Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 20 de maio de 2014

Das letras dos vivos

por Xaquín Núñez Sabarís, no Sermos Galiza:

Casualidades das calendas, quixo o azar que me estree nesta sección coincidindo coas festividades do Día das Letras. Pero que ninguén se inquiete, que non penso insistir nas merecidas ponderacións da obra e vida do conmemorado. Xa o ano pasado, nas páxinas do Diário do Minho, tiven oportunidade de glosar os méritos do homenaxeado no 2013, que por razóns biolóxicas, ben merecía aínda non ter cumprido un dos requisitos do recoñecemento e seguir contándonos as fisterrás historias sen gloria de Laudamuco ou dos ocupantes do Santa Liberdade.

Detereime, se mo permiten, nos que estamos deste lado da xanela, aínda presentes, os lectores, e que facemos posible e actual o feito literario. É preciso, xa que logo, glosar e recoñecer o labor de quen no día a día se ocupa de formalos, de crear espectadores ou melómanos, que dean sentido á puxante actividade cultural e literaria galega. Por iso, non podo deixar de referir –e desculpen que individualice- o labor realizado no instituto Cañada Blanch, en Londres, magnificamente liderado polo meu querido Xaime Varela.
Poucos dinamizadores culturais coñezo, tan eficaces e perseverantes. Fixo da capital inglesa un altofalante de excelencia, coa complicidade das novas tecnoloxías, que hoxe buscamos como aliadas. Non houbo galego que aterrase en Heathrow que non fose chamado a filas e os rapaces do Cañada son educados nun galego en positivo, pero sen ceder un centímetro.
“Fala Londres” obtivo os merecidos premios de quen contradí que estamos ante unha lingua que só nos serve para falar co embigo ou trazar sesións de espiritismo cos antepasados que a conservaron. Vogal a vogal, verso a verso, vaise tecendo un palimpsesto que traza o traballo vocacional feito agora en Londres, como antes en Forcarei ou París.

Por iso, cómpre no Día das Letras, se non queremos que sexa un acto simplemente retórico, ocuparnos tamén dos cómplices necesarios de Díaz Castro, Pondal, Blanco Amor ou Cunqueiro, porque nada homenaxea máis ou mellor a quen escribe, que alguén que os lea. Por iso é ben merecido o recoñecemento de pais, nais ou mestres que fan que a historia dun libro non se esgote apenas no colofón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario