Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 3 de maio de 2014

Na procura do mellor dos manxares

por Manuel González Prieto nas Voces de Prolingua:

Vilafranca do Bierzo é unha vila senlleira polo carácter da súa xente que manifesta abertamente a súa raiceira galega.Está xa todo preparado. Os maios vestidos, as maias floridas, albiscamos as canaveiras sobrantes ciscadas polo chan... Comeza un día duro que require da astucia dun plan concienciudo argallado polos veciños da vila para solucionar o grave problema que os atinxe; o operativo require dunha especial sutileza que permita calar os ruxerruxe provocados polo baleiro dos estómagos atacados pola fame.Velaquí como unha vila é quen de botarse á rúa na procura das prezadas maias para calmar cunha boa enchente o fervor dos seus estómagos embravecidos.As canaveiras camuflan un plan mal intencionado que conta coa complicidade de todos os participantes, coa intención de alcanzar un prezado botín.Tres grupos integrados por veciños próximos saen da zona máis lonxe do seu radio de acción, percorrendo cada un dos grupos o camiño de maior distancia respecto do punto de encontro escollido, a Praza Maior.Comeza a camiñada.O obxectivo é claro e os pasos seguen o compás marcado polos berros dunha soa voz, a voz da fame. O grupo en bloque manifesta desde o primeiro momento as intencións do seu malévolo plan:
“Tire castañas, señora María...”“Tire xamón señora Sonia...”“Tire castañas, señora Manuela...”Todo bo buscatesouros que se prece coñece de primeira man os lugares nos que son agochados e nos que pode atopar un tan cobizado botín:“... que as ten na cociña”“... que as ten na romana”“... que as ten na mantela”


A primeira parada é na “Casa da Señora”.A señora asoma pola fiestra, roña en voz baixiña e escóndese rapidamente dunha vila enfurecida pola ausencia de resposta. Non calado nin mesurado o grupo reprende a roñona, quen sofre o escarnio popular da vila famenta que esixe a súa correspondente parte do pastel:“Esta casa é de lousa,onde vive unha roñosa”Tras os malos resultados recollidos o grupo prosegue a súa andaina camiño da segunda parada. Será alí onde recollerá unha gran cantidade de delicioso manxar que faga as delicias do padal da vila?Lembran os do lugar que o señor cura sempre fiel ten a ben custodiar o tesouro da súa fe. O xaxún da Coresma excita o ánimo do persoal berrándolle ao crego:“Bote o que lle sobra señor cura”Sen máis espera proseguimos no camiño; cristais, portas de ferro ou de estopa serven de muro de contención ante os veciños, que non contentos coa recepción botan as reprimendas oportunas. E a quen nesta ocasión? Ao xeneral!:“Esta casa é de cristal,onde vive un xeneral”O grupo ponse en marcha de novo e chega ás portas da “Casa do Cabaleiro”. Nesta ocasión piden axuda ao bo do Urbano Lugrís que, claro está, hoxe sumouse canda nós ao fervor popular. Nesta ocasión fai de peón de avance co apoio dunha lexión de famentos compañeiros de andaina. Da súa voz sae unha chamada á honra do señor.“Tíreno-las maias,señor cabaleiro,vale máis a honraque tod'o diñeiro”A impotencia do silencio produce o ataque feroz do grupo, quen denigra a figura do cabaleiro.“Estas portas son de ferro,onde vive un cabaleiro”
Como non hai camiñada sen viño e sen parada, cada grupo fai un alto na porta da casa dos veciños. Refrixerio tras refrixerio, iso si, co estómago baleiro, chegan ao destino cunha trompa descomunal.Bébedos de viño comezan as reflexións do persoal sobre os motivos da contenda. E ninguén dubida en afirmar que neste día primeiro de maio todos han de berrar: “Que viva a clase obreira e viva a Internacional!”A altas horas da mañá despiden conxuntamente o maio pregándolle que vaia descansar.“Acóstate maio a descansar,cando descanses volve cantar”



Ningún comentario:

Publicar un comentario