Maña é un dos días grandes da nosa Patria porque maña reivindicamos a supervivencia do noso idioma, desa fala que herdamos dos nosos devanceiros e que temos a obriga de entregar viva e rexuvenecida aos nosos descendentes para que viva mil primaveras mais. Tamén é un día grande para todos os veciños e veciñas dos Vilares de Parga e para todos os amigos de Xosé María Díaz Castro que apreciamos a súa poesía, pero sobre todo, é un día grande para a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, que foi quen o redescubriu e deu a coñecer ao poeta que homenaxeamos este ano polo Día das nosas Letras.
Xermolos naceu doutra asociación anterior que se chamaba Raíces e Cañotos, fundada polo crego Alfonso Blanco Torrado ao chegar a vila guitiricense, aló polo ano 1976. Esta asociación cambiou de nome en 1980 e multiplicou as súas actividades: Edición de cadernos, libros e revistas; creación da biblioteca, escolas de música, escultura e cantería; concursos literarios e de debuxo para nenos; actividades deportivas e musicais que culminan co Festival da Música e da Arte, que todos os anos se celebra en Pardiñas o primeiro domingo de agosto.
O seu traballo non solo se circunscribe a Guitiriz porque xa transcende mais alá da Terra Chá, facendo florecer a nosa cultura nacional desde os tesos cumes do Caurel, que dicía Novoneyra, á empedrada Compostela, creando zonas liberadas para a nosa cultura dun extremo ao outro da nosa nación, pero respectando sempre as peculiaridades propias de cada comarca.
É triste que, por non estar normalizada a nosa cultura, teñamos que dedicar un día para reivindicar as nosas letras, namentres o idioma español non necesita de ningún porque conta con todos os días do ano para desenrolarse en liberdade, e para impoñerllo pola forza aos nosos nenos abóndalle co ministro do ramo e a desidia dos responsables da Xunta que teñen o deber de defendelo pero fan todo o contrario. Razón tiña Gabriel Aresti cando dicía que as manifestacións da cultura na súa mesma base son as que teñen verdadeira importancia e, por iso, mentres non se normalice a nosa lingua e se sigan gastando os cartos en obras faraónicas como a Cidade da Cultura serán necesarias asociacións culturais como Xermolos que gran a gran van enchendo a tulla e revitalizando a nosa cultura sen mais recursos que o seu propio esforzo.
Esta Asociación cobra vital importancia nestas datas por ser ela a depositaria do legado poético deste poeta que cando se xubilou do seu traballo de tradutor aló en Madrid e volveu a Terra, da que solo estivo ausente fisicamente, atopou en Xermolos un montón de amigos e na biblioteca a súa segunda casa, xa que el volveu co mesmo corazón co que partiu e coa intención de recuperar o tempo perdido, desterrado no ermo madrileño -como dicía el- lonxe do seu berce natal, porque a súa mente nunca saíu de Galiza e a nosa terra sempre foi con el. Era feliz paseando por Guitiriz ou pola súa aldea do Vilariño, tomando unhas cuncas de ribeiro e conversando cos amigos, indo a feira de Parga ou o Festival de Pardiñas e rodeándose de nenos cos que falaba con tanta naturalidade que se convertía nun deles.
Pode ser que eu, influenciado pola amizade que me unía a el e, por ser a primeira vez que vivo na Galiza un Día das Letras Galegas, que os meus ollos magnifiquen o que está acontecendo este ano, pero grazas ao traballo de Xermolos, dos profesores e alumnos do IES Díaz Castro de Guitiriz e a tantos centros de estudios de primaria e secundaria espallados por toda Galiza, vexo ao pobo implicado e ao amigo homenaxeado admirado polas diferentes capas sociais que conforman a nosa sociedade.
Sen desmerecer os anteriores, penso eu que poucas veces houbo tanta empatía e creo que nunca se musicaron tantos poemas do homenaxeado nin se fixeron tantos documentais sobre a obra e a vida do autor como neste caso. Todo elo é debido o traballo desta Asociación e do crego Alfonso Blanco, ao que hai que engadir tamén o dalgunha institución como a Área de Cultura da Deputación de Lugo que se esforzou en apoiar todos os actos e actividades que se levaron a cabo para divulgar a vida e a obra do poeta chairego.
A simpatía que xerou o noso poeta entre a sociedade galega -e sobre todo nos mais novos- despois de dedicarlle a Real Academia o Día das Letras é moi semellante a que xeraba el como persoa, e podemos ver como se achegan con cariño a súa figura moitos amigos de verdade, aínda que non o coñeceran en vida, pero sempre hai alguén que pasou del cando se atopaba entre nós e agora di haber tido unha relación próxima atrevéndose a afirmar que a súa poesía está por enriba do mundo rural, como si ese mundo rural fora unha baixeza e non merecera a atención dun bate da altura de Díaz Castro, cando el nunca renegou da súa procedencia campesiña e mesmo estaba orgulloso dela, nin se pode entender a súa obra sen o seu Vilariño natal, os montes e os penedos que o rodean, aos que xa de neno facía poemas para xogar coas palabras que escoitaba na súa aldea. A súa idea era levar a literatura ese mundo tan querido para el e facer perdurar as verbas que falaba súa aboa.
Os que tivemos a sorte de coñecelo, de gozar da súa amizade paseando e conversando con el por aqueles camiños que nunca esqueceu, puidemos aprender moito del e da súa personalidade: Agora sabemos que as cousas pequenas son moi importantes porque tamén engrandecen o mundo; que podemos ir por ese mundo, pero sempre cos pes ben afincados na terra que nos veu nacer; que para aprender idiomas non fai falta emigrar, como nos din agora os gobernantes para que a xente nova e mais preparada toque o zoco polo mundo adiante, xa que el aprendeu todos os de Europa entre Mondoñedo, Vilagarcía e a súa propia aldea do Vilariño. Deunos un gran exemplo, pois a pesar de saber tantos idiomas sempre falou na lingua que mamou e nela escribiu a súa obra, porque, segundo el, o español non serve para expresar o sentimento galego. Ensinounos que se pode ser universal escribindo na rica variante dialectal desta comarca chairega, pois ao mirar desde dentro por unha pequena fiestra podemos ollar o mundo, pero si miramos desde fora solo veremos escuridade, ou, como máximo, catro paredes.
Todas esas ensinanzas que nos legou debémosllas transmitir aos mais novos e solo así estaremos a facer unha Galiza digna, humilde e sinxela como era el, pero orgullosa de si
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 16 de maio de 2014
Xermolos e Díaz Castro
por Raúl Río Díaz en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario