A manifestación a prol da lingua galega convocada por Queremos Galego ateigou este 17 de maio a Praza da Quintana en Compostela. Pódese considerar unha das marchas que acadou maior asistencia das realizadas até o momento. Serían 25.000 persoas como afirman as organizacións convocantes? Pode que non tantos. Mais non foron moitos menos. En calquera caso, é unha cifra máis axeitada, por achegada á realidade, que a ambigüidade da palabra milleiros que dan moitos medios, que queren sementar no imaxinario colectivo máis a cifra de dous mil que de vinte mil. Non se trata dunha valoración neutra, sabedores de que neste contexto triunfa a hipótese máis conservadora.
Páginas
martes, 30 de maio de 2017
Foi un éxito a manifestación do 17 de maio? Debullemos
xoves, 12 de febreiro de 2015
Apuntamentos encol da manifestación de Queremos Galego
A mobilización do pasado domingo a prol do galego foi un éxito de participación. Foino malia que os medios de comunicación máis importantes silenciaron en boa medida a convocatoria, e cando se viron obrigados a comentala, fixérono dándolle sobre todo a voz á Xunta do PP para desalentar a protesta. Foi acertado que Queremos Galego anunciase a manifestación con moita antelación, para xerar así expectativa e ademais puidese chegar a toda a base social do nacionalismo, que ten un metabolismo moi lento ao carecer de medios de comunicación de masas propios. Mesmo, neste caso, resultou secundario que a consigna e máis o cartaz necesiten dun intérprete para entender cal era o obxectivo da convocatoria.
domingo, 18 de maio de 2014
A lingua que nos dá identidade
Non coincido con aquelas persoas que fan unha análise dramática da situación da lingua galega sen diferenciar o papel antagónico que neste aspecto teñen, por unha banda, os poderes fácticos, e pola outra, as clases populares. É un feito que o galego está en inferioridade de condicións, e que por cada caso que se poda dar de discriminación dos castelán falantes hai centos que se producen contra os que utilizan o galego; a maioría como se fose algo normal. Ficamos nun contexto que impón o castelán nas empresas, nas relacións comerciais, no ámbito relixioso, xudicial e educativo, así como na maioría dos medios de información e na cultura de masas.
luns, 4 de xullo de 2011
Medios e axudas públicas
martes, 7 de decembro de 2010
Debatendo máis que de lingua
luns, 17 de maio de 2010
A lingua da maioría dos galegos
Máis unha vez conmemórase o Día das Letras Galegas cun claro carácter reivindicativo, de defensa dos signos de identidade nacional de Galiza. Son moitas as ameazas que afogan a normal utilización da nosa lingua, o desenvolvemento da cultura propia, a protección do patrimonio e mesmo o coñecemento da historia do país.
A dependencia secular segue vixente, malia o feito positivo da autonomía, porque as competencias non son exclusivas nin as necesarias e, asemade, porque hai aspectos sociais e económicos que inciden negativamente, como a globalización neoliberal, os avances comunicacionais, a perda de control sobre sectores chaves da economía e a desfeita do mundo rural.
A este escenario difícil temos que engadir, pola súa transcendencia, as medidas regresivas, mesmo negadoras de todo o especificamente galego, desenvolvidas polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza e aquelas institucións nas que goberna. Non podemos esquecer asemade que a cultura dominante é a das clases hexemónicas, e a importante entrada de inmigrantes.
Neste contexto, os tradicionais mecanismos de colonización foron substituídos por outros máis indirectos, porén igual de eficaces e alienantes, e para neutralizalos cómpren máis competencias estatutarias, un tecido asociativo moi creativo e amplo, e que as institucións teñan un papel activo. Só así se evitará que a vontade social se torza a cotío, tanto polos grupos con poder económico como polas institucións a todos os niveis. Só deste xeito pódese garantir o respecto pleno á lingua galega (e ao pobo) e a continuidade xeracional do idioma propio do país.
Sendo o galego a lingua da maioría da poboación un atranco importante é que os produtos e comercios só estean rotulados en castelán e que, como outro exemplo, este sexa o idioma dos xornais (agás meritorias excepcións). Dise que son empresas privadas, porén teñen obrigas sociais, como acontece no relativo ás calidades. Con estes procedementos e deixar facer ao mercado (ou sexa ás clases dominantes) impóñense lingua e costumes alleas.
Tampouco axuda nesta tarefa, cómpre dicilo, o discurso dalgúns dirixentes e organizacións do nacionalismo que, para se opoñer á discriminación e descenso do número de galego falantes, predican o desacougo da vítima, pensando trabucadamente que así se acada maior apoio da xente, cando en realidade desalenta os sectores menos concienciados. E, tampouco podemos esquecer que as medidas que se tomen nas institucións responden sempre á correlación de forzas e, en procesos históricos como o noso, como incide a colonización.
O galego é a lingua falada pola maioría da xente, non é un idioma minoritario –isto debe quedar claro sempre!– e a poboación en xeral quere mantelo e utilizalo. Só a discriminación e os atrancos impiden que se convirta na realidade de todos os días.
domingo, 25 de abril de 2010
Lingua e ideoloxía dominante

por Manuel Mera, en Galicia Hoxe.
Non hai dúbidas de que a cultura dominante no mundo, e en cada país, é a das clases hexemónicas neses respectivos ámbitos, entón ¿por que non se ía impoñer tamén este criterio a respecto da lingua? A esta altura non existe razón ningunha para que o noso país se teña que excluír desta análise, xa que non existen, como no pasado, grandes áreas marxinadas das regras de xogo capitalistas. A dedicación dunha parte considerábel da poboación á agricultura de subsistencia é unha fotografía do pasado, que ademais os medios de comunicación de masas axudaron a borrar do imaxinario colectivo, malia que aínda teña vixencia en moitas aldeas e sexa parte da identidade da maioría da xente do país.
Se albiscamos o futuro temos que comprender que, de non existir vontades que o impidan, a lingua galega só será sustentada por aqueles que coidan que Galiza é unha nación e reivindican o dereito á autodeterminación. Neste intre aínda non é así, porque moitos dos dirixentes e simpatizantes de partidos de ámbito estatal naceron e criáronse nunha sociedade illada, galego falante, da que son herdeiros malia que a neguen acotío politicamente. Esta contradición irá desaparecendo a medida que pase o tempo. Isto sábeno os ideólogos da dereita que iniciaron unha enxurrada contra os sinais de identidade da nación galega, aínda que se cadra adiantáronse por prexuízos e soberbia (e a colonización ten resistencias máis fortes das que pensan) e atópanse fronte a sectores que, malia non utilizaren decote a lingua patria, séntense máis achegados daqueles que reivindican o idioma propio e aprecian singularmente a cultura galega.
A lingua, como todo o referente á identidade nacional galega, nesta etapa histórica está unida ao debate político, é dicir: á loita de clases. Fuxir desta realidade é un erro, e todos e cada un dos intentos de afastar o problema lingüístico da confrontación política e social só axudou a debilitar ás clases subordinadas. Nas últimas décadas o recuar do idioma é paralelo á permeabilidade ideolóxica do nacionalismo, e da esquerda en xeral, ás ideas das clases dominantes. Evidentemente non son eivas que se poidan solucionar con criterios organizativos e disciplinarios, aínda que haxa que tomalos, senón que esixen respostas axeitadas na confrontación no eido das ideas, da caracterización da realidade, das propostas organizativas e dos obxectivos tácticos e estratéxicos, e en concreto, a todo o relativo ao que no marxismo se denomina a praxe .
Por sorte unhas veces, e mágoa outras, estamos inseridos nunha realidade máis ampla na que o proceso de globalización neoliberal (e de auxe dos imperialismos, das economías de escada, do pensamento único e das linguas e culturas hexemónicas) está cada día máis cuestionado, tanto porque xorden novas potencias, como porque ademais hai países dependentes nos que se están consolidando vías alternativas (por exemplo o ALBA). O esgotamento do petróleo (dunha enerxía barata) tamén favorece unha visión máis achegada ao territorio. Semella que estamos diante dun punto de inflexión no mundo, aínda que as resistencias sexan moi fortes e podan existir momentos de grandes retrocesos conxunturais e localizados. Aproveitarémolo acaidamente?...


