Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de maio de 2014

Os exemplos

o artigo gañador do premio xornalístico de Carballo, por José Casás García, no Sermos Galiza, por exemplo (aparece publicado en moitos medios):


Leopold Bloom falou en galego antes que en ningunha outra lingua da Iberia alá polo ano 1926. Don Ramón foi quen de traer ás nosas palabras a xenialidade narrativa do irlandés James Joyce. O Dublín de Ulises respirou na nosa lingua no breve suspiro que supoñen seis capítulos para tan grande obra literaria, pero respirou. Reducir este feito a anécdota sería propio de porcos que camiñan de pé. Suporía desmerecer o labor dun colectivo de homes que puxeron o protagonismo en Nós, nun mundo no que viviamos totalmente Inadaptados. Eles, que coma Adrián Solovio, buscaron o coñecemento, a beleza e a arte por todos os continentes ata que foron conscientes de que os tiñan Arredor de si, e quixéronnolo transmitir. Converteron tal empresa en xornalismo, en literatura e en arte gráfica. O resultado foi a revista Nós. Durante 16 anos cada palabra, cada título, cada portada alumaron un pouco máis a nosa cultura, poñéndoa na altura das vangardas daquel momento.
Regaláronnos o darnos conta de que a nosa lírica era tanto ou máis fermosa que a de Machado, de que a nosa música era alegre e triste como o vento cando fai voar as follas no outono, de que a nosa lingua estaba á altura da ciencia e da política e de que o progreso consistía en reafirmarse no propio. Ata repararon na capacidade da nosa lingua para cruzar o Miño e incluso atravesar o océano máis alá de Fisterra.
Narrativa, ensaio, teatro, poesía..., a sabedoría das palabras bailou coa beleza e o impacto da arte ideada polo Xenio que foi quen de retratarse a si mesmo con tres obxectos: un chapeu, unhas gafas e un cigarro.
A imprenta traballou decote ata que os tanques e a guerra trouxeron a Longa Noite de Pedra.
Din que o froito da semente medra con máis forza alí onde houbo lume. As sementes daquela xeración Nós xermolaron de novo moitos anos despois. A súa herdanza foi reclamada por novas e grandes mentes creativas con semellantes inquedanzas. O papel cedeulle o protagonismo ás ondas radiofónicas e sobre todo á televisión. Sen sabermos se Sue Ellen seguía bébeda, chegaron os 90. A cultura pop era o tren que non se podía perder. A resposta ao reto foi un porco bravo.
Os Inadaptados tiñamos un novo lema: Oink!
O Xabarín Club, por fociños e por cacheiras, «fixo eternas aquelas merendas» (dixo un rapaz de barba) e fixo que as cativas e os cativos (e quen non o era tanto) de toda a terra cantaramos e bailaramos coa nosa lingua os ritmos do punk e do rock. Coñecemos os segredos deste noso planeta aló nos mundos dun tal Beakman e o doutor TNT debuxounos as curiosidades da banda deseñada.
E aquelas series. Quen non quixo ter rabo de mono, un bastón que se estricase ata o infinito e unha nube máxica? Quen non quixo correr á par daquela rapaza de gafas e o pelo violeta?
A nosa lingua conquistou a cultura pop. Os Inadaptados xa non eramos tal, eramos a Xeración Xabarín.
Non todo era o que parecía, amigo. A Xeración Xabarín medrou e os que viñan atrás cambiaron de canle. Pero unha vez máis a semente ha de agromar, regada cos valores deses Exemplos que tanto nos deron. Nós e Xabarín, Xabarín e Nós. Así, as Luzes volverán alumar as Prazas da nosa cultura e todo o mundo saberá que non hai dúas sen tres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario