Cando hai trinta anos o maxistrado Claudio Movilla Álvarez, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, ditou a primeira sentenza en lingua galega algúns tiñamos o convencemento de que estabamos a retomar os fíos da historia tronzada polos "séculos escuros". O amigo, xa falecido, comunicábame a boa nova ao tempo que me indicaba as dificultades que daquela tiña a utilización da nosa lingua nos usos xudiciais: "Esperemos que nun próximo futuro, o que agora é un acontecemento --que triste considerar esto como un acontecemento!--, se converta nunha rutina".
Non é xusto, dicíame, que os profesionais do dereito e xudicatura recorran á argallada de non utilizar o galego por non estaren avezados no uso das súas regras gramaticais. Os que con tanto esforzo estudaron o dereito e prepararon durísimas oposicións poden facer o mesmo estudando a nosa gramática.
O certo é que o proceso é máis lento do que agardabamos; aínda as hai moitos avances en territorio tan pedregal; profesionais capaces de sortearen as dificultades e exerceren a súa función xurisdicional no idioma que nunca debeu ser proscrito nunha administración que paradoxalmente está para impartir xustiza e aplicar as leis que recoñecen a cooficialidade lingüística. Herdeiros do exemplo de Claudio Movilla habían vir axiña. Por orde de antigüidade velaí están o maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xoán Xosé Barreiro Prado, e os fiscais Benito Montero e Carlos Varela García, fiscal superior de Galicia, autores de milleiros de expedientes xudiciais redactados en galego.Cómpre salientar tamén a militancia lingüística de moitísimos outros profesionais do dereito que fan parte da Irmandade Xurídica Galega, auténtica dinamizadora do proceso de regaleguización das nosas institucións xudiciais malia os atrancos que atopan a cotío en moitas oficinais xudiciais e nomeadamente do Ministerio de Xustiza por mor do programa informático "Minerva" que non facilita a utilización da lingua galega nos xulgados.Malia as dificultades, o proceso de normalización lingüística sigue avanzando, iso si, con ritmo condicionado sendo cada vez máis os xuíces/as, fiscais, avogados/as, procuradores/as e funcionarios/as xudiciais que se apuntan á regaleguización da xustiza. Velaí están o Consello da Avogacía de Galicia e os colexios de avogados de Santiago de Compostela e Vigo que teñen o galego como lingua oficial.Na nosa tradición xurídica recente houbo prestixiosos profesionais, iso si, ignorados polos plans de estudos das facultades de dereito, que avogaron polo uso da lingua galega nas instancias xudiciais: Peña Novo, Porteiro Garea, Sebastián Martínez Risco, Ramón Carballal Pernas, Pedro González López, Fermín Bouza Brey, Pedro González López, Victorino Gutiérrez Aller, Orencio Pérez González, Daniel García Ramos... e Amadeo Varela Rodríguez, xurista de continuados compromisos cos valores patrimoniais de Galicia a quen este ano a Irmandade Xurídica Galega homenaxeará na sétima asemblea que celebrará en Ourense, o próximo día 24 de maio, nun acto solemne no vello paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, despois de deixar constancia do recoñecemento do seu meritorio labor profesional nunha placa que será colocada na fachada da casa da rúa do Progreso, onde tivo despacho ata o día do seu pasamento.Pero non debemos esquecer que a regaleguización do dereito precisa tamén do concurso responsable dos cidadáns que acuden ás instancias xudicias a resolveren os seus litixios.
O mesmo podemos dicir dos actos xurídicos privados que se tramitan en rexistros e notarias. Sendo como é Galicia un país de pequenas propiedades as súas escrituras deberían ser redactadas, a instancia de parte, no idioma maioritariamente falado dos seus titulares, que non é outro que o galego.* Presidente do Foro E. Peinador
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 22 de maio de 2014
Galeguismo xurídico
por Xosé González Martínez (*), no Faro de Vigo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario