por Xosé González no Galicia Confidencial:
En Salceda de Caselas remata o mes das Letras Galegas cun acto de reafirmación do galeguismo individual. Ben están os outros que foron convocados arredor da figura de Díaz Castro. Pero de nada servirá que enchamos os andeis das librerías con libros galegos se a maior parte da sociedade galega vive desgaleguizada. A lingua galega ten que procurar outros espazos sociais para que sectores tradicionalmente alleos ao discurso da normalización o fagan seu. Para que isto aconteza cómpre mudarmos o discurso e medios empregados deica hoxe.
O futuro da lingua galega estase a xogar fóra do ámbito literario. Velaí porque insistimos na necesidade de que os concellos galegos reconduzan a súa política cultural deseñando fórmulas novidosas para que o noso idioma teña presenza real noutras actividades, estimulando o fomento do galego no comercio, nas empresas, no consumo, nas actividades xurídicas, e na familia, que é o núcleo onde se toman as decisións que poden galeguizar os referidos ámbitos.
O Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocan ao vecindario a participar da iniciativa “En galego, agora e sempre”, que se escenificará o próximo día 31 ás 12:30 da mañá no adro da igrexa de Sta.María, parroquia, por certo, galegofalante. Os que acudan terán a oportunidade de asinaren cadansúa acta de derradeiras vontades nas que deixarán expresa constancia de seren soterrados na nosa lingua, incorporando aos testamentos unha manda específica neste sentido para que os herdeiros as cumpran.
Que Galicia foi maioritariamente galegofalante non hai quen que con honestidade intelectual o poida poñer en dúbida. Porén, o paradoxal está en que os vivos unha vez que morren son lembrados para sempre con lápidas en castelán, idioma que nunca tiveron como lingua de seu. Só o 2% das esquelas publicadas nos medios de comunicación están escritas en galego; e unicamente unha de cada mil lápidas reza no noso idioma. Esta conducta cultural debe mudar. Máis aínda, urxe restaurar a memoria lingüística de Galicia substituíndo as lápidas en castelán por outras en galego en homenaxe a todos os nosos devanceiro, tal e como fixeron os veciños da parroquia de San Facundo do Concello de Paradela no novo cemiterio poñéndolle lápidas en galego a todos os veciños que estaban soterrados no vello cemiterio do adro da igrexa.
Don Álvaro Cunqueiro quixo que a súa lápida mortuoria deixase constancia da súa querencia pola lingua galega con este epitafio: “Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Os millereiros de seres anónimos que non foron escritores, pero si transmisores dunha lingua no ámbito familiar arrolando aos seus fillos en galegos, ensinándolles a contar e a cantar no noso idioma foron potenciais escritores que deixaron a súa pegada nos corazóns dos seus e é de xustiza que os lembremos no seu idioma; facer o contrario é desnaturalizar a súa memoría cultural e lingüística. Por esta razón o Concello homenaxeará á “parroquia dos mortos” colocando unha placa na entrada do cemiterios con esta lenda: “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”. O nosos parabéns ao Concello de Salceda de Caselas por esta convocatoria; a mellor maneira de refrendala é participando nela co vontade resolta de empezar a regaleguización por un mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario