente, arrastrando os pés, cambaleando, con viravoltas, pero con rumbo definido, viñeran percorrendo sucesivos gobernos autónomos do Partido Popular. Coa adaxe do plurilingüismo púñase punto final á política de mínimos, de buscar consensos, de consolidar un chan para afincar os alicerces do galego co horizonte da normalización lingüística —para uns aspiración utópica, para outros etiqueta propagandística— e estreábase a política de reforzar os teitos —os legais e os de cristal— e apagar os horizontes do galego.

xoves, 16 de xullo de 2020

Chamadeiros: A toponimia de Pontevedra

Unha fermosa publicación divulgativa do SNL do Concello de Pontevedra sobre a súa toponimia

A toponimia de Pontevedra by kiarqu2458 on Scribd

Negacionismo enxebre

 


por Miguel Rodríguez Carnota, en Terra e Tempo:

Negacionismo é a arte de rexeitar unha parte da realidade contra toda evidencia racional. Os negacionismos cumpren unha dupla función: unha de carácter social, a moi evidente de resultar útil aos poderosos, pois fai desaparecer da vista realidades patentes que os poidan incomodar ou cuestionar. A outra, a moi reconfortante función psicolóxica de trocar verdades inquietantes por crenzas confortábeis, moito máis doadas de asumir esobrelevar.

 

martes, 14 de xullo de 2020

O rostro humano da literatura galega

No ano 2008 a RSME (Real Sociedad Matemática Española) xunto coa FECYT (Fundación Española para la Cinencia y  Tecnología) puxeron en marcha unha exposición para popularizar a figura de 30 matemáticos, "O rostro humano das matemáticas". De cada un deles presentábase unha caricatura dun deles, un breve texto explicando algunhas das características fundamentais da súa vida e a súa obra e unha imaxe relativa a esta última. Por exemplo, de Pitágoras ofrecíase esta demostración visual do seu teorema.


Non se lle poden negar as potencialidades educativas desta exposición que, no seu momento, e con gran éxito, percorreu unha innumerable cantidade de centros e achegou a cultura matemática a moitos rapaces. A exposición incluso acabaría tomando forma de libro, El rostro humano de las matemáticas (Nivola, 2007)

O rostro humano da literatura galega
Agora, esta mesma idea, cargada sobre os ombros dunha soa persoa, foi levada á práctica coas figuras homenaxeadas no Días das Letras no período 1963-2020. De cada unha delas temos nas páxinas impares unha caricatura. Nas pares un texto do escritor, unha explicación do fundamental da súa vida e obra, datas e lugares de nacemento e morte, e un listado dos seus libros máis importantes. Velaquí a esencia do libro As letras galegas en caricatura, editado polo autor, Héitor Picallo.
Un libro de consulta escolar coa potencia das imaxes que fan máis próximos aos escritores galegos aquí recompilados.


mércores, 8 de xullo de 2020

A metodoloxía da SXPL, ou como subvencionar o castelán cos (escasos) cartos da normalización

Onte a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) emitía un chío para informar da apertura do prazo para solicitar prazas de lectorado no que remitía ao portal da propia SXPL para a consulta de bases
Porén, no portal da SXPL non había onde facer a consulta


Isto lévanos á pregunta: hai alguén aí? Funciona a SXPL? Se funciona, que fai?
Velaquí unha mostra do que fai. O conto, como veredes, non é novo.
Hai un ano a SXPL licita a compra de 300 exemplares do libro " Medio século de galeguidade", dunha especie de organismo chamado Enxebre Orde da Vieira. En total 6.236,88 €. Premendo na anterior ligazón poderedes comprobalo, o libro está redactado en castelán (agás unha entrevista ao secretario xeral de política lingüística e ao de emigración)
Que terá a Enxebre Orde da Vieira para ter a atención da Xunta?. Lendo a súa presentación vemos que

La ENXEBRE ORDE DA VIEIRA, NO es un partido político, ni asocia-ción, ni mucho menos una tendencia. NO promociona, no gestiona, no especula, no selecciona, no discrimina. NO es una corporación, ni una fundación. NO es un grupo de presión. NO tiene ni administra fondos. NO persigue ánimo de lucro. NO recibe ni solicita subvenciones. NO acepta herencias, legados ni donaciones. NO reparte dividendo. NO percibe cuotas ni tributos. NO tiene domicilio social. No tiene presidente, ni socios de honor, de número o de mérito. NO es una mutualidad ni una sociedad mercantil. La E.O.V. no es nada de eso y, sin embargo [o marcado é meu]
recibe o privilexio de que a SXPL gaste os seus fondos nun libro, posiblemente para agasallo aos seus membros , a pesar que a Enxebre Orde lle vira as costas á lingua. Non só iso, a SXPL compra 300 exemplares dun libro que maltrata a toponimia. A seguinte foto é só un dos múltiples exemplos: *La Coruña, *Orense, *La Guardia, *Puentedeume, ...

Finalmente, o máis escuro de todo. Vendo como é a publicación, entendemos que a SXPL merca todos os exemplares, seguramente para ofrecerllos como agasallo aos membros da Enxebre Orde que non recibe subvencións. De ser certa esta miña sospeita, hai que preguntarse a onde foron a parar os cartos da Secretaría Xeral de Emigración, cos que se volveu subvencionar a publicación