Discurso do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na gala das letras, acto de entrega dos premios anuais que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra o pasado sábado día 3 de maio, no Sermos Galicia:
Hoxe é un dia de celebración das obras de creación, dos saberes e oficios que se fixeron escrita ou oralidade creadora ao longo do ano 2013 e viron a luz nas editoriais galegas e nos diversos medios escritos.
Os escritores e as escritoras galegas creemos na nosa cultura, na capacidade creadora da nosa cultura e dígoo coas palabras do poeta palestino Madmud Darwich ao falar aos seus
A nosa terra non é estéril /A cada terra correspóndelle un dia no que nacer/a cada mencer, a cita cun rebelde
Cada obra literaria cada obra de creación cada lenda ou acto de comunicación creador no noso idioma é un acto de rebeldía que fai amencer nos eidos da nosa terra para que dia a dia sexa construtora do seu propio destino: Rosala e Curros, Antón Avilés e Xoana Torres, Lois Pereiro, Luísa Villalta e Xela Arias, e tantos e tantas sabían que Galiza era unha terra á que lle corresponde nacer cada dia, que tiña unha cita cos seus fillos e fillas xenerosos que a soñan mentres a fan nacer.
A nosa historia está inzada de homes e mulleres que creron nas propias capacidades para determinar o futuro desta terra para producir os alimentos materias e os alimentos do espírito que diría Otero Pedraio que nos alimentaron a nós e alimentaron culturalmente á Europa e dos que nos dan testemuña os nosos Mestres da Memoria que hoxe premiamos. Desa estirpe vimos as escritoras e os escritores galegos. Somos fillos de Mendiño e Esquío tamén de Rosalía por iso celebramos o dia do seu nacemento o 24 de febreiro que reivindicamos como día lectivo dedicado ao coñecemento e a divulgación da súa obra.
Ano tras ano, no Dia de Rosalía, a nosa terra leveda en actos nos centros de ensino, nas rúas e nos centros culturais, nos concellos. Son xa máis de cen institucións municipais e escolares que celebraron o Dia de Rosalía este ano 2014 ( dos que teñamos noticia ). Para ela reivindicamos un panteón de galegos ilustres laico publico e que mais cedo que tarde sexa de propiedade publica. Que futuro poderemos construír para nós e os que veñan tras de nós se non temos aceso libre aos símbolos fundadores do noso ser, da nosa identidade.
Que o panteón de galegos ilustres estexa pechado ofende a nosa dignidade coma pobo e ofende a dunha muller libre coma Rosalia. Escóitoa falar cos versos de outra poeta persa negada a poeta Forugh-Farrojzad. Cando lle di á teocracia do home do seu tempo .(anos sesenta do pasado século)
Non me impoñas o silencio.Teño una historia para contar
O espazo dunha cadea é estreitopara unha alma posuída da paixónDéixame voarE serei unha flor no xardín da poesía.
É un dereito irrenunciábel visitala para a poder honrar a ela a Castelao, a Asorey.
Temos o dereito e a capacidades a vivir coma pobo dos froitos da nosa terra xenerosa e do noso mar doridamente farturento, temos o dereito e a capacidade a ter unha industria editorial que sexa sustentadora da normalidade da nosa cultura, co apoio institucional necesario como economía produtiva que é. Por isto tivemos que nos pronunciar escritores e editores (ante situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, cos datos que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estadística confirmando o peche de 45 bibliotecas públicas na Galiza entre 2008 e 2012),
Entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios.
Os escritores/as somos testemuña do noso tempo aínda que a arte non é a realidade di Flaubert, mais engade que fagamos o que fagamos estamos obrigados a elixir entre os elementos que a realidade proporciona.
Todo o que é humano lévanos a transfigurar a realidade, dinos o noso escritor galego universal Bernardo Atxga, ao falar de Obaba: Non se vive en vano, non se percorren os días e os años sen recibir as marcas do tempo; Catro historias e unha paisaxe non fan, porén, un mundo... Requírese que esas catro historias -e as catro mil o corenta mil seguintes- teñan unha mesma cualidade e estexan todas elas en consonancia, que respondan a unha única forma de sentir e de pensar.
Esa é a responsabilidade dun escritor, desvelar esa única e común forma de sentir e de pensar pois “ pode dar á luz a aquela parte secreta da alma de cada un e da alma dos pobos, na que se reflicte ou mellor dito perfila o futuro" como nos di Octavio Paz
O que acontece no mundo é peneirado e asumido polo escritor e a escritora para nos comunicar algo que está máis aló do que é posíbel dicir.
Premiamos o teatro galego nos seus saberes e oficios e institucións e coma dixen hai un ano no manifesto do día do teatro “ Nos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. No corpo do teatro, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. “
Querido Bernardo, queremos, ao te nomear escritor galego universal, un máis de nós, que sexa tamén un abrazo fraterno aos escritores e escritoras vascas como Aresti e Koldo Izaguirre e tantos e tantas.
É un acto de gratitude ás xentes populares de Euskaleria que construiron o teu idioma , amado por nós, que acolleron coma irmaos coma veciños de porta aos galegos con quen partillaron o pan e o futuro.
Lembróunolo a profesora vasca Rosa García-Orellán filla de galegos. Cando ao estudar tres xeracións de mariñeiros galegos e vascos que foron da mao ás xeadas terras da Terranova. Explicóunolo nas xornadas de literatura oral de Lugo
Como os barcos que partían de Pasaia, Hondarribia, A Povoa do Caramiñal ou Corrubedo, atravesaban o Atlántico. Mariñeiros da baixura galega ou dos casaríos vascos, Baserritarras, para chegar a un mar de xeo, para ser a ún mesmo tempo, protagonistas da epopea dos humildes que é coma os pobos escriben aquilo que permanece da súa historia.
Bernardo fálanos gravido de tenrura que, nas montañas de Nevada os pastores vascos gravaron ao longo de décadas, con coitelo, na cortiza branca dos álamos, o seu nome e a data, mesmo tallaron a forma da lonxincua casa natal. E cóntanos como se atopou co fillo dun daqueles pastores que moitos anos antes tiña morto nunha tormenta de neve. Viñera buscar ao seu pai, as pegadas do seu pai, viaxando de Vizcaia á montañas de Peavine. ......... Díxolle a Bernardo: Veño de ollar a súa arbore e agora estou tranquilo. Ademais, púxenlle unha cruz. A arbore está agora completa.
Cada xeración tatúa a cortiza da vella a arbore da nosa literatura cada xeración afirma , mesmo ao cuestionalas, as xeracións que a precederon, así completa a arbore da literatura.
Reivindico ás novas xeracións de escritoras e escritores galegos. Precisamos dos novos e novas escritoras e demandamos o seu dereito a ter un posto de traballo digno na propia terra, que lles permita escreber. A eles e elas correspóndelles completar a obra das xeracións que os precederon. Precisámos aos máis novos para que completen as marcas nas arbore da memoria colectiva e sexan altas columnas,
tan humanas coma un verso de Pimentel.
Tan fundadoras coma os versos de Rosalía.
Coa raíz tan fonda coma un verso Mendiño
Que sosteñan os ceos do futuro desta terra e o seu idioma. Neste idioma no que un voar de rula atravesa os ceos da cálida tarde de Pontevedra cun garimoso recordo para Maria Diaz Vidal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario