Digo “fuente” e apenas digo nada. Digo “fonte” e digo ai!, Fonte da Pichoca, Fonte de Candales, Fonte da Medrosa, Fonte do Espiño…, e digo auga daqueles días aínda fresca na miña boca, grandes sellas de auga nos vertedeiros de toelo, fontes comunais feitas hai mil anos polos nosos devanceiros, clarísima auga que nace incesantemente entre as pedras, á sombra dos castiñeiros, na beira do mar, auga para matar a sede, para recobrar a vida, para recuperar a forza, e digo días calorosos de sega, e digo avoa, e digo papá, e digo mulleres e homes de mans escravas, rostros de suor e alegría, e digo señora Lola, Pedro, Andrés, Benedita, José de Pastora…, e digo Espiño, Chousa de Loureiros, Barco Feito, Tristimil, A Reguiña, Caioga, leira longa de trigo, queixo da feira con pan, pedra de afiar, sesta á sombra da parra, moa, mollo, carro de bois, meda enorme, malla…, e digo fontana fría, cervos do monte, filha velida, Adiós ríos; adiós fontes, e digo Pero Meogo e Álvaro Cunqueiro, O cántico da fonte de Cesáreo Sánchez Iglesias, a Fonte Pampilla de Medos Romero e a auga toda do Courel no canto eterno de Novoneyra, e digo con Manuel María As fontes son os ollos / abertos e estantíos / das entrañas da sombra / a contemplar o mundo, e digo Fonte dos Cabalos, Compostela, Día da Patria, unha foto na Praza das Praterías con Aquilino Iglesia Alvariño en 1960, e digo Fonte de Santo André de Teixido, Fonte da Ferrería, As Burgas, Bos Aires, Sempre en Galiza, Castelao!, e digo Fonte do Desexo, na Praza de Azcárraga, ferro dos talleres de París, e digo Fonte do Ídolo, Fontana di Trevi, Fonte Gaia, azul como o ceo de Siena, para sempre eternamente nosa nun soneto de Baixeras, e digo: dicídeme, meus amigos, como sería a voz da auga no silencio da noite na fonte barroca do Mosteiro de Santa María de Monfero? Digo Monfero e digo oh, grande achado!, Cancioneiro de Monfero, Xosé María Álvarez Blázquez, cantigas en papel fío do século XVII, sen marca ou filigrana, para grande ledicia de Florentino López-Cuevillas. Digo fonte e digo Fonte dos papados frescos / onde baixan beber os bois / entre ameneiros. Lingua da miña xente, na que falaron todos os meus antepasados, na que sigo a escoitar as amadas voces familiares cada vez que agora digo Fonte da Trindade, Vilar, Fonte do Souto, Sabugueiro… Lingua que me habita na emoción e na que vivo. Lingua de meu, materna, insubstituíbel. Lingua da memoria miña máis profunda, memoria común do meu pobo. Lingua que nos dá a certeza absoluta de sermos nós, único idioma no que podemos mudar a nosa historia. E digo idioma, digo lingua como quen di Serra aberta / inmensa antiga herencia!, lingua milenaria, palabra que vén do fondo dos tempos, e digo –Digades, filha, mia filha velida: / porque tardastes na fontana fría? / … / -Tardei, mia madre, na fría fontana, / cervos do monte volvían a augua. / Os amores hei.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 18 de maio de 2014
Lingua de meu, insubstituíbel
por Manuel López Foxo en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario