Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 17 de xullo de 2020

Da normalización sen conflito ao conflito sen normalización

por Henrique Monteagudo, en Tempos Dixital:

O pasado mes de maio cumpríronse dez anos da aprobación do “Decreto do plurilingüismo no ensino” (2010), que viña derrogar o “Decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo”, vixente durante tres cursos escasos. Ambos os dous decretos, cos correspondentes títulos, son pezas emblemáticas das políticas lingüísticas dos períodos anterior e posterior, respectivamente, ao ascenso do PP á Xunta: “o uso e promoción do galego” cedeu paso ao “plurilingüismo”. O decreto de 2007 significara o punto de chegada dun camiño iniciado en 1983 coa Lei de Normalización Lingüística, que, paseniñamente, arrastrando os pés, cambaleando, con viravoltas, pero con rumbo definido, viñeran percorrendo sucesivos gobernos autónomos do Partido Popular. Coa adaxe do plurilingüismo púñase punto final á política de mínimos, de buscar consensos, de consolidar un chan para afincar os alicerces do galego co horizonte da normalización lingüística —para uns aspiración utópica, para outros etiqueta propagandística— e estreábase a política de reforzar os teitos —os legais e os de cristal— e apagar os horizontes do galego.
Lembremos algúns fitos: 1982, aprobación das Normas do idioma galego do RAG / ILG; 1984, creación do Centro Dramático Galego; 1984/1985, posta en marcha da Radio e a Televisión de Galicia; 1987, decreto sobre o uso vehicular do galego; 1988, Lei de uso do galego polas corporacións locais; 1991, creación dos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino; 1995, novo decreto do uso do galego no sistema educativo que estipula o seu uso en ao menos en 1/3 das materias; 2003, aprobación da reforma normativa “da concordia”; 2004, acordo unánime do Parlamento de Galicia sobre o Plan Xeral de Normalización da Lingua. Engádase a todo iso, por non cansar máis, a ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias polo Parlamento Español, con maioría absoluta do PP e cun goberno presidido por José María Aznar (2001). Alguén podería aducir algún fito comparable aos anteriores a prol do galego, despois de 2009? Alguén viu calquera medida gobernamental que tome nota das recomendacións do comité de expertos dea Carta Europea para cumprir os compromisos adquiridos, por exemplo en materia de ensino? Alguén lembra unha autoridade galega denunciado a súa flagrante violación por parte dos gobernos de Castela-León e Asturias, ou por parte do poder xudicial español?
Os devanditos avances viñeran arroupados por un discurso oficial amable para o idioma do país, que apelaba ao bilingüismo e á igualdade entre as dúas linguas oficiais. Un discurso que foi combatido con máis saña que acerto desde a corrente maioritaria do nacionalismo galego, que primeiro se opuxo á cooficialidade, despois cismou contra a Lei de Normalización, logo encirrou a polémica ortográfica, e, mesmo cando comezou a endereitar a derrota, foi incapaz de articular unha proposta en positivo. Pero se non houbo consenso de partida, coa reforma normativa de 2003 e co Plan Xeral de Normalización de 2004, gobernando Fraga con maioría absoluta, acabou fraguándose un consenso de chegada. Ata que, coa derrota electoral do vello patrón en 2005, o PP de Mariano Rajoy puxo en cintura ao homónimo de Galicia, pasando as súa rendas ás mans de Feijóo. A partir daquela impúñase a sintonía con Madrid, o lugar simbólico onde a dereita española se atopaba en volcánica mutación desde un conservadorismo moderado a un desenfreado radicalismo neoliberal, desde un nacionalismo español en proceso de asunción das realidades autonómicas a un españolismo de vello cuño, vociferante e belixerantemente recentralizador.
Núñez Feijóo aproveitou o momento, montou na onda daquela enorme fake new da “imposición do galego”, axitada pola alt-right entón emerxente, e surfeouna na táboa da “liberdade de lingua”. Aquilo foi chegar e encher. Algún día haberá que preguntarse por que un discurso tan enganoso como o articulado sobre aquelas imposturas se difundiu tan rapidamente, por que resultou tan eficaz e por que calou tan fondo en amplos sectores sociais. A non ser para quen subscriba teorías conspiratorias, non abonda con aludir aos servizos, certos e dolosos, dos medios de comunicación máis potentes. Probablemente, a campaña contra o galego non respondeu a unhas conviccións ideolóxicas fortes, nin por parte do líder nin, moito menos, por parte do seu partido, pero atopou terreo aboado tanto no malestar dos círculos dirixentes da economía do país, monolingües en castelán e amolados polo crecente prestixio social que o galego estaba adquirindo, canto nos prexuízos diglósicos, vellos e novos, arraigados e florecentes, de determinados sectores da poboación (por caso, entre algúns neofalantes urbanos do castelán). Pero, sobre todo, atopou un aliado poderosísimo na ideoloxía dominante do noso tempo: o neoliberalismo.
Non é o momento de deterse a analizar como o reseso españolismo centralista deu en se remozar nas frescas augas do neoliberalismo, co afervoado contributo dun plantel de intelectuais antes progresistas. Pero non hai dúbida de que a batalla das linguas librada durante as últimas décadas en España e en Galicia non se pode entender sen ese contexto. Ora, a dereita galega tampouco voa tan alto. Conseguido o obxectivo, recuperar o poder e reafirmar a súa inveterada hexemonía, obrigou a reducir a presenza do galego no ensino, des-oficializou o galego na administración, afrouxando os requirimentos para o funcionariado, desinvestiu en política lingüística, deu continuidade en versión light aos aspectos máis ineficaces das antigas políticas, e deixou que o desalento cidadán e o furacán neoliberal fixesen o resto. O tsunami da virulenta crise económica que arrasou o país trouxo ao primeiro plano outras urxencias máis prementes, e os danos para o galego pasaron a ser colaterais. Pasado o tempo e coas augas máis tranquilas, “pasou o que pasou”. Toca cubrir co veo do esquecemento todo aquel feo episodio. «Ben pensado, talvez aquilo foi excesivo e ata, quen sabe, un tanto innecesario» —bísballe a algún a súa mala conciencia. «É un incómodo recordo, pero ao feito, peito. Morra o conto» —retruca o ego pragmático para acalar remorsos.
Pero a desfeita na política lingüística non pode explicarse só polas iniciativas do Partido Popular. Se antes de 2009 o PSdG non se dotara dun discurso lingüístico minimamente sólido, e se o BNG non se acababa de aclarar, entre a inercia das consignas caducadas e a levidade das tácticas de caneo, o peor do conto é que dez anos despois estamos nas mesmas. (Nisto, a nova política é fume de pallas). Se cadra, estamos peor, porque o idioma foi mirrando e a forza de repetirse pola falta de propostas, a deliberación pública limítase a proclamas ocasionais e rituais golpes de peito. O idioma galego ten un serio problema político. Pero, u-las propostas dunha política lingüística alternativa para o ensino, para a mocidade, cara ás novas tecnoloxías, cara ao futuro dixital? O ciclo iniciado en 2009 continúa aberto… e o porvir vaise estreitando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario