Chegan a esta xanela moitas contribucións de centros escolares sobre a reivindicación da lingua. En certos ámbitos case non existen como é o caso da administración de xustiza. Noutros, como o deporte, parece como se a lingua fose algo completamente alleo. Como se os deportistas non falasen, ou mesmo como se non soubesen ler. Velaquí un caso que debería darse con máis frecuencia. Os xogadores do club de fútbol sala Santiago Futsal, coa Praza do Obradoiro de fondo, fan unha lectura de poesías de Manuel María de reivindicación do galego.
Canto ao idioma galego
Idioma meu, humilde, nidio, popular,
Labrego, suburbial e mariñeiro
Que fas avergonzar
ao burgués, ao señorito e ao tendeiro:
levas sangue do povo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nen tristuras.
Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a pobreza e o delito,
fala do emigrante e do maldito:
só resoas nos lares
das xentes populares.
Ti tes que rexurdir puro,
poderoso, enteiro .
para erguer noso futuro
de povo absoluto e verdadeiro
Neste outro vídeo recitan Canción pra agardar un novo día
Parabéns a Santiago Futsal pola iniciativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario