Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 18 de maio de 2014

A lingua que nos dá identidade

por Manuel Mera, en Galicia Hoxe:

Non coincido con aquelas persoas que fan unha análise dramática da situación da lingua galega sen diferenciar o papel antagónico que neste aspecto teñen, por unha banda, os poderes fácticos, e pola outra, as clases populares. É un feito que o galego está en inferioridade de condicións, e que por cada caso que se poda dar de discriminación dos castelán falantes hai centos que se producen contra os que utilizan o galego; a maioría como se fose algo normal. Ficamos nun contexto que impón o castelán nas empresas, nas relacións comerciais, no ámbito relixioso, xudicial e educativo, así como na maioría dos medios de información e na cultura de masas.
Non se pode esquecer que o galego é o idioma propio de Galiza, dende hai máis dun milenio e medio, e que o castelán foi imposto por medio da conquista. Un proceso que se inicia coa centralización de Enrique de Trastamara, mais que adquire dimensión definitiva coa castración e doma do Reino de Galiza polos Reis Católicos. Encetando un longo proceso de colonización dos centros de poder urbanos e marxinación do ámbito rural, unha tendencia que se afonda coa supresión do antigo Reino de Galiza no ano 1833, e que daría lugar á insurrección de 1846. Aínda que será a ditadura franquista e a globalización neoliberal das últimas décadas a que maior dano cause á nosa lingua e identidade, como pasa con outras linguas e culturas do resto do mundo.
Mais, mesmo sendo certo que foi baixando o número de galego falantes habituais, a nosa lingua segue a ser a da maioría da poboación, malia que sexa minoría nalgunhas cidades e vilas e entre a mocidade (máxime cunha emigración que non atinxe a todas as clases e zonas do país por igual). Tampouco se pode ignorar, e ten un enorme valor, que moitas persoas ¡moitas! manteñan viva a lingua galega no seu centro de traballo, na rúa, na casa, na cultura, malia todas as presións. E asemade, non son poucas as que tendo como idioma nai o castelán, optan por facer da lingua nacional da Galiza a súa habitual, mesmo na empresa, na produción cultural, e na actividade social. Son sabedores de que un pobo que non se aprecia e respecta a si mesmo, tampouco se desenvolverá completamente no económico e social.
Daquela, son dous os aspectos a destacar na cuestión lingüística. Nun caso, a utilización do poder político e económico para marxinar a nosa lingua e destruír a nosa identidade nacional. No outro, que as clases populares malia séculos de discriminación e atrancos seguen a defendela e utilizala. Estes dous aspectos principais débense salientar sempre unidos, son as dúas caras da mesma moeda. Deste xeito darase máis forza ás esixencias e, ao mesmo tempo, rexeitarase o pesimismo paralizante e destrutivo. Só así se conseguirá a máxima complicidade social. O vindeiro 17 de maio Queremos Galego ten convocadas manifestacións en todas as cidades galegas e na Mariña luguesa. É unha oportunidade máis para amosar a resistencia, a vitalidade, da nosa identidade nacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario