Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 2 de maio de 2014

Marcos Maceira: " todos os avances que tivo o galego foron na medida en que houbo presión social"

Natalia Sequeiro entrevistou a Marcos Maceira para o Galicia Hoxe:

Marcos Maceira preside desde o pasado sábado a Mesa Pola Normalización Lingüística. Licenciado en Historia e xestor cultural, presentou unha candidatura de continuidade co labor realizado durante doce anos polo seu predecesor Carlos Callón. As mobilizacións en defensa do galego e as denuncias polas discriminacións que seguen a sufrir os seus falantes centrarán o seu traballo nos próximos anos. Maceiras, malia recoñecer os avances que ten acadado a lingua galega, denuncia que nos últimos anos o retroceso é claro.
En que situación está o galego tras cinco anos do Goberno de Núñez Feijóo?
A situación do galego hoxe é a peor con diferenza de tódalas linguas que hai no Estado español. Vemos como o catalán ou o eusquera soben en falantes e como o galego está en retroceso. A política do goberno de Feijóo ten moito que ver con esa situación. Os dereitos dos galegos falantes non existen. No ensino é o único sitio do Estado no que está prohibido impartir determinadas materias en galego.

Nótase algún impacto pola entrada en vigor do decreto polo plurilingüísmo na escola?
Tras facer un estudo, vimos que non pasa do 3% o galego na educación infantil nas sete cidades. Iso é unha evidencia clara de como está rompendo a transmisión xeracional e como o ensino non é capaz de romper esa situación. Máis ben actúa en contra, axudando a que o galego desapareza dese ámbito. Tamén hai motivos para a esperanza. Hai xente disposta a mobilizarse a favor do galego, que é algo que sucedeu nos últimos anos e que non era tan claro anteriormente.
Vós defendiades o modelo do Bipartito que falaba de que se poderían dar máis do 50% de clases en galego.
Na práctica non pasaba. Nós témolo denunciado, pero o decreto permitía que se algún profesor quería dar a súa materia en galego podía facelo. Agora estamos na situación contraria. Se un profesor quere dar aulas en galego non o fai por medo, e o que o fai en galego faino expoñéndose a unha sanción.
O castelán estivo en perigo algunha vez nas aulas galegas?
Foi unha absoluta mentira, unha técnica de propaganda vella. Pero non funcionou. Vimos nesas enquisas que fixo o goberno galego un nivel elevadísimo de pais que aínda non falando galego dicían que o falaban para que os seus fillos puidesen estudalo. Mesmo máis alto que o nivel dexente que fala galego nas cidades. A realidade é que o galego está desaparecido coa acción da administración. Na propia administración tamén pasa. Por exemplo, a rapaza que solicita unha bolsa predoutoural e non a puido obter porque o seu título universitario estaba en galego, algo que ten o 100% dos estudantes galegos.
É ese o caso polo que o Goberno central alegou que non se lle pode esixir o galego?
Si. Ademais, o Ministerio de Exteriores non admite a tradución xurada galego-inglés. O usuario ten que pagar unha tradución galego- español e logo outra español-inglés. Os galegos esíxennos o dobre de custe que a calquera outro cidadán simplemente por utilizar a lingua propia deste territorio. Nesta situación como se pode falar de todo isto que se falaba naquela campaña de propaganda. Ninguén que teña os pés no chan pode dicir que o castelán está en perigo, é xustamente o contrario.
Aposta pola continuidade dentro da liña de traballo da Mesa. Cales son os seus logros no pasado e os retos para o futuro?
Falo de continuidade na liña de profundar todo o que se fixo anteriormente. Dúas cousas que son básicas, a denuncia e a mobilización. Chégannos miles de casos e estamos sen medios para poder respondelos a todos. Ademais, todos os avances que tivo o galego foron na medida en que houbo presión social. Tamén queremos incorporar máis apoios á loita pola lingua.
Que tipo de denuncias?
Temos moitísimas queixas relacionadas coa administración, como as que comentaba antes. Tamén denuncias de empresas, desde teléfonos de atención ó cliente que non atenden en galego a problemas para facer determinados trámites. Ata a nós nos sorprendeu a cantidade de chamadas que recibimos. Temos problemas para atendelas porque non recibimos ningún tipo de axuda da Administración autonómica. Nós mantémonos grazas ás achegas dos socios.
Preparades tamén un informe para presentar na Unesco.
Imos elaborar un informe como o que se fixo hai 50 anos, cando os galeguistas da época conseguiron presentar unha denuncia pola situación do galego e que fose aprobada. Despois de presentalo á sociedade civil galega, levarémolo á Unesco para dar a coñecer a situación do galego a nivel internacional. Aquí hai un incumprimento claro de normativa europea, como a declaración de dereitos lingüísticos e tamén da declaración dos dereitos lingüísticos da propia Unesco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario