Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de novembro de 2016

Youtubeiras vs. Rede de Dinamización Lingüística


YOUTUBEIR@S, Concurso de vídeos na Rede from Illa Bufarda on Vimeo.

Youtubeir@s  nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión (vídeo-opinarmos) como videotitoriais (vídeo-facermos), para a súa difusión en Internet. As bases explícanse neste mesmo vídeo que compartimos aquí. Ademais ofrécese a posibilidade de formación para a vídeocreación.
Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos a Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; ademais das universidades galegas. Cada vez que se pon en funcionamento unha destas propostas faise máis evidente o contraste coa inanición da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A posta en escea das Youtubeir@s é alegre, enérxica, a toda cor. Pola contra, na RDL só atopamos tristes PDFs baleiros completamente de contido. Se desde Youtubeir@s se proxecta unha imaxe dunha sociedade dinámica e activa, paradoxalmente a chamada Rede de Dinamización susténtase nun tipo de organización pesada, inamovible e anticuada e que se dirixe a unha socidade que comparte os mesmos adxectivos. A RDL quer retratarse como un ente para a formación permanente (sic) cando hai 5 anos que non convoca ningún tipo de actividade formativa. O bo criterio das Youtubeir@s fixo que non se nos presentaran como un simple concurso audiovisual, senón que na xenética do mesmo está a formación na videocreación.
En definitiva, a escura  RDL está sustentada co orzamento da política lingüística da Xunta e resulta ser máis ben un elemento de freo á normalización, mentres que as Youtubeir@s que revalorizan a lingua co achegamento ás TIC, tiveron que traballar cun complexo entramado de SNL de entidades locais e universidades para financiar un proxecto ilusionante e cheo de luz.

Canto te quero, avoíña! Que bo es, avoíño!

por Xabier P. Docampo, no Sermos Galiza;

Benquerida amiga, prezado amigo: Raro é o día que non nos atopamos pola rúa, entre que estamos xubilados e o médico mándanos andar, os nosos camiños entrecrúzanse moitas veces e con frecuencia ti levas contigo ao teu neto, á túa netiña. Eu párome contigo, xaora, somos amigos de vello, e falamos, sempre en galego, ti sabes que eu fágoo sempre e ti, comigo, tamén. E tamén lle falo ao neno ou á nena que acompañas, porque os pais están traballando e ti cóidalo mentres eles non volven do seu labor ou lévalos e tráelos á escola ou a piano ou a natación..., dicía que eu tamén falo co teu neto, coa túa neta. A verdade é que tampouco vou moito máis aló das frases tópicas destes casos, da que a máis socorrida é «como te chamas?», «Como te llamas?», asegundas ti, como se a criatura fose parviña e non me entendese. Desengánate, meu benquerido amigo ou amiga, enténdeme perfectamente, e único que estás a facer e empequenecer o seu mundo interior, restándolle saber.

“¿En castellano también vale?”

por Laureano Araújo, na Praza Pública:

Son miles os docentes que imparten clase en galego e lle escoitaron preguntar isto a máis dun alumno durante unha proba escrita. Para ese alumno non é obvio que unha pregunta formulada en galego se contesta en galego; de feito, consciente da posibilidade que ten de escoller entre dúas linguas, verbaliza a súa opción por unha delas en detrimento da proposta polo profesor. Para el, a escolla é por completo aproblemática: nada hai no seu mapa intelectual e emocional que lle cree o máis mínimo conflito. Destápase así como o vehículo perfecto do proceso ideolóxico de substitución lingüística que a nosa sociedade, co inestimábel impulso das institucións e dos medios de comunicación mainstream, leva a cabo dun xeito sistemático en nome do bilingüismo, un dos máis demoledores conceptos fetiche da corrección política patria.

martes, 29 de novembro de 2016

O teatro de Olimpio Arca


Foto da A.C. Vagalumes

Xa temos feito referencia por aquí moitas outras veces ao mestre Olimpio Arca, e nunca sobra facelo. Hai uns días o Concello de Cuntis, do que era orixinario, presentaba un libro na súa Homenaxe. O ano pasado a Asociación Cultural Vagalumes recordábao nunha xornada adicada a unha das súas grandes teimas: a recuperación e revitalización do patrimonio cultural tradicional. Este ano repítese a homenaxe, pero como Olimpio era un home multifacético, nesta xornada farase referencia a outra das actividades que, de seguro, lle levaron máis satisfación ao mestre de Couso, o treatro infantil. El foi autor de varias obras que representou co seu alumnado.
Isto foi o que levou á A. C. Vagalumes a chamar aos centros escolares da vila da Estrada para representar algunha das obras de Olimpio. O acto terá lugar no Teatro Principal da Estrada a partir das 19:00. Ao finalizaren as representacións haberá unha pequena rolda de debate sobre o teatro escolar e o seu papel dinamizador da cultura. a lingua e a aprendizaxe.

luns, 28 de novembro de 2016

Muiñose



Así nos conta o IES Otero Pedrayo (A Coruña) en que consiste a mitose, a ritmo de muiñeira.
O vídeo xa ten o seu tempo, pero eu non batín con el ata estes días.
Aproveito a entrada para recordar que o Departamento de Matemáticas deste centro vén publicando unha revista escolar de matemáticas desde o ano 2000.

venres, 25 de novembro de 2016

Fran (Narf): “Oín dicir que non ías andar máis por aquí”

por Xoán Carlos Garrido Couceiro en Terra e Tempo:

Dicíase aquelo de que a “arte pola arte” era reaccionaria e que o revolucionario era aturar a un autor “engagé”. Entón coñecemos a Fran e cambiou todo o que pensábamos ao respecto.

xoves, 24 de novembro de 2016

CienciaNOSA e o Proxecto Funil




O Proxecto Funil presentouse no XXIX Congreso ENCIGA celebrado os días 17, 18 e 19 de novembro no IES Xulián Magariños (Negreira). Por esta noticia chegamos ao portal CienciaNOSA, o escaparate dun grupo de innovación docente que desenvolve a sua actividade en tres liñas fundamentais das que Funil.gal forma parte importante:
i) Didáctica da Química, coa elaboración de novos materiais docentes incluídos novos materiais audiovisuais como ferramentas docentes;
ii) Historia da ciencia e patrimonio histórico-científico galego, cun traballo de concienciación da importancia do legado científico e unha posta en valor do traballo das científicas e dos científicos galegos;
iii) Mulleres e ciencia, mediante a inclusión da perspectiva de xénero na docencia.

O Proxecto Funil susténtase en dous tipos de recursos: un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan os procedementos,as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química, as operacións básicas e de certas preparacións elementais.
Só nos queda dar os parabéns e o agradecemento de todos os que respectamos e amamos a lingua galega aos colaboradores do Grupo CienciaNOSA.
Velaquí, xa que logo, unpar de fontes de recursos de enorme calidade e con vontade normalizadora. En consecuencia, o X premio Luísa Vilalta foi parar a este proxecto, que está financiado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística da que forma parte a SXPL. Nunca, desde a SXPL  se fixo promoción, nin tan siquera noticia, destes gorentosos traballos. Sospeitoso, non?

Como mostra do enorme poder normalizador vai un segundo vídeo coa terminoloxía propia do material de laboratorio.


martes, 22 de novembro de 2016

'O galego non para', desde Chapela



Teño que confesar que cando vin no blogroll que teño aquí á dereita o anuncio do ENDL do IES de Chapela para facer un mannequin challenge, non ventei nada. E iso que os antencedentes xa me tiñan moi avisado: Eu falarei, Celso Emilio, ferreiro das palabras aceirudas, ou TERRA (vídeoclip en lingua de signos).
Increíble, pero volveron a achegarnos unha nova xenialidade. Destaco estas súas palabras:
non estamos dispostos e dispostas a que a nosa lingua se conxele como un obxecto de museo.
Nota mental: cando volva a ver unha nova entrada no Berete, andarei á espreita

luns, 21 de novembro de 2016

A ciencia en galego no IES Antón Losada



Son moitas as razóns polas que me encantou o vídeo. A primeira, porque se repasa o fundamental das actividades que se realizaron no meu novo centro, o  IES Antón Losada (A Estrada), para celebrar a xornada da Ciencia en Galego, instituída para poñer en evidencia a exclusión da lingua galega que impón o funesto decreto de plurilingüismo. En segundo lugar porque o vídeo está moi ben realizado: créditos, títulos, cortes, música,... Un exemplo máis do enorme e excelente traballo que se realiza decote nos ENDL dos centros escolares. Por último, unha razón particular, a de poder ver aos alumnado que coñezo colaborando con alegría o que debería ser o normal, actividades de aprendizaxe das ciencias na nosa lingua.
A todos os alumnos que colaboraron nas actividades entregóuselle un diploma ben guapo que poderán locir nos seus despachos cando sexan médicos, enxeñeiros, arquitectos,...

sábado, 19 de novembro de 2016

Sons no camiño



Pasado e  presente dos pobos do Val do Varón, polo que transcorría o Camiño dos arrieiros. Vellas historias e recordos mistúranse coa chegada de novos habitantes a estes lugares nos que a despoboación e o abandono fixeron estragos. Xentes que marcharon, xentes que nunca se foron e xentes que veñen de chegar aparecen no filme, que pretende pór tamén en valor a beleza deste val

Así se explica con palabras a esencia deste documental realizado polo alumnado de 4º da ESO do IES Chamoso Lamas (O Carballiño). Recibiu o 2º premio da VII edición do OUFF.
Esta peza audiovisual está sendo proxectada en diversos festivais de cine. Ben o merece.

venres, 18 de novembro de 2016

VII Día da Ciencia en Galego: por unha lingua sen límites

Carteis do IES Losada (A Estrada
Alá foi unha xornada máis de reivindicación do galego para o seu uso na dociencia das materias científicas. Trátase dunha xornada de protesta contra un dos aspectos do funesto decreto chamado de plurilingüismo que máis prexuízos xenera.
Este ano notouse moito a falta da CGEDNL. Pola contra, a Consellería de Educación continúa a intentar apropiarse da data e a limpar da mesma todo o seu sentido. 😠
Velaquí un listado de actividades que se foron divulgando pola arañeira:

Centros de ensino


Medios

mércores, 16 de novembro de 2016

Narf: o caldo da casa


Onte chegounos a noticia do falecemento de Fran Pérez, máis coñecido polo seu nome artístico, Narf.
Para unha crónica chea de coñecemento e sentimento, a de Montse Dopico, no dixital Praza Pública.
Aquí traemos unha pequena entrevista que lle fixeron hai medio ano canda Uxía os rapaces de 4º da ESO do IES Chano Piñeiro (Forcarei). Os músicos foran alí a presentar o seu disco Baladas dunha Galiza imaxinaria e ao rematar comenzaron esta conversa que é unha lección de orgullo polo propio. Narf explica como se lle queres mostrar a alguén de fóra o que ten valor para ti, non o vas levar ao Mcdonalds, vas levalo a tomar un caldo da casa. O mesmo pasa coa cultura, coa lingua,.. con todo.
Velaí onde estaban as raíces da música de Narf. No mesmo lugar no que residen as balada das nosa Galiza imaxinaria, a única Galiza real.
Cando así se explicaba Fran Pérez, seguramente non se decataba de que se estaba definindo a si mesmo. El é ese saboroso caldo feito coa receita da avoa.

luns, 14 de novembro de 2016

*Arosa unha e outra vez

A Lei de Normalización Lingüística só ten un artigo prescritivo para o uso do galego. O resto son recomendacións, indicacións de non prohibición: poderase redactar, promoverán, poderanse realizar, recomendará, tamén é oficial, será mérito...., Únicamente o artigo 10 é asertivo: "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Posiblemente por esta circunstancia hai unha maior sensibilización fronte aos esnaquizamentos toponímicos que fronte a outros ataques á lingua. Con todo hai zunantes teimudos en estragar tamén os topónimos pola vía que sexa. Un ano detrás doutro, distintas feiras celebradas en Fexdega, chegan con este insulto aos galegos, que por ser repetido e continua é aínda máis grave. Neste caso podemos ver a carón dun colector de lixo o anuncio de *Arosa Novias. Quizais o lugar non podería estar mellor escollido.

venres, 11 de novembro de 2016

Canto ao idioma galego do Santiago Futsal



Chegan a esta xanela moitas contribucións de centros escolares sobre a reivindicación da lingua. En certos ámbitos case non existen como é o caso da administración de xustiza. Noutros, como o deporte, parece como se a lingua fose algo completamente alleo. Como se os deportistas non falasen, ou mesmo como se non soubesen ler. Velaquí un caso que debería darse con máis frecuencia. Os xogadores do club de fútbol sala Santiago Futsal, coa Praza do Obradoiro de fondo, fan unha lectura de poesías de Manuel María de reivindicación do galego.

Canto ao idioma galego
Idioma meu, humilde, nidio, popular,
Labrego, suburbial e mariñeiro
Que fas avergonzar
ao burgués, ao señorito e ao tendeiro:
levas sangue do povo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nen tristuras.
Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a pobreza e o delito,
fala do emigrante e do maldito:
só resoas nos lares
das xentes populares.
Ti tes que rexurdir puro,
poderoso, enteiro .
para erguer noso futuro
de povo absoluto e verdadeiro

Neste outro vídeo recitan Canción pra agardar un novo día
Parabéns a Santiago Futsal pola iniciativa.

xoves, 10 de novembro de 2016

O polbo Po apréndenos a atar os cordóns


A mascota do programa Apego é o polbo Po. Acertado nome pois a zunia antigalega vai chamarlle "pulpo Polvo" co cal soará como se estiveran arremedando a Argimiro Marnotes
O caso é que o polbo Po estréase neste vídeo explicándonos como se atan os cordóns. Todo pai saberá que é unha conquista descomunal pasar esta etapa polo que esta axuda será benvida por toda a poboación que viva a crianza.

mércores, 9 de novembro de 2016

Os xeranios do Señor Alfonso



Un enorme traballo, e segundo os autores, unha curta moi curta. Trata sobre a comprensión, os coidados e o cariño. Co telón de fondo do despoboamento do rural, dúas xeracións que se atopan, dous mundos que se xuntan e que non se esquecerán xamais. Producida polo  Cole de Cea, -CPI Virxe da Saleta (Cea)- e gañadora do 1º premio #OUFFescola no Ourense International Film Festival
Vía Trafegando Ronseis

luns, 7 de novembro de 2016

Arrolos de Rianxo vs. chirimbolos da Xunta



Na parte positiva
Ao ver que o IES Félix Muriel (Rianxo) vai colaborar cun proxecto iniciado polo concello chamado Arrolos de Rianxo, tiven un flash de memoria que me lembrou que lera algo sobre o asunto no Sermos. Trátase de identificar a aqueles veciños que teñan coñecemento destas cancións de berce para gravalos e divulgalos polas redes sociais. Con esta finalidade Arrolos de Rianxo abriu unha conta de facebook e outra de twitter.
O vindeiro ano preténdes publicar un CD co material recollido. Polo momento podemos acceder a un listado de gravacións na plataforma soundcloud.
Arrolos de Rianxo ten un precedente nunha das iniciativas de Apego, un programa colectivo parido pola CTNL, para formentar a transmisión interxeneracional do galego.

Na parte negativa
Sacada de aquí
Este verán os medios afíns ao réxime fixeron noticia dun plan de dinamización da natalidade que comenzaría por unha cesta de benvida para os bebés, que a pesar de ser únicamente un contedor cutre de material de propaganda , acabou divulgándose como se en realidade fose a famosa caixa finlandesa. Xa desde o principio houbo quen avisou de non era outra cousa que un foguete electoral. Pero o peor do seu contido explicóunolo Nel Vidal neste artigo. A caixa inclúe un CD  con cinco cancións de berce en castelán. Isto é o agasallo da Xunta nunha Galicia na que menos do 10% dos rapaciños dan os seus primeiros pasos en galego. Está clara cal é a dirección da política lingüística. Moita gabanza e lavado de cara diante das cámaras e unha toma de decisións dunha xenreira e un radicalismo propios do Ku Kux Klan.

venres, 4 de novembro de 2016

Cruz Gallástegui, e a manipulación da Xunta, protagonistas do VII Día da Ciencia en Galego

Este ano, nunha VII edición das xornadas do Día da Ciencia en Galego na que botaremos moito en falta a organización da Coordinadora Galega de ENDL, propúxose adicar a xornada a Gregor Mendel como figura internacional, e a Cruz Gallástegui no ámbito galego. A escolla ten que ver coa decisión da ONU de celebrar o ano 2016 como ano internacional dos legumes.
Lembremos que o Día da Ciencia en galego foi instituído para protestar contra a política lingüística do PP, quen decidiu prohibir o uso da lingua galega nas aulas de ciencias. A manipulación da xornada por parte da Xunta parece que non coñece límites. Este ano a Secretaría Xeral de Política Lingüística creou unha páxina con menos contidos que esta entrada e á que é case imposible acceder xa que non se divulgou por sitio ningún. Tamén recolleu un listado de actividades en relación coa ciencia realizadas nos centros escolares, pero son todas actividades realizadas o curso pasado, ou hai xa dous anos, como é o caso deste traballo do IES A Basella (Vilagarcía) ao que agora fai referencia a SXPL, ou o deste do CEIP Quintela (Moaña),... e así outros máis.
Para testar o compromiso da Xunta coa normalización lingüística no ámbito científico, basta ver como se anuncia na Rede de Bibliotecas Públicas o mes de novembro como mes da ciencia en galego: cunha ligazón á biografía da arquitecta Isabel Aguire... en castelán. Non podo deixar de preguntarme por cales serán eses libros de ciencia en galego que hai nas bibliotecas públicas. Hai algún? Promocionou a Xunta a súa edición? Cando? Non será que o funesto decreto de plurilingüismo aniquilou os poucos contidos de ciencia en galego que existían ata o ano 2009?

Notas sobre Cruz Gallástegui
Cruz Gallástegui Unamuno. Enxeñeiro agrónomo e xenetista. O mago das espigas, Urbieta Balado, Ana Isabel, Fundación Barrié (2010)
Cruz Gallástegui, Galipedia
Cruz Gallástegui Unamuno introdutor do millo híbrido e renovador da agricultura galega, Díaz-Fierros Viqueira, Francisco, Álbum da ciencia, CCG (2013)
Con Cruz Gallástegui, de Salcedo a Compostela, La Cueva de Zaratustra
Misión biológica de Galicia, é un exemplo da exclusión do galego practicada sistemáticamente polo CSIC. Temos contidos en inglés pero non en galego.

Vídeos
Don Cruz Gallástegui: O creador da Misión Biolóxica de Galicia
Historias de Galicia 18. As causas das cousas

xoves, 3 de novembro de 2016

"Astronomía a ollo ceibe" por Martin Pawley

Nas mañáns dos sábados hai unha sección de astronomía na programación de Radiovoz, A noite necesaria. Grazas a un chío da Agrupación Ío souben da subida do podcast do que Martin Pawley contou sobre Ramón Mª Aller no programa do pasado 03/04/16.
Pawley falou sobre todo de "Astronomía a ollo ceibe", o libro que Aller, da man do Seminario de Estudos Galegos, esperaba publicar no ano 1936 e que, de non ser polo golpe de estado dese ano, sería o primeiro libro de divulgación científica en galego. Insistindo sobre este tópico, e lembrando os artigos que entre os anos 1931-1934 escribiu o astrónomo lalinense na revista relixiosa Logos, Pawley chega a revindicar a figura de Aller como protagonista dun futuro Día das Letras.
O corte é realmente divulgativo e entretido.


Non sería mala idea reproducir este podcast como actividade para celebrar o Día da Ciencia en Galego, agora que a CGENDL anunciou o seu cese de actividades. Lembremos que a CGENDL foi a maior impulsora desa celebración na que se denunciaba a expulsión do galego das aulas das materias científicas.

mércores, 2 de novembro de 2016

Da arañeira 001

Da Galipedia