Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo, que será lido nas 8 mobilizacións que terán lugar o 17 de maio de 2014 na Galiza.
O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover libremente polas diversas estancias.
Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados.
A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.
O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é, dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e patriótica. A partir dela e até os nosos días, a nosa lingua foi cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a cadora máis amplos e diversos.
Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste esforzo; mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.
Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o poeta a quen celebramos este ano, diremos:
Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.
Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.
Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.
Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.
Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente, e este decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.
Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados.
O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos para seguir nomeando o mundo desde nós.
Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e existir.
Viva a lingua galega!
Fagámola vivir e ser útil!
É tempo de falarmos: somos nós!
—***—***—***—
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 9 de maio de 2014
Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”
Da Plataforma Queremos Galego:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario