Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 20 de maio de 2014

Solucións para o galego

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:


No que atinxe á nosa lingua propia, hailles feitos evidentes. Galego e portugués son ponlas do mesmo tronco lingüístico, afastadas pola separación política dos irmáns do sur . Deste xeito, mentres o vello galegoportugués chegou ser o código común de 230 millóns de persoas na Africa e Asia lusófonas, Portugal e Brasil, na Galicia foi excluído da vida administrativa, relixiosa e profesional por parte das autoridades civís e eclesiásticas , moitas veces foráneas, como escrebiu o padre Sarmiento. Velaí que o galego tivese de fixar o seu propio padron culto pola falla secular de uso nos ámbitos da vida empresarial, educativa e do pensamento. Foi éste un proceso non sempre comprendido polos falantes naturais dunha lingua usual moi deturpada e a respecto do que a minoría dos inimigos da lingua despregou un bó feixe de lugares comúns. Mais o proceso desenvolveuse e o galego ten, hoxe, un padrón culto.
"A igualdade xurídica real, que equipare as dúas linguas oficiais en dereitos e deberes e estableza unha decidida política de discriminación positiva en todas as ordes da vida social e pública. Unha apertura real ao mundo da lusofonía, para que a cidadanía sinta a utilidade de dominar dúas das máis útiles linguas do mundo"..
Tamén é evidente que a maioría da cidadanía quere o galego como algo propio. Como ven de escrebir unha revista norteamericana, que un dos xeitos seguros de anoxar un galego é alcumar a súa lingua de ¨dialecto´. Mais existe unha minoría moi influínte que rexeita todo empoderamento da nosa lingua. Probábelmente pola vaga noción de que un galego empoderado supón unha transformación social que non lles beneficia. Esta minoría chegou mesmo condicionar en grande medida a política lingüística do PP de Feijóo, que abandonou o consenso unánime do Plan de Normalización do 2004.
Qué solucións precisa o galego? A igualdade xurídica real, que equipare as dúas linguas oficiais en dereitos e deberes e estableza unha decidida política de discriminación positiva en todas as ordes da vida social e pública. Unha apertura real ao mundo da lusofonía, para que a cidadanía sinta a utilidade de dominar dúas das máis útiles linguas do mundo. E o recoñecemento de que o castelán pertence xa a esta sociedade e constitúe a lingua de centos de milleiros de galegos.

Son, pois, tempos de novos consensos para lle dar solucións á nosa lingua. Creación única do noso pobo. Mais, tamén, unha ferramenta útil e valiosa na Europa e no mundo do século XXI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario