por Eva Vieites Salmonte, no Sermos Galiza:
Nunca estudei francés. Non sei fiar dúas frases deseguido nesta lingua. Isto non é algo do que me sinta orgullosa, pero as cousas ás veces son así.
Nunca pensei tampouco, que este idioma se chegara a converter na única lingua posible de comunicación cunha veciña da Coruña.
Ás veces é mellor non pensar, porque hai situacións no cotío que sobrepasan a racionalidade e os máis mínimos rudimentos da educación e o respecto.
Quen me ía dicir a mín, que de novo un amable bos días, puidera ser por trixésima vez a causa dunha fonda ultraxe e case dunha lipotimia mental de quen me escoitaba.
“No me hables en gallego que me pongo muy nerviosa”
Comprensible, pola nosa lingua xermolan tódalas compoñentes do axente laranxa multiplicadas por dez, cada unha das nosas verbas resulta tan letal coma o máis mortal herbicida. Isto claro está, é moi importante telo en conta cada día se estás a traballar en contacto coa xente...
E se nos fixeran responsables das malformacións e problemas de saúde por un "bos días, grazas, ou en que podo axudarlle?"
De ser os causantes de tal catástrofe, habería que comezar cun programa de limpeza dos territorios afectados, e nós diso sabemos un pouco...
París e A Coruña, o galego e o francés, a primeira unha lingua que confronta e convulsiona os espíritos pre(constitucionais), o segundo, un elegante e aristocrático idioma do que se serviron para cuestionar a orixe do meu nacemento.
“Pero vamos a ver. ¿Tú donde naciste? ¿En París? Porque si quieres hablamos en francés. ¿Quieres que hablemos en francés? ¿Es eso? Háblame en castellano que esto es España y a mí me ampara la constitución”
Nunca pensei que un bos días provocara un efecto tan defoliante e letal, e que un “de contado estou con vostede” tivera tal toxicidade que viñera acompañado de coaccións e denuncias, ameazas ante organismos e institucións oficiais, e mesmo acusacións de aldraxe dos dereitos constitucionais.
A Guerra química, é iso. A Guerra lingüística, é iso. A Guerra cultural, é iso.
Monsanto revive a través de herbicidas que contaminan e nos enferman, pero o axente laranxa non o espalla o galego, nin o francés, nin ningunha outra lingua.
Monsanto son os que increpan e menosprezan ao idioma. Monsanto é quen na Coruña cuspe odio a quen escoita falar diferente.
E eu non estou polos herbicidas, nin pola guerra química, nin a lingüística, nin a cultural. Son muller de paz, inda que non saiba francés. Pero como di unha canción de Calle 13 titulada El hormiguero: "sin disparar al aire, sin tirar misiles, sin tener que matar gente usando proyectiles, la guerra la peleamos sin usar fusiles"
Para rematar dicindo: ¿Tú quieres guerra? Pués vamos a medirnos, a ver quien es más bravo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario