por Laureano Araújo, na Praza Pública:
Son miles os docentes que imparten clase en galego e lle escoitaron preguntar isto a máis dun alumno durante unha proba escrita. Para ese alumno non é obvio que unha pregunta formulada en galego se contesta en galego; de feito, consciente da posibilidade que ten de escoller entre dúas linguas, verbaliza a súa opción por unha delas en detrimento da proposta polo profesor. Para el, a escolla é por completo aproblemática: nada hai no seu mapa intelectual e emocional que lle cree o máis mínimo conflito. Destápase así como o vehículo perfecto do proceso ideolóxico de substitución lingüística que a nosa sociedade, co inestimábel impulso das institucións e dos medios de comunicación mainstream, leva a cabo dun xeito sistemático en nome do bilingüismo, un dos máis demoledores conceptos fetiche da corrección política patria.
Case catro décadas de réxime constitucional democrático non foron suficientes para que en Galiza poidamos falar da normalización do uso da nosa lingua e para que en España se tempere o nacionalismo lingüístico cuxa cerna cazurra, agresiva e separadora resulta tan anacrónica nun contexto plurinacional como o noso. Os españois, empezando pola maior parte das súas elites políticas, non aprenderon a convivir dun xeito incluínte coas súas distintas culturas nacionais. E nada indica que tal cousa vaia suceder a medio prazo, dado que nin sequera repararon aínda, por exemplo, no asombroso que resulta que lles neguen aos seus concidadáns cataláns a condición nacional que levan proclamando no seu parlamento desde finais dos anos oitenta do século XX.
Os galegos están desde hai tempo divididos grosso modo entre os que só usan o castelán, os bilingües diglósicos e un reduto de galegofalantes moi concienciados que soportan con estoicismo a batería de improperios (imposición, sectarismo!) que lles ten reservados o nacionalismo español.
Cada un sabe perfectamente en que lugar do campo lingüístico decidiu situarse, de maneira que cabe dubidar seriamente de que haxa unha maioría interesada en consensuarmos unha nova política lingüística e en asumirmos os custos persoais que tería a plena restauración social do idioma.
Isto, ben mirado, parécese moito ao retrato dunha sociedade que xa hai tempo que renunciou a un ben público tan significativo como é a lingua de seu. É un fenómeno colectivo lento e pesado, que vai amosando as súas consecuencias aos poucos. Por momentos mesmo parece que non pasa nada, que unha cultura pode seguir en pé malia a progresiva desaparición do seu elemento nuclear. Até que un día abrimos un xornal da aínda chamada prensa nacional e nos preguntamos onde estarán as localidades de Guinzo de Limia, Otero del Rey ou Pollo; ou até que se nos informa de que a edición de libros en galego diminuíu dramaticamente nos últimos anos; ou até que nos atopamos coa inaudita resistencia da Axencia Tributaria a utilizar o galego; ou até que un operador de telecomunicacións estabelece que só atende os seus clientes en español. Ou simplemente até que un alumno pregunta, todo pancho: “¿En castellano también vale?”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario