Nas mañáns dos sábados hai unha sección de astronomía na programación de Radiovoz, A noite necesaria. Grazas a un chío da Agrupación Ío souben da subida do podcast do que Martin Pawley contou sobre Ramón Mª Aller no programa do pasado 03/04/16.
Pawley falou sobre todo de "Astronomía a ollo ceibe", o libro que Aller, da man do Seminario de Estudos Galegos, esperaba publicar no ano 1936 e que, de non ser polo golpe de estado dese ano, sería o primeiro libro de divulgación científica en galego. Insistindo sobre este tópico, e lembrando os artigos que entre os anos 1931-1934 escribiu o astrónomo lalinense na revista relixiosa Logos, Pawley chega a revindicar a figura de Aller como protagonista dun futuro Día das Letras.
O corte é realmente divulgativo e entretido.
Non sería mala idea reproducir este podcast como actividade para celebrar o Día da Ciencia en Galego, agora que a CGENDL anunciou o seu cese de actividades. Lembremos que a CGENDL foi a maior impulsora desa celebración na que se denunciaba a expulsión do galego das aulas das materias científicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario