por Francisco Castro no Sermos Galiza:
Pasamos boa parte da Semana Santa lembrándonos dese hotel ou hostal ou casa rural ou non sei que asturiano, que lle rexeitou a candidatura para un posto de traballo a unha rapaza á que de paso aconsellou que borrase do seu curriculum o dato referido ao seu alto nivel de galego. As redes sociais arderon de carraxe eses días e incluso a prensa escrita galega se ocupou do caso (case que en todos os casos en castelán).
Que a actitude pailán dese hotel, hostal ou casa rural ou o que fose é vergoñenta e indignante é algo tan obvio que non imos pararnos a dicir nada que non se dixese xa antes. Estamos afeitos ao desprezo. Hai un par de anos falouse nos mesmos termos de certo hotel da Illa da Toxa que entre as normas de comportamento interno dos traballadores se explicitaba a prohibición de falar galego.
O que me interesa suliñar agora é que, sendo grave o comportamento do hotel, hostal, casa rural ou o que fose, non o é menos o desprezo sistemático que a meirande parte das empresas galegas amosan da nosa lingua. Quero dicir que, na propia Galicia, redactar o curriculum en galego resta polo xeral posibilidades (polo complexo de inferoridade do empresario, polos prexuízos políticos...) e non digamos xa o difícil que pode ser, sobre todo en contextos urbanos, superar unha entrevista de traballo facéndoa en galego.
A nosa lingua sigue sendo sospeitosa para a economía. Ou dito doutra maneira, a economía galega non fala galego (agás moi honrosas e moi exitosas, tipo R, excepcións). E porque a economía galega rexeita e é belixerante co galego así nos vai: as decisións todas tómanse fóra, porque, desprezando o que máis nos significa -o idioma- asumimos o rol inconsciente de colonia subsidiaria que merece ser dirixida e minimizada por outros que, ademais de ser os que teñen e manexan os cartos (tamén os nosos) falan mellor pois falan a lingua do poder.
Así que cómpre facer do galego unha cuestión de orgullo.
Aínda que por aí fóra non nos entendan, non.
Ningún comentario:
Publicar un comentario